Lalín entrega os premios do concurso de cartas contra o maltrato: "Non podo crer que os veciños non nos oíran"

O concurso de cartas 'Dillo a quen maltrata' celebrou a súas 14ª edición © Concello de Lalín

"Aínda hoxe, non podo crer que os veciños non nos oíran (...) Non o podo crer, non podo crer que os teus amigos che compartisen baralla, que o rei de bastos non vomitase, que a sota que tanto che repugna non che cuspise, que o cabalo obedecese as túas ordes de saltar á mesa. Se cadra quería fuxir, coma min". É un extracto da carta gañadora no concurso "Dillo a quen maltrata”, convocado polo Concello de Lalín a través da Oficina de Igualdade. É xa a 14ª ocasión en que se leva a cabo este certame, que este ano recibiu máis de 100 misivas dende todos os puntos de Galicia. O gañador, de feito, é Francisco Javier Fernández, de Nigrán, pola súa carta titulada “Radiografía da parroquia”. Tamén levaron premios a estradense Laura Filloy (2ª) e a viguesa Alba de La Torre (3ª).

É xa a 14ª ocasión en que se leva a cabo este certame, que este ano recibiu máis de 100 misivas dende todos os puntos de Galicia

Tamén se elixiu a persoa gañadora do VI Concurso de tuits contra a violencia de xénero. Neste caso, o premio foi para a lalinense Sara Granja, de 14 anos, que tuiteou: "O maltrato crea cadeas, a igualdade dá a forza para rompelas #lalinsenviolencia". Todos e todas elas recibirán un diploma acreditativo e outros premios (dúas tablets e un e-reader) que lles serán entregados nun acto público que se celebrará o vindeiro 25 de novembro (Día contra a Violencia Machista) ás 18.30 no Concello de Lalín. Estas dúas iniciativas véñense desenvolvendo dende hai anos e teñen o obxectivo de promover entre a sociedade, sobre todo entre os e as adolescentes "unha conciencia de condena e loita contra as violencias machistas", así como "fomentar formas de vida e de convivencia en igualdade".

A carta gañadora pregúntase por que veciñanza e amigos ignoraban ou pechaban os ollos ante a conduta do maltratador 

Na carta gañadora, unha nena diríxese a seu pai, desexando "que non foses quen de volver a casa, para que nos deixases en paz, a min, ás miñas irmás e, sobre todo, a mamá, a esa mamá silenciosa, á mamá que nunca dixo nada, á que calou para sempre ante os teus berros, ante cada frase de golpes, ante cada manifestación da túa impotencia, ante cada puño, contra toda a ira, baixo o viño, contra a túa paixón por non dialogar, por non dicir nada que os teus cotelos puidesen resumir". E pregúntase por que veciñanza e amigos ignoraban a súa conduta: "Aínda hoxe non podo crer que que os veciños non nos oíran (...) que a insistente brétema vermella dos ollos de mamá non alzase preguntas na igrexa, que o cura non cuestionase, que ninguén movese un dedo máis que para pousalo nos beizos dos nenos, no corazón da conciencia, no botón de borrar o baleiro da besta".

A segunda carta, que comeza por un "Ola papi", cóntalle que a súa nai, que está a facer as maletas "está un pouco enfadada contigo". Dille que "Onte, cando estaba na habitación xogando ás bonecas, escoiteivos berrar. Por que lle falas sempre tan alto? Ela escóitate igual. Papi, non está xorda. Tamén está magoada. Hoxe, cando se vestía para levarme a clase, vin que tiña o lombo cheo de negróns. Puxen cara rara, como cando lle botas limón á pescada. Colleu a camiseta correndo e díxome que levara un golpe contra a porta. Pero eu levei un o outro día e non teño tantas marcas".

A terceira carta remata declarando que "xa estou farta" e enumera unha serie de frases que moitas mulleres poden escoitar dende a súa infancia e adolescencia, para acompañalas durante toda a súa vida

Finalmente, a terceira comeza dicindo que "Son unha rapaza de quince anos. E con iso é suficiente. Xa sabes máis de min do que sabes das vítimas de violencia de xénero falecidas en 2017. E verdadeiramente, a ninguén parece importarlle. Catro políticos vestidos de negro; un minuto de silencio; tres cousiñas na radio e na televisión, non vaia ser que aburran ós oíntes ou televidentes; e cinco palabras de ánimo... Só iso por ducias e ducias de mulleres asasinadas, e recalco asasinadas, xa que non morreron soíñas". O texto remata declarando que "xa estou farta" e enumera unha serie de frases que moitas mulleres poden escoitar dende a súa infancia e adolescencia, para acompañalas durante toda a súa vida: “que histérica... así é imposible dicirche nada”; “xa sabes que non me gusta que amoses se non é a min”; “non podes facer o que queiras”; “se che mira outra vez, métolle”; “non digas nada diante dos meus amigos” “onde e con quen estás?”; “fágoo polo teu ben”; “eu quérote”; “ti és miña, oiches?”. Mecanismos de control e de violencia psicolóxica que preceden ou acompañan á violencia física e outras formas de maltrato.

 

O concurso de cartas 'Dillo a quen maltrata' celebrou a súas 14ª edición © Concello de Lalín

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.