Os tribunais ratifican o carácter comunal do terreo no que se construíu o Hospital Montecelo

Hospital de Montecelo © http://www.aidhos.com/

A Audiencia Provincial de Pontevedra vén de ratificar o carácter comunal dos terreos nos que se sitúa o hospital Montecelo de Pontevedra. O tribunal rexeitou o recurso presentado pola Seguridade Social á sentenza de abril de 2016 do xulgado de primeira instancia de Pontevedra, un ditame que declaraba a propiedade veciñal deste espazo e obrigaba o Estado a cancelar a inscrición ao seu nome no rexistro da propiedade.

A historia deste conflito nace en 1971 cando o Concello de Pontevedra doou os terreos á Seguridade Social

A historia deste conflito nace en 1971 cando o Concello de Pontevedra doou os terreos á Seguridade Social, unha cesión gratuíta sobre a que tanto a sentenza do pasado ano como a que se vén de coñecer declaran dunha nulidade "radical, absoluta e de pleno dereito", pois o monte era de propiedade veciñal. En 2014 a Comunidade de Montes de Mourente decidiu recorrer unha vez máis á vía xudicial para reclamar a titularidade do espazo. Os comuneiros buscaban que se recoñecese "oficialmente e dunha vez para sempre" quen é o lexítimo propietario dos terreos veciñais, para así "ter o control do uso dese espazo". E engadían que o seu obxectivo non era cuestionar a permanencia alí do hospital ("por nós que estea alí de forma indefinida", dicían), senón precisamente todo o contrario, e ofrecíanlle á Xunta a sinatura dun convenio de cesión "de uso indefinido" dos terreos, pero só mentres se manteña o actual hospital ou outro centro sanitario "de carácter público". No caso de que dende a administración se lle pretenda dar un uso privado ao edificio, ou derrubalo para o aproveitamento do espazo por algunha iniciativa privada, os veciños farían uso dos seus dereitos sobre o seu monte: "Mourente quere que un Montecelo público. Non se discute a situación actual, non queremos que peche nin que se privatice".

A sentenza deixa claro a propiedade comunal do espazo e o seu carácter "indivisible, inalienable e imprescritible" e conclúe que unha administración local "non pode atribuírse a súa titularidade"

A sentenza deixa claro a propiedade comunal do espazo e o seu carácter "indivisible, inalienable e imprescritible" e conclúe que unha administración local "non pode atribuírse a súa titularidade", engadindo que os terreos forman "parte integrante e inseparable" do monte comunal de Mourente "dende tempo inmemorial" e que "se algunha vez ostentaron algún dereito só cabe entendelo como mero intervencionismo administrativo". "O acordo plenario polo que o Concello de Pontevedra cualifica, unilateralmente e sen fundamento ningún, a parcela como ben de propios carece do máis mínimo valor e eficacia", sinala.

No seu recurso, a Seguridade Social alegaba o carácter de uso público dos terreos para defender a súa titularidade sobre eles. Porén, a sentenza rexeita todos os seus argumentos e mesmo critica a debilidade das razóns esgrimidas, subliñando que "a adscrición, afección ou destino ao uso público das instalacións hospitalarias non é suficiente para anovar nin desvirtuar a conclusión de monte veciñal declarada". Así mesmo, o ditame indica que "a competencia para dirimir as declaracións relativas á natureza dun monte como veciñal en man común e á súa titularidade corresponde á xurisdición civil, antes, despois ou sen actuación do xurado provincial e esa competencia non pode quedar condicionada ou supeditada ao que diga o xurado provincial". A sentenza obriga a pagar as custas do xuízo á Seguridade Social, que aínda pode presentar un recurso ante o Tribunal Supremo.

 

Sentenzas a favor do carácter veciñal de espazos

Nos últimos anos varias sentenzas recoñeceron en Pontevedra a titularidade comunal de terreos dos que a administración se apropiou de maneira fraudulenta

Nos últimos anos varias sentenzas recoñeceron en Pontevedra a titularidade comunal de terreos dos que a administración se apropiou de maneira fraudulenta, sobre todo durante a ditadura, máis non só. É o caso dos terreos nos que se asenta a Brilat, ou das canteiras de Porriño, A Madroa ou Salcedo. O proceso de apropiación, tanto por parte de empresas privadas como por parte do Estado, acelerouse durante o franquismo, mesmo cunha base legal. A Lei de Montes de 1957 consagrou a equiparación legal dos montes veciñais cos montes públicos de titularidade municipal. Deste xeito, moitas parcelas periurbanas de cidades e vilas fóronlles cedidas entre os anos 40 e 70 ás distintas administracións para instalacións, edificios e equipamento de tipo social (centros educativos, sanitarios), industrial (fábricas, almacéns), militar ou comercial. Unha parte foi ocupada, igualmente, por empresas públicas hoxe privatizadas.

A Lei de Montes Veciñais en Man Común de 1968 recoñeceulles finalmente a titularidade e o aproveitamento dos montes veciñais aos habitantes de parroquias e aldeas, previa clasificación como tales, para o cal estableceu a creación nas catro provincias galegas dos xurados clasificadores. Porén, ao longo da década dos 70 o roubo de terras continuou e mesmo se acelerou, coincidindo cunha fase de crecemento das cidades e vilas galegas. As administracións seguiron dispoñendo dos montes veciñais coma se fosen propios.

O proceso de apropiación acelerouse durante o Franquismo. E ao longo da década dos 70 o roubo de terras continuou e mesmo se acelerou, coincidindo cunha fase de crecemento das cidades e vilas galegas

En 1980 aprobouse unha nova Lei de Montes Veciñais en Man Común, froito en boa medida das mobilizacións levadas a cabo pola veciñanza nos anos anteriores. O artigo 12 desta lei especifica que “non será obstáculo á clasificación dos montes como veciñais en man común a circunstancia de estar incluídos en catálogos, inventarios ou rexistros públicos con asignación de diferente titularidade, agás que os asentos se practicaran en virtude de sentenza ditada en xuízo declarativo”. De igual xeito, a lei galega sobre Montes Veciñais en Man Común, aprobada en 1989, confirmou que a clasificación como veciñal serao “con independencia do seu aproveitamento actual”.

 

O hospital de Montecelo, dende Santa María CC-BY-SA juantiagués

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.