Un auto por maltrato animal en Lugo devén nunha denuncia xeral do atraso legal na materia

Edificio dos Xulgados de Lugo © Google

Hai dúas semanas unha cadela de seis meses foi arroxada desde a xanela dun edificio en Lugo, desde unha altura indeterminada. O animal sufriu feridas moi graves, ao fracturarse ambos os dous fémures, e foi trasladado pola Policía Local a un servizo veterinario de urxencia. Con todo, nese momento os seus donos -unha parella que reside no edificio desde o cal se precipitou- negáronse á asistencia sanitaria, esixindo a devolución do animal e negando ser os responsables da caída.

Non só lles retira a custodia do animal e lles impide "con carácter provisional" ter outras mascotas, senón que lles prohibe aproximarse a menos de 500 metros da cadela

Días despois, unha vez que a noticia foi publicada na prensa local e as redes sociais, fíxose cargo da investigación a xuíza Pilar de Lara, titular do xulgado de Instrución número 1 da cidade, que se atopaba de garda. Tras tomarlle declaración á parella, a maxistrada vén de ditar un auto no que non só lles retira a custodia do animal e lles impide "temporalmente e con carácter provisional" ter outras mascotas, senón que lles prohibe aproximarse a menos de 500 metros da cadela, que foi trasladada ao Hospital Veterinario Rof Codina para ser operada e recuperarse das súas lesións. Alí, ademais, foi bautizada como Catalina.

Pilar de Lara critica tamén a actuación dos axentes da Policía Local que localizaron o animal, que "poderían e deberían ter adoptado medidas cautelares ou preventivas", como "o comiso e a intervención cautelar" da cadela, cumprindo así a Lei de Benestar Animal de Galicia e a propia ordenanza que sobre esta materia ten o Concello de Lugo.

 

Defensa dos dereitos do animais

Pero o auto da xuíza, de 28 páxinas, vai moito máis aló deste caso concreto e convértese nunha declaración en defensa dos dereitos animais e o seu benestar, un documento moi crítico coas ferramentas legais existentes e as políticas públicas aplicadas. O texto sinala que España conta cunha das lexislacións “máis relaxadas” en protección animal en toda a UE e destaca que os “pequenos logros” dos últimos anos só foron posibles grazas “á presión e loita denodada, constante e inquebrantable de asociacións animalistas e ecoloxistas” e fronte ao escaso interese dos poderes públicos.

A maxistrada critica, así mesmo, que nin xuristas nin corpos policiais contan coa necesaria formación nin sensibilización sobre este tema

"O crecente rexeitamento aos malos tratos animais, que foi callando con forza na conciencia cidadá, non se ve apoiado por un sistema legal que resulte operativo", denuncia, o que leva a que sexan “moi escasas as sentenzas condenatorias a pesar da duplicación das denuncias por malos tratos animais". A maxistrada critica, así mesmo, que nin xuristas nin corpos policiais contan coa necesaria formación nin sensibilización sobre este tema.

“É de xustiza recoñecer que se este xulgado puido actuar a tempo e conseguir salvar a vida da cadela e a súa mobilidade foi grazas á actuación cidadá e ao labor informativo despregado neste caso polo diario El Progreso, que se fixo eco das queixas veciñais, máis que á axilidade da propia actuación administrativa e policial”, engade.

O auto critica igualmente "que a estas alturas non se fomentasen políticas públicas e administrativas dirixidas a facer realmente efectivos os dereitos ao benestar dos animais"

O auto critica igualmente "que a estas alturas non se fomentasen políticas públicas e administrativas dirixidas a facer realmente efectivos os dereitos ao benestar dos animais, impulsando a necesaria concienciación social xa desde a infancia para lograr recoñecer que os animais son seres capaces de sentir pracer, medo, dor, ansiedade, estrés..., e tamén de sufrir, resaltando a importancia da relación directa que existe entre o benestar animal e o benestar mesmo da humanidade".

Pilar de Lara denuncia "a crueldade e a perversidade humana contra os animais” e engade que quen "despreza a vida ata o punto de maltratar ou abandonar a unha mascota habitualmente tamén desprega o seu instinto agresivo contra unha muller, os seus fillos, menores, anciáns, veciños ou outros cidadáns aos que considera inferiores”.

A xuíza critica os "espectáculos cruentos e festexos populares, patrocinados e mesmo financiados por entes públicos que se toleran por valores coma os de arte, cultura e tradición"

Nese sentido, cualifica de "gran materia pendente" a inclusión do benestar animal na Constitución e a aprobación dunha Lei Estatal de Protección Animal que afonde nos seus dereitos e supere a actual “diversidade” normativa entre unhas e outras comunidades. Critica, ademais, os "espectáculos cruentos e festexos populares, patrocinados e mesmo financiados por entes públicos que se toleran, amparan e protexen por valores e conceptos sacros coma os de arte, cultura e tradición". "Clama ao ceo que en determinados ámbitos se sigan cosificando e mercantilizando os animais, negándoselles a súa condición de seres vivos e sentintes, o mesmo que no seu momento se lles negaban os dereitos aos escravos e ás mulleres", conclúe.

O auto atribúe a custodia provisional de Catalina á Sociedade Protectora de Animais de Lugo, unha vez que o hospital lle dea a alta médica á cadela. Tamén indica que no momento en que a Protectora decida formalizar unha adopción ou acollida para o animal requirirá dunha autorización xudicial.

 

Edificio dos Xulgados de Lugo © Google

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.