155 mil sinaturas contra as touradas na Coruña coa vista posta nas municipais de 2015

Entrega das sinaturas © GMST

O director europeo da Fondation Franz Weber, Leonardo Anselmi, acompañado do voceiro de Galicia, Mellor Sen Touradas, Rubén Pérez, e de representantes de BNG (Avia Veira), EU (César Santiso), Equo ou Podemos entregou esta mañá no rexistro do Concello da Coruña as ao redor de 155.000 sinaturas demandando a fin das touradas na cidade e denunciando "o sistemático apoio do Concello a unha actividade que non esperta interese algún e que si engule milleiros de euros en forma de subsidios". As entidades e organizacións presentes lembraron que o Concello da Coruña gastou máis de 700.000 euros dos cidadáns dende 2011 en promover touradas nun recinto público.

As organizacións demandaron no escrito rexistrado a rescisión incondicional da actual licitación do contrato de organización da feira taurina por "notorias causas de interese público", como o feito de que a maioría social rexeite subsidiar cos seus cartos este espectáculo aberrante e cruento. "Estas 155 mil sinaturas amosan unha voz moi contundente contra a pervivencia das touradas na Coruña. O Concello pode seguir ignorando as demandas cidadás ou escoitar o que a veciñanza reclama e apostar por rescindir o contrato", afirmou Rubén Pérez. Pérez destacou que a oposición ás touradas na Coruña "está avalada por dous estudos de opinión, que se fixeron en 2010 e 2014". "Non é algo que digamos os abolicionistas, senón que o din empresas independentes, rigorosas e con moita experiencia no campo da socioloxía e que traballaron para gobernos do PP, polo que están libres de toda sospeita de partidismo ao noso favor", engadiu.

"Se a partir das vindeiras municipais hai un goberno na Coruña dunha cor política distinta, unha das súas primeiras medidas podería ser anular este convenio da feira taurina"

As entidades impulsoras desta iniciativa subliñaron, así mesmo, que a actual empresa concesionaria "da que forma parte un antigo edil do Partido Popular" tentou regalar máis de 5000 convites para que a última edición da feira taurina, xa reducida e cambiada de data, non amosara pésimos datos de participación. Mesmo así, sinalou Rubén Pérez, "o lobby taurino non foi capaz de enganar e de revertir o seu contexto de fracaso
continuado".

 

As municipais de 2015, momento de cambio

A entrega destas sinaturas prodúcese a seis meses da celebración dunhas eleccións municipais que poden mudar os gobernos locais en moitas cidades e vilas. Neste senso Rubén Pérez adiantou que dende Libera e Galicia, Mellor Sen Touradas "estamos en contacto con diversas organizacións en defensa dos animais para lanzar unha campaña propia, na precampaña das eleccións municipais.O PP está a facer unha política nociva para os dereitos dos animais e pode haber alternativas". Afirma, ademais, que "se a partir das vindeiras municipais hai un goberno na Coruña dunha cor política distinta, unha das súas primeiras medidas podería ser anular este convenio da feira taurina, lesivo para os animais e tamén para a cidadanía, que ten que estar financiando este contrato que máis semella un rescate que unha necesidade social".

"Todos os festexos taurinos en Galicia están subsidiados. Se lles restamos esa achega económica pública sabemos que non poderán sobrevivir"

As eleccións munipais para a supresión de espectáculos taurinos e outras actividades de maltrato animal poderían ser clave tamén noutras localidades. "Os concellos non teñen competencias para prohibir a celebración de touradas, pero si teñen competencias para marcar nas súas políticas públicas a supresión de calquera apoio económico. Todos os festexos taurinos en Galicia están subsidiados. Se lles restamos esa achega económica pública sabemos que non poderán sobrevivir", sinala Rubén Pérez.

"As eleccións autonómicas están cada vez máis preto e nós estamos a estudar futuras iniciativas, coma a presentación dunha nova ILP"

O cambio podería chegar tamén nos vindeiros anos a nivel autonómico, destaca. "No ámbito autonómico ábrese tamén unha vía de esperanza para a fin das touradas, porque as eleccións están cada vez máis preto e nós estamos a estudar futuras iniciativas, coma a presentación dunha nova ILP", -di- "Avanzouse moito nestes anos en Galicia; sempre houbo oposición ás touradas, pero esta oposición era máis pasiva, agora é unha oposición cada vez máis activa"

Manifestación de 'Galicia, mellor sen touradas' na Coruña © GMST
Entrega das sinaturas © GMST

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.