Cultivar para queimar

Eucaliptais CC-BY-NC-SA vitorb

Ano tras ano Galiza arde. A doenza está diagnosticada e coñécese o remedio: o monte está abandonado e cómpre recuperalo como recurso. Unha das vías para curar os males deste paciente é empregar a materia vexetal ou biomasa para producir enerxía eléctrica ou calor. 

Mais como outras renovábeis, a biomasa atópase coa oposición de colectivos ecoloxistas e veciñais, que nalgúns casos obriga a trasladar a localización dos proxectos, como aconteceu recentemente no Condado. Todas as formas de produción de enerxía eléctrica teñen impacto no medio, e a queima de biomasa non é unha excepción.

Todas as formas de produción de enerxía teñen impacto no medio 

A biomasa é unha fonte de enerxía que en teoría non emite gases de efecto invernadoiro, principais responsábeis do quecemento global. Durante o seu ciclo de vida a biomasa fixa carbono da atmosfera no solo dos montes, de xeito que o balance entre o que captura durante a súa vida e o que produce ao se queimar é como mínimo neutro. 

Porén, para manter en funcionamento unha central eléctrica con biomasa durante 24 horas cómpre un subministro constante de material para queimar. Segundo Anxo F. Saborido, presidente da asociación ecoloxisa Adenco, a central que Engabiomasa tiña pensado construír en Ponteareas e que trasladou a Mondariz precisaría de 320 toneladas diarias de biomasa que cómpre transportar e almacenar

As centrais de biomasa son pouco eficentes

Esta cantidade débese a que as eficiencia destas centrais é moi baixa. Segundo un informe da Comisión Europea sitúase entre o 10 e o 30%, mentres que o resto se perde en forma de calor. Damián Copena, tamén de Adenco, asegura que para poder refrixerar as caldeiras cómpren grandes cantidades de auga, que no caso do proxecto orixinal de Ponteareas pretendían extraer do río Tea, un espazo protexido incluído na Rede Natura 2000

Eucaliptos para as centrais

Os restos de rozas ou dos cultivos non poden manter ese fluxo de material, polo que cómpre basealo nos "cultivos enerxéticos", árbores que medran rápido plantadas para queimar nas centrais de biomasa. A Xunta de Galicia presentou o pasado mes de abril o borrador da orde que regula estes cultivos no país. Nel incluénse vellos coñecidos do monte galego como o eucalipto. 

Amais de empregar especies alleas aos escosistemas atlánticos e vulnerábeis aos incendios forestais, estes cultivos deterioran o solo e provocan que deixe de almacenar carbono. Deste xeito pérdense os teóricos beneficios de explotar esta fonte de enerxía

Segundo explica Benito Andrade, da Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR), as principais causas son a  mecanización das explotacións para facelas rendíbeis e o emprego de fertilizantes e pesticidas para eliminar plantas competidoras dos eucaliptos e protexelos de posíbeis enfermidades. 

Pesticidas e maquinaria modifican a composición do solo.

"Estase comprobando nas plantacións das Rías Baixas, que xa son antigas, un deterioro absoluto do solo, até o punto de que as empresas están abandonándoas", asegura Andrade. "Se isto pasa en ciclos de 12 a 15 anos, nas explotacións para cultivos enerxéticos vaise multiplicar por tres porque os tempos son máis reducidos", remarca. 

Alén de asegurar o subministro, a enerxía eléctrica xerada coa queimas destes cultivos recibía até o de agora unha prima máis alta que a xerada máis elevada que a producida con restos forestais ou agrícolas, tal e como recolle o Real Decreto 661/2007

A supresión das primas ás enerxías renovábeis a principios paralizou o desenvolvemento do sector, e ningunha das 12 centrais que a Xunta licitou en 2010 (e das que só unha está autorizada) chegou a tempo para recibir estas axudas. 12 centrais que sumarán case 80 MW a un país que produce máis enerxía da que precisa.  

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.