0 Gardados para despois

"Debemos camiñar cara a uns servizos sociais universais, máis preventivos e comunitarios"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Fernando Fantova (Bilbao, 1961) leva traballando dende finais dos anos 70 en intervención social con persoas con discapacidade, traballo con familias e desenvolvemento comunitario. Entre 2009 e 2013 foi viceconselleiro de Asuntos Sociais do Goberno Vasco, regresando despois á consultoría no ámbito das políticas sociais, no que ten escrito unha decena de libros. Está esta semana en Galicia, convidado polo Colexio Oficial de Traballo Social, para ofrecer dúas conferencias (este xoves en Compostela e o venres en Vigo) sobre os "Retos dos servizos sociais a comezos do século XXI". Falamos con el.

"É importante que se recoñezan os servizos sociais como garantidos para todo o mundo. E aqueles casos máis complexos, de exclusión social, deben ser entendidos como intersectoriais: terán a súa parte de educación, a súa parte de sanidade e a súa parte de vivenda"

Como deben ser os servizos sociais no século XXI? Como se deben adaptar ás novas realidades sociais para atender mellor a poboación?

Os servizos sociais veñen dunha asistencia social todoterreo, que o mesmo che facilitaba unha vivenda, un emprego, cartos ou acompañamento. Pero estamos nun escenario de Estado do Benestar no que xunto á consolidación da atención sanitaria universal e do ensino público universal, tamén se establecen uns servizos sociais universais, polo que estes deben abandonar unha posición residual, de axuda ás persoas que quedan fóra desta atención, para ter un obxecto propio: o tema dos coidados, o tema do comunitario..., e devolverlle ao resto de ámbitos -vivenda, emprego...- a responsabilidade de atender aquelas persoas nunha situación máis complexa. É importante que se recoñezan os servizos sociais como universais, que estean garantidos para todo o mundo. E aqueles casos máis complexos, de exclusión social, deben ser entendidos como intersectoriais: terán a súa parte de educación, a súa parte de sanidade e a súa parte de vivenda.

Está cambiando o perfil da pobreza: o fenómeno dos asalariados pobres, da pobreza na mocidade e nas xeracións intermedias...?

Claro, falamos de moitas cousas ao falar de pobreza, falamos da desprotección infantil, falamos da dependencia das persoas maiores... Todos estes fenómenos, hai varias décadas, nunha sociedade tradicional, de pleno emprego masculino, de familias patriarcais... quedaban reducidos a unhas minorías de persoas pobres, de xente soa, de xente desprotexida..., cuxa atención quedaba encomendada á asistencia social. Hoxe isto é impensable, hoxe é maior a proporción de poboación que nalgún momento das súas vidas vai estar en desemprego, ou vai ter problemas económicos, ou vai ter problemas funcionais ou de necesidade de coidados. Hoxe non se pode pensar que a asistencia social, os servizos sociais por si sós se van poder facer cargo de todo.

"Da mesma maneira que entendemos que unha persoa ten un dereito universal á súa saúde e a unha atención sanitaria independentemente de que fume ou beba, debemos entender que ten un dereito a comer ou a vestirse"

A renda básica universal ou algún outro sistema de rendas garantidas serían unha solución, polo tanto? É posible aplicala a curto prazo?

É imprescindible. A lóxica é esa: Da mesma maneira que entendemos que unha persoa ten un dereito universal á súa saúde e a unha atención sanitaria independentemente de que fume ou beba, debemos entender que ten un dereito a comer ou a vestirse. De igual xeito que como sociedade nos gastamos 30.000 euros en curarlle un cancro, esa persoa debe ter garantida a súa subsistencia material, sobre todo nun mundo no que non está garantido o pleno emprego. A solución á pobreza económica non corresponde aos servizos sociais, é unha cuestión de que exista unha garantía de ingresos e de que haxa un bo sistema de emprego que axude a xente a atopar un traballo. Os servizos sociais deberán actuar se esa pobreza tiña a súa orixe nunha falta de autonomía da persoa; aí deberán axudar a esa persoa a empoderarse, a tomar correctas decisións de futuro, ofrecendo un acompañamento...

"Debemos traballar a partir do que temos agora: pensións contributivas, non contributivas, rendas mínimas..., ir reordenando este ámbito para establecer un piar universal no que haberá un mínimo garantido para todas as persoas"

A fórmula debe ser traballar a partir do que temos agora: pensións contributivas, non contributivas, de invalidez, rendas mínimas..., ir reordenando este ámbito para establecer un piar universal no que haberá un mínimo garantido para todas as persoas. E despois, en función de se contribuíron ou non, en función do número de membros na familia e outros factores, a achega económica será maior. O panorama actual de multiplicidade de prestacións é absurdo. En moitos países xa se está avanzando na integración entre fiscalidade e prestacións, e ese debe ser o camiño. Un único piar que xestione a forma en que os cidadáns achegamos e recibimos.

"Non ten ningún sentido que unha persoa estude catro anos de Traballo Social para tramitar prestacións económicas de subsistencia"

Hai que mellorar o investimento e o gasto social, supoño que hai que incrementar o persoal e recursos humanos neste ámbito, seguramente tamén a coordinación entre administracións... En que aspecto farías máis énfase? Hai que mellorar esa coordinación, o funcionamento interno?

Hai unha frase que se repite sempre e que quizais é un pouco convencional, pero que creo que é moi correcta: non hai vento favorable para quen non sabe onde vai. Isto está pasándonos nos servizos sociais: en ocasións os estamentos políticos encoméndannos coa mellor intención moi diferentes tipos de prestacións económicas que o fan é afastarnos desa acción comunitaria, deses coidados persoais, e meternos en dinámicas de burocratización que non teñen sentido. Non ten ningún sentido que unha persoa estude catro anos de Traballo Social para tramitar prestacións económicas de subsistencia. Eu non faría énfase tanto no incremento orzamentario e si en que ese incremento orzamentario axude a xirar o sistema, separando a parte da garantía de ingresos dos servizos sociais e para acompañar un proceso de mellora científico-técnica e de mellora dos servizos sociais, para facelos máis preventivos, máis comunitarios e de máis valor engadido. A crise do Estado do Benestar non é unha crise orzamentaria, é unha crise sistémica: a sociedade cambiou e non cambiaron os dispositivos de atención social.

"Hai tres grandes profesións nos servizos sociais: o traballo social, a intervención social e a psicoloxía. E estas persoas son o grande activo dos servizos sociais. Hai que recoñecer o inmenso valor e o inmenso mérito desta xente, que está no territorio, que está na comunidade"

Que papel xogan os traballadores e traballadoras sociais? Que papel poden ou deben xogar?

Eu creo que hai tres grandes profesións neste momento nos servizos sociais, que son o traballo social, a educación social e a psicoloxía da intervención social. E estas persoas son o grande activo dos servizos sociais. Hai que recoñecer o inmenso valor e o inmenso mérito desta xente, que está no territorio, que está na comunidade. Son traballadores e traballadoras que moitas veces non teñen unhas condicións laborais adecuadas e que están levando adiante o servizo. Estas condicións laborais deben ser melloradas e recoñecidas na administración, e á vez estas persoas deben ser claves nese salto adiante que deben dar os servizos sociais para atender as novas necesidades, de cara a un saber-facer máis relacional e máis comunitario. E non centrarse tanto na xestión administrativa.

De que forma se están adaptando os servizos sociais ao progresivo envellecemento da poboación? Como deberían adaptarse?

En primeiro lugar, hai que dicir que o feito de que na actualidade vaiamos vivir moito máis tempo que a xeración dos nosos avós e avoas é un dos logros máis marabillosos que acadou a sociedade española. Que en España nun século a esperanza de vida aumentase case 40 anos é algo para estar moi orgullosos e orgullosas do noso modelo de sociedade. É unha nova sociedade da lonxevidade, interxeracional. Este logro ponnos diante novas necesidades, tanto no ámbito das pensións coma da sanidade, cun novo patrón de cronicidade en moitos pacientes ao que hai que atender. Nun primeiro momento optouse por un modelo baseado en sacar as persoas da comunidade e levala a establecementos de atención especializada, este modelo non é desexable socialmente e ademais seguramente non é sostible economicamente.

"A resposta pasa por unha mellora da atención domiciliaria, por incrementar os axentes na comunidade, polo uso da tecnoloxía..., con todo iso temos que avanzar cara á sostibilidade interxeracional da vida"

Se cadra a resposta pasa por unha mellora da atención domiciliaria, por incrementar os axentes na comunidade, polo uso da tecnoloxía e da informática..., con todo iso temos que avanzar cara á sostibilidade interxeracional da vida. Trátase de que todas as persoas compartamos unha vida comunitaria en interdependencia, cuns servizos de calidade, integrados e intersectoriais que permitan a realización de vidas completas no propio territorio. É por iso que os servizos sociais deben colaborar cada vez de maneira máis estreita cos servizos sanitarios e cos servizos de vivenda.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.