O descanso definitivo do Veiro será en galego tras pasar tres anos enterrado en vida polo franquismo

A lápida de Veiro, en galego Dominio Público Concello de Nigrán

José Veiro Guisande naceu en 1907 en Vilariño, na parroquia de Parada do Concello de Nigrán. Morreu en 1995 e está soterrado no cemiterio municipal de Parada. Pero antes xa pasara tres anos baixo terra, agochado tras a Guerra Civil. Desde este sábado a lápida que identifica o seu lugar de descanso definitivo está en galego.

O Concello de Nigrán e a súa familia traducen a lápida baixo a que repousa un sindicalista represaliado tras a guerra que viviu tres anos agochado

O Concello de Nigrán e familia do Veiro, como era coñecido, sumáronse no mediodía deste sábado ao Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia cun acto no que honrarán o represaliado unha vez que a súa lápida foi trocada e traducida ao galego. Ademais, descubrirase unha placa na entrada do camposanto co nome en galego do cemiterio. Ao acto asistirá Eulalia Veiro, filla de José, e forma parte do programa de actividades Nigrán a través da memoria que o Concello vén desenvolvendo durante este mes de outubro en colaboración co Instituto de Estudos Miñoranos.

José Veiro era un coñecido labrador de esquerdas en Parada, onde fixo a súa vida coa súa muller Saladina Vidal. Pertencía ao Sindicato de Agricultores e quedou sinalado polos falanxistas nun concorrido mitin que deu na Ramallosa. Trala Guerra Civil andou escondido no monte e entre casas de veciños ata que o cerco sobre el aumenta e decide esconderse coa axuda da súa muller nun burato tapado con palla e millo, feito a escasos metros da súa casa, baixo unha nogueira. Alí pasou máis de tres anos, sen sequera os seus fillos pequenos, que xogaban preto do buraco, ter coñecemento. "Un día o miramos subir a unha maceira e corremos a contarlle ao avó que alí había un home, nin o recoñecemos, a nós dixérannos que marchara para América. Incluso ás veces, polas noites, mentres durmíamos viña á casa e falaban, pero a nós dicíannos que soñaramos, que non viñera ninguén", recorda a filla, que ten 86 anos.

Acto de restauración da memoria lingüística no cemiterio de Parada, en Nigrán / Concello de Nigrán

O acto forma parte do programa de actividades Nigrán a través da memoria que o Concello vén desenvolvendo durante este mes de outubro en colaboración co Instituto de Estudos Miñoranos

Durante ese tempo no buraco, a muller do Veiro facía que lle levaba comida ao can para realmente darlla a el, e foi nunha desas cando os gardas agochados nunhas viñas descubriron a realidade e o prenderon. Tras mallar nel no cuartel de Baiona, o Veiro foi trasladado aos cárceres de Ferrol ou a illa da Gomera. "Cando volveu non era el", di Eulalia, que non puido retomar a escola por ser "filla dun roxo". Tempo despois José Veiro puido retomar a súa vida e regresar ao traballo no campo.

O Concello de Nigrán sumouse por primeira aos actos pola restauración da memoria lingüística en 2015, cando se homenaxeou ao mestre republicano fusilado José Vázquez Grela. En 2016 a homenaxe foi a Carlos Casares, enterrado como o anterior no cemiterio municipal de Nigrán. O alcalde, o socialista Juan González, historiador de formación, amósase “orgulloso” de homenaxear a Veiro, ao que adica moitas páxinas do seu libro Nigrán. Memoria dunha Guerra 1936-1939. “Era unha persoa comprometida socialmente, sufriu calamidades durante os anos que andou fuxido e logo na cadea, sen embargo, foi capaz de perdoar, retomar a súa vida e reconciliarse con moitas amizades do bando franquista, era moi querido. Por todo elo, dende o goberno de Nigrán quixemos aproveitar este acto de restauración da memoria lingüística para recuperar tamén a memoria histórica dos nosos veciños inxustamente represaliados polas súas ideas”, salienta González.

José Veiro nunha imaxe de 1928 Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.