A CIG chama á folga na sanidade este xoves e venres, malia o acordo do resto de sindicatos co SERGAS

Peche no edificio administrativo da Xunta de Vigo, o pasado venres © CCOO

CIG-Saúde mantén a convocatoria de folga na sanidade galega para este xoves e venres. O paro era inicialmente apoiado tamén por CCOO, CSIF, SAE, SATSE, CESM-OMEGA e UGT, que optaron este luns por desconvocalo, tras chegar co SERGAS a un acordo de carreira profesional para os traballadoresco servizo galego de saúde. No documento asinado polas cinco centrais sindicais e a Consellería de Sanidade, esta aceptou negociar a carreira ordinaria e comprometeuse a que o inicio de recuperación e cobro da carreira sexa no 2019.

A CIG, pola contra, sinala que o acordo “simplemente non se solucionou ningún conflito” e que a proposta presentada polo SERGAS sobre carreira profesional "deixa máis dúbidas que certezas", xa que "non se recupera ningún dos acordos suspendidos". O sindicato nacionalista afirma que "a proposta sobre carreira profesional vai incrementar as diferenzas salariais existentes entre as/os profesionais do mesmo colectivo" e chama a atención sobre "aspectos que quedan no aire". “Non sabemos canto vai ser a contía dos graos desta carreira, non temos ningunha garantía de que, como mínimo, sexan iguais  aos da carreira extraordinaria”, critica. Finalmente, advirte de que "non hai compromiso firme de cobrar no ano 2019, porque vai depender da dispoñibilidade orzamentaria".

CIG-Saúde afirma que "non se pode renunciar aos acordos retributivos 2008/12", suspendidos desde a chegada de Feijóo á Presidencia, "que condenan ao persoal do SERGAS a ter as retribucións máis baixas dos servizos de saúde do Estado". "Feijóo non permite que se cumpra ningún acordo asinado durante o Goberno bipartito, esquecendo que as organizacións sindicais asinamos acordos coa administración e non co partido político do Goberno”, denuncian 

Así pois, a CIG mantén a folga e as mobilizacións previstas, chamando os e as traballadoras a participar na concentración convocada para o día 2 de novembro, ás 11 horas, diante da consellaría de Sanidade, en San Lázaro (Santiago de Compostela).

 

Para CCOO, "un acordo positivo"

CCOO, pola súa banda, cualificou o acordo de "positivo", aínda que "parcial" e subliñou que se vén sumar a outros "acordos parciais" asinados por este e outros sindicatos nos últimos anos. Refírese, por exemplo, á recuperación dos días adicionais por antigüidade (2015), a recuperación de parte "dos cartos arrebatados nas pagas extras" conxeladas en 2012, ou á sinatura dun plan de estabilidade cunha convocatoria de OPE en 3/4 anos de máis de 5000 prazas (2017).

 

Peche no edificio administrativo da Xunta de Vigo, o pasado venres © CCOO
Acordo asinado por CCOO, CSIF, SAE, SATSE e UGT © CCOO

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.