0 Gardados para despois

O BNG pide que o 1% do orzamento da Xunta se dedique a combater a violencia machista

Redacción | @prazapublica

Representantes da xudicatura, dos CIM e dos colectivos feministas participaron na xornada Avanzando contra a violencia machista, organizada este sábado en Compostela polo BNG. A formación nacionalista destaca que "falta conciencia social, faltan medios materiais e humanos e falta educación en igualdade para poder avanzar na loita contra a violencia de xénero".

Ana Pontón fixo fincapé na "urxencia de incrementar os recursos para loitar contra a violencia machista" e propuxo destinar cada ano cando menos o 1% do orzamento da Xunta para combatela, ao redor de 90 millóns de euros, fronte aos ao redor de cinco millóns de euros que se destinan na actualidade. "Se é unha prioridade política ten que ser unha prioridade orzamentaria”, subliñou.

O BNG propuxo destinar cada ano o 1% do orzamento da Xunta para combater a violencia machista, ao redor de 90 millóns de euros, fronte aos ao redor de cinco millóns de euros que se destinan na actualidade

Pontón criticou que a violencia exercida contra as mulleres sexa percibida como menos grave que outras violencias que causan menos vítimas. “Hai unha analoxía moi útil para percibir como se valora diferente a violencia de xénero como menos grave e non fai saltar todas as alarmas que saltan cos casos de terrorismo. Pero cando estudamos os datos para analizar que está causando máis dano na sociedade, vemos que desde o ano 2000 no Estado español houbo 678 vítimas de terrorismo pero máis dun millar de mulleres asasinadas pola violencia machista”, sinalou.

"Pese aos avances, queda moito por facer, empezando pola sensibilización social e por unha aposta contundente por unha educación en igualdade", destacou Pontón

A portavoz nacional do BNG engadiu que "pese aos avances, queda moito por facer, empezando pola sensibilización social e por unha aposta contundente por unha educación en igualdade". Así, no vindeiro pleno do Parlamento, o Bloque presentará unha proposición para solicitar programas de formación en igualdade para o persoal docente, “porque é o profesorado o que despois ten que traballar ese tema nas aulas e ten que haber unha vontade colectiva de que iso sexa unha prioridade”. 

O Bloque solicita, igualmente, xulgados especializados de xénero en todas as cidades, revisar os protocolos de avaliación de riscos que precisan máis medios e máis persoal para levalos a cabo, e facer efectivas "dotacións tan básicas como establecer lugares separados para vítima e agresor cando ten que declarar, así como gravar as declaracións das mulleres agredidas para que non se vexan obrigadas a ter que repetila unha e outra vez ao longo do proceso desde que se decide a facer a denuncia".

Neste senso, a fiscal encargada de violencia machista en Compostela, Pilar Fernández, demandou na súa intervención a adopción de medidas para reducir as dificultades das vítimas para probar agresións. Fernández subliñou que a proba "é moi difícil cando só se conta coa declaración da vítima". "O que non pode ser é que a convirtamos en sospeitosa e que teña que ser ela quen deba acreditar e probar toda a violencia que sofre", engadiu. "Unha vez que se conceden as ordes de protección hai bastantes recursos. O problema é a concesión das ordes, todo o que hai que demostrar para poder conseguilas", denunciou.


Campaña "indignante e vergoñenta" da Xunta

O Bloque solicita, igualmente, xulgados especializados de xénero en todas as cidades, revisar os protocolos de avaliación de riscos que precisan máis medios e máis persoal para levalos a cabo

O BNG tamén cualificou como "indignante e vergoñenta" a campaña difundida pola Xunta para 25N. "Non ten ningún tipo de sentido que esteamos financiando con cartos públicos o machismo e a violencia de xénero. Rectificar é de sabias e persistir no erro é de irresponsables como está facendo a secretaria xeral de Igualdade e o propio presidente galego que a ampara”, denunciou Pontón, tras pedir que tomen exemplo do Ministerio de Sanidade que vén de retirar unha campaña institucional admitindo que era equivocada.

Na xornada fíxose fincapé tamén na importancia de transmitir que "pese a que o que transcende nos medios de comunicacións son case sempre os casos de asasinato, miles de mulleres logran saír do pozo negro da violencia machista". 

Ana Pontón: "Son necesarios xulgados especializados de xénero en todas as cidades, revisar os protocolos de avaliación de riscos que precisan máis medios e máis persoal"

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.