ADEGA pide a caducidade da concesión franquista do Salto do Navia

Espazo que ocuparía o encoro © ADEGA

Días despois de que o Ministerio de Medio Ambiente publicase a declaración de impacto ambiental negativa do encoro, impedindo así a súa construción, a asociación ecoloxista solicita que se anule para sempre o proxecto. Os plans de construción desta central comezaron en 1951 cando o Goberno franquista concedeu a autorización. Dende entón en oito ocasións a promotora tentou levar adiante a infraestrutura en oito ocasións (1951, 1956, 1964, 1975, 1976, 1985, 1995), e atopouse sempre coa oposición frontal dos veciños da zonaADEGA pide que se evite un novo intento da promotora Saltos del Navia (sociedade ao 50% de Endesa e Hidrocantábrico) de desenvolver o proxecto e máis agresións para a comarca, declarando a caducidade da concesión.

En maio de 2010 o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade unha moción do BNG que instaba á Xunta a informar negativamente sobre a concesión Salto do Suarna e que lle pedía ao Goberno central que decretase a caducidade da concesión. E unha vez máis ADEGA reivindica que o Estado debería "decretar a caducidade da concesión para impedir que a empresa siga intentado reiteradamente levar a cabo o proxecto e para evitar que a comarca siga soportando as consecuencias negativas desa promesa reiterada do proxecto, que polo de agora só animou ao abandono e ao despoboamento da zona". ADEGA afirma que "os ríos galegos están xa sobreexplotados, e vai sendo hora de que recuperen a súa función como axentes xeradores de vida e deixen de servir en exclusiva aos intereses das eléctricas".

O proxecto foi variando cos anos, dende o inicial Gran Suarna, que prevía asulagar a Povoa de Navia, até fraccionarse en 1975 en dúas presas (unha, a de Penamil, augas arriba da Povoa e outra, a de Suarna, na mesma ubicación do Gran Suarna), e agora convertido de novo nun único encoro na confluencia dos ríos Navia e Suarna. A central hidroeléctrica de Saltos del Navia contemplaba un encoro dunha altura de 75 metros,  elevada a 130 metros en 1956 co proxecto “Gran Suarna”, e a 150 metros en 1975. Daquela, a obra ía anegar catro núcleos de poboación entre os que se atopaba a vila de Navia de Suarna. O proxecto denegado a pasada semana tería unha cota de 289 metros e unha conca aproveitada de 1.065 kilómetros cadrados. A central situaríase na marxe esquerda do río Suarna, en terreos do Concello de Fonsagrada.

Ademais do impacto sobre os veciños e veciñas da zona e as súas actividades produtivas (pois a presa anegaría preto de 450 hectáreas dunha zona eminentemente agraria), o encoro afectaría gravemente un espazo de Rede Natura recoñecido por outras catro figuras de protección, entre elas Reserva da Biosfera. De igual xeito tería un impacto directo sobre numerosos lugares de interese arqueolóxico. Ademais, este encoro sumaríase aos tres aproveitamentos hidroeléctricos xa existententes e que están a sobreexplotar o río Navia, que ficaría con máis dun 50% do seu treito encorado.

A pesar de que a suma destas cuestións e os enormes prexuízos que traería a central fixeron que os plans da promotora nunca foran adiante, Saltos del Navia inicou hai uns anos outravolta o proceso para tramitar os necesarios estudos ambientais de impacto, aproveitando os "ventos administrativos favorábeis", que segundo ADEGA se abriran na Xunta e no Estado. Unha vez máis, a ameaza quedou paralizada, pero para evitar que nuns anos, noutras circunstancias, poida rexurdir, pídese a revocación da concesión.

Espazo que ocuparía o encoro © ADEGA
Espazo que ocuparía o encoro © siempreibias.blogspot.com
Ponte medieval de Navia de Suarna © Concello de Navia de Suarna

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.