"Hai persoas que sofren vulneracións de dereitos, microrracismos, todos os días"

Interior do aeroporto de Alvedro © AENA

O pasado 5 de outubro oito mulleres pertencentes a SOS Racismo Galicia viaxaron dende A Coruña ata Bilbao para participar nun Congreso sobre Islamofobia de Xénero organizado pola Federación de SOS Racismo do Estado Español. Porén, no control de seguridade do aeroporto de Alvedro dúas das persoas do grupo foron apartadas para realizarlles un control aleatorio das súas pertenzas. Esas dúas persoas foron as únicas que levaban hiyab. A situación repetiuse na viaxe de volta, e no aeroporto vasco tamén foron estas dúas mulleres as únicas ás que se lles requiriu un rexistro polo miúdo da súa equipaxe. SOS Racismo procedeu a denunciar ante AENA os feitos, pero alerta de que esta situación non se trata dun problema puntual, senón de algo que sucede habitualmente e que a maior parte das veces non se denuncia.

"Utilizar o hiyab como método de detección de posibles persoas sospeitosas vulnera todos os dereitos do ser humano, en concreto, das mulleres musulmás que deciden utilizar esta prenda"

"Resulta paradoxal que o Congreso ao que acudiu o equipo de SOS Racismo versara precisamente sobre os feitos acontecidos na viaxe, sobre as prácticas discriminatorias que reforzan os prexuízos e os estereotipos que pesan sobre as persoas musulmás", destaca a entidade. "Utilizar o hiyab como método de detección de posibles persoas sospeitosas vulnera todos os dereitos do ser humano, en concreto, das mulleres musulmás que deciden utilizar esta prenda. O acaecido nos aeroportos de Bilbao e A Coruña son actos de islamofobia, comportamentos abusivos e ofensivos que, a forza de ser repetidos, están xa fixos na sociedade que chega a percibir estes feitos como algo normal", alerta.

"Nós, que non estamos acostumadas a esta situación, estabamos bastante indignadas. Elas, en cambio, tomábano con bastante filosofía, humor e algo de resignación, porque dicían que estaban xa afeitas a sentirse moi vixiadas nos aeroportos"

Zorahaida Casales, coordinadora da Oficina de Información e Denuncias por Racismo e Xenofobia de SOS Racismo Galicia, explica que as mulleres que sufriron esa situación "son dúas mozas novas, de vinte e poucos anos; son musulmás, pero naceron en Galicia e falan galego perfectamente". "Cando eu me acheguei a falar co persoal de seguridade para preguntar cal era o problema, este comezou a escusarse, pero falando en exclusiva cara a min. Ata que lle tiven que dicir que ela falaba o idioma perfectamente. A súa actitude era moi condescendente e prexuizosa", sinala. "Nós, que non estamos acostumadas a esta situación, estabamos bastante indignadas. Elas, en cambio, tomábano con bastante filosofía, humor e algo de resignación, porque dicían que estaban xa afeitas a sentirse moi vixiadas nos aeroportos. Creo que o humor, neste caso, é un mecanismo de defensa emocional", engade

 

Unha situación "habitual" para moitas persoas

"Isto é o peor: que a situación vólvese habitual para moitas persoas, nos aeroportos, pero tamén á hora de alugar un piso ou de buscar traballo. É un problema que sofren as persoas que teñen uns rasgos físicos que non se entenden como os habituais na sociedade galega. Tanto ten que sexan nacidos en Galicia, que sexan inmigrantes, que leven aquí vinte anos ou tres", di. "Hai todo un conxunto de prexuízos e estereotipos que relacionan estas persoas coa pobreza, con problemas sociais ou cunha condición de irregularidade administrativa... que lles impiden poder alugar unha vivenda, por exemplo. Temos moitos casos de xente que ten nóminas, avais..., que chaman por teléfono e lles din que si, que o piso está dispoñible e que poden ir velo, e que ao presentarse alí lles comunican que xa está ocupado. Despois chamamos nós, para comprobalo, e resulta que efectivamente segue libre", denuncia.

"Isto é o peor: que a situación se volve habitual para moitas persoas, nos aeroportos, pero tamén á hora de alugar un piso ou de buscar traballo·

"Ata este ano o informe anual de SOS Racismo só recollía as denuncias realizadas, normalmente por agresións físicas ou outras cuestións moi graves e visibles. O que pasa é que nós no noso traballo diario estamos detectando moitas vulneracións de dereitos de todo tipo e cremos que isto hai que visibilizalo. Por iso decidimos que este ano si se recollan este tipo de reclamacións", comenta. "Hai persoas que sofren vulneracións de dereitos, microrracismos, todos os días. E non son nada micro, porque se te están rexeitando todos os días, impedíndoche facer unha vida normal, acabas odiando a sociedade na que vives, o que por suposto non xustifica a violencia, pero é moi duro. Estamos sendo responsables de xerar odio", advirte.

"As administracións públicas deben comezar a asumir as súas responsabilidades e non escudarse en que se trata de cuestións privadas, de decisións que adopta unha persoa -por exemplo alugar ou non un piso- e nas que as institucións non poden facer nada"

Como se cambia isto? "O noso labor dende SOS Racismo é concienciar a sociedade, a estas persoas, de que a diversidade existe, gústelles ou non e que hai que respectala. E tamén impulsar cambios na actitude das administracións. Eu son educadora social, e para min por suposto que isto é a base, pero a educación ten que estar apoiada por políticas públicas, tanto no aspecto lexislativo como de xestión", di. "Creo que as administracións públicas deben comezar a asumir as súas responsabilidades e non escudarse en que se trata de cuestións privadas, de decisións que adopta unha persoa -por exemplo alugar ou non un piso- e nas que as institucións non poden facer nada", salienta. "O que se fai non é suficiente. Estamos moi atrasados con respecto a outros países". conclúe.

 

Interior do aeroporto de Alvedro © AENA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.