0 Gardados para despois

A Coruña súmase ás cidades galegas con restricións de auga pola seca

Redacción | @prazapublica

A Coruña súmase ás cidades galegas con restricións de auga pola seca​, logo de que outras urbes como Ourense e Vigo xa as anunciaran hai uns días. Representantes técnicos e políticos dos municipios integrados na Mesa Metropolitana da Auga na Coruña reuníronse par acordar as primeiras medidas de aforro, entre as que se incluirán, a partir da vindeira semana, eas "restricións nos usos da auga en espazos públicos e a redución na medida do posible do consumo innecesario", tal e como informa o Concello. 

A Mesa Metropolitana da Auga na Coruña reuniuse par acordar as primeiras medidas de aforro

Desde María Pita lémbrase que as choivas dos últimos días "aínda non foron suficientes para recuperar o caudal dos ríos Mero e Barcés" e que o nivel do encoro de Cecebre "baixou esta semana ata o 39%", polo que os municipios que se abastecen del acordaron adoptar medidas "de xeito conxunto e responsable". Así, na próxima semana empezarase a restrinxir o consumo en fontes ornamentais e elementos similares, interromperase o baldeo de rúas para a súa limpeza, reduciranse os regos públicos e privados e controlorase o consumo en edificios e instalacións municipais e das perdas da rede de abastecemento para minimizalas. 

Segundo lembra o Concello, e tal e como quedou patente na xuntanza, serán necesarios "un mínimo de tres meses de choivas regulares para recuperar as reservas de Cecebre", polo que "é necesario emprender accións para aumentar o máximo posible a duración dos recursos hídricos dispoñibles, aínda cando as previsións meteorolóxicas permiten un certo optimismo". Para iso, a administración local e a Mesa Metropolitana piden "a axuda de toda a cidadanía", polo que reclaman tamén "un consumo responsable nos fogares e negocios". 

Restrinxirase o consumo en fontes, interrómpese o baldeo de rúas, redúcense os regos públicos e privados e controlarase o consumo en edificios municipais

Estas novas restricións chegan logo de coñecerse que o nivel dos encoros galegos situouse hai tan só uns días por baixo do 40% no Miño-Sil e o Navia. Ante esta situación, o Goberno galego lanza mensaxes de precaución e confianza ao mesmo tempo. O pasado luns 30 de outubro, a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, admitía que a situación é “preocupante” e engadía que a poboación non tería que temer restricións de non agravarse a seca. Iso sería, segundo as súas propias verbas, “se non chovese en cen días”, cando “as circunstancias serían máis que preocupantes”, ao que engadiu que “de aquí a 90 días, tendo en conta que é decembro, xaneiro, febreiro, malo será que non chova”.

“De aquí a 90 días, tendo en conta que é decembro, xaneiro, febreiro, malo será que non chova”, dixera a conselleira Beatriz Mato

Pero a situación non muda moito. Ademais dos encoros, os ríos galegos baixan secos, todos no seu nivel mínimo dos últimos anos. A seca afecta os caudais de forma semellante no norte, no centro e no sur do país. Por exemplo, o Masma (en Mondoñedo) presenta un caudal 3 veces inferior ao de 2016, 6 veces inferior ao de 2014, e 20 veces por debaixo do de 2013. O Anllóns (en Carballo) amosa rexistros semellantes e leva a metade da auga que o pasado ano, 8 veces menos que en 2014. No que levamos de 2017, o Miño ao seu paso por Lugo transportou ao redor de 800 hectómetros cúbicos de auga, fronte aos case 2000 que adoita levar. O panorama repítese no Sarria, no Cabe, no Arenteiro, no Arnoia ou no Tea.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.