0 Gardados para despois

"Cando un non está cómodo na masculinidade dominante, comeza a cuestionarse cousas"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


A violencia machista é cousa de homes. Máis que nada que son varóns quen a exercen, nun determinado contexto (a sociedade heteropatriarcal) que a fomenta e ao mesmo tempo a desculpa. Por isto é interesante neste 25 de novembro poñer o foco nos homes, tanto naqueles que de forma habitual ou nalgún momento teñen comportamentos violentos ou prácticas de control e dominación, coma nos varóns que -sendo agresivos ou non- buscan deconstruír a súa masculinidade e ábrense a formas distintas de ser homes, fóra dos límites impostos polo heteropatriarcado. 

En Compostela funciona dende hai uns anos o Grupo de Homes Micromachinhos, que naceu como un espazo para debater os roles masculinos aceptados socialmente e, de forma persoal, promover procesos de autocoñecemento para mudalos. O grupo reúnese de forma privada habitualmente para poñer en común reflexións e conflitos e apoiarse mutuamente e, ademais, dende o pasado ano organiza actividades públicas, principalmente obradoiros impartidos por expertos e expertas, coma o que comezou este venres: “Autocoñecemento para o cambio. Obradoiro vivencial teórico-práctico para homes“, a cargo da terapeuta Tareixa Ledo Regal. Previamente, houbo espazos dedicados ás novas paternidades, á exploración da sexualidade propia e das relacións afectivo-sexuais ou ao autocoñecemento corporal.

"Os corpos dos homes, atravesados pola masculinidade dominante, son fogares excesivamente ríxidos onde calquera tipo de medo ou frustración é facilmente expresado con violencia", destaca o grupo Micromachinhos, que tamén se define como "un espazo para compartir entre todos os participantes as experiencias, as inquietudes, as dúbidas, os mitos e os recursos con que cada un pode contribuír ao grupo para poder vivir unha sexualidade satisfactoria e ter relacións baseadas nos bos tratos"

Tamén organizaron varias "queimas de gravatas", precisamente no 25 de novembro, como "acto simbólico para erradicar a violencia contra as mulleres". Imitando a queima de sosténs realizada polo feminismo nos anos 60, "queremos aprender delas queimando as nosas gravatas facendo, deste símbolo, unha evocación liberadora dos dogmas sociais asumidos polo facto de ter nacido varóns, mas tamén, da xenealoxía violenta que ten acompañado ao longo da historia ao suceso de ser home", destacaban.

"Somos un grupo que traballamos moito cara dentro, sen mirar moito cara o público, pois somos un grupo destinado ao autocoñecemento. Facemos unha roda, alguén saca un conflito persoal que ten e entre todos tratamos de falar del", explica José Expósito Expo, un dos integrantes do grupo, do que foi iniciador impartindo un curso de novas masculinidades. "Cando rematamos ese curso propúxenlles continuar coa actividade e formar un grupo estable, para falar, debater, cuestionarnos cousas. Tentamos tamén tratar moito o tema dos coidados: coidarse, coidar os outros... Todo isto axuda a relacionarnos doutra maneira con outros homes e mulleres", destaca.

"Cando un entende que non está cómodo dentro da masculinidade dominante, comeza a ter dúbidas e a cuestionarse cousas. E de aí parte todo, iso é un motor moi importante"

"Cando un entende que non está cómodo dentro da masculinidade dominante, comeza a ter dúbidas e a cuestionarse cousas. E de aí parte todo, iso é un motor moi importante. Como tamén é un motor moi importante a relación con compañeiras que están no feminismo", sinala Expo, que subliña que o heteropatriarcado tamén esmaga e controla os homes: "Quen non se adapta a ese modelo sofre as consecuencias: se ti es un neno homosexual, o patriarcado vai a por ti; se estás nun grupo de amigos, contan un chiste machista e ti non ris, o patriarcado vai a por ti. Por ser home, tes unha serie de privilexios, pero no momento en que ti es disidente, o patriarcado reacciona e corríxete", di. "O machismo atravesa as nosas vidas e os nosos corpos e así o vivenciamos, tanto dende o punto de vista corporal como cando o analizamos intelectualmente", engade.

"Por ser home, tes unha serie de privilexios, pero no momento en que ti es disidente, o patriarcado reacciona e vai a por ti"

As actividades públicas organizadas por Micromachinhos están a ter unha grande aceptación na cidade. Por exemplo, o obradoiro que comeza esta semana tiña inicialmente 15 prazas, ampliadas posteriormente ata as 19, que foron cubertas moi rapidamente e con lista de agarda. "Parece que hai un grupo moi amplo de homes que necesita unha toma de conciencia sobre a súa condición de xénero", celebra Expo.

 

Autocoñecemento

Este venres comezou o obradoiro “Autocoñecemento para o cambio", impartido pola terapeuta Tareixa Ledo Regal, formada en autocoñecemento, sexualidade e relacións humanas en Terapia de Reencontro. "Esta terapia busca o reencontro da persoa consigo mesma, coas súas orixes, co seu corpo, coa súa vida. E tamén o reencontro nas relacións entre homes e mulleres, dende unha clave de bo trato. Está moi centrado en que cada persoa poida escoitarse a si mesma, e tamén aos compañeiros do grupo, para coñecerse, para darse conta de que cousas van ben na súa vida para desfrutalas e amplificalas, e para detectar que cousas non van ben ou lle están facendo dano e pode transformalas", explica.

Teñen os homes dificultades para coñecerse a si mesmos, para abrirse ao que realmente pensan e senten? "En terapia de reencontro sempre traballamos en perspectiva de xénero, sempre miramos como socializa este mundo aos seres humanos que bioloxicamente teñen vaxina, e como socializa a aqueles que teñen un pene", sinala Tareixa Ledo. "Hai excepcións, pero a maioría dos homes están moi alleos a ese mundo emocional, ao dentro, están máis envorcados cara o fóra, cara o mundo público, cara ao profesional. Non se preguntan que estou sentindo, que quero para min, sobre os afectos", explica. "As mulleres necesitamos facer un camiño de recuperar aspectos que nos nega esta sociedade patriarcal e tamén os homes deben recuperar ou conquistar espazos e aspectos que non lles favorecen: esa falta de contacto co afectivo, co emocional...", di.

"As mulleres necesitamos facer un camiño de recuperar aspectos que nos nega esta sociedade patriarcal e tamén os homes deben recuperar ou conquistar espazos e aspectos que non lles favorecen: esa falta de contacto co afectivo, co emocional..."

Sofren tamén os homes o patriarcado? "O patriarcado anula e machaca as mulleres, pero tamén anula e machaca os homes, moitas das facetas e tamén está xerando moita dor neles. O que fai o patriarcado é xerar relacións de poder. Polo feito de ser home, colócame no dominio e polo feito de ser muller xa me coloca na submisión. Tamén xera relacións de poder entre os varóns, algúns aparentemente débiles e outros supostamente dominantes", destaca. "O obxectivo é capacitarnos a homes e mulleres para situarnos en posicións de igualdade, en posicións que respecten as diferenzas e que as poidan integrar non xerarquizando as persoas, senón acollendo a diversidade, entendendo as diferenzas como complementarias", subliña. "Non hai persoas fortes ou débiles, as persoas son máis fortes nun momento dado e máis febles noutro. As persoas somos moi diversas en toda a nosa vida. Os roles tan ríxidos que nos queren inculcar son moi tramposos, pretenden limitarnos", engade.

E conclúe: "hai que colocar no centro da vida o que ten que ser o centro: a vida mesma, o ser humano e os seres vivos no seu conxunto, o coidado ao planeta en xeral. Unha estrutura social baseada en xeral no bo trato. Sen depredar recursos, sen escravizar seres humanos, sen asasinar mulleres, apostando por outro modelo de vida e social máis coidadoso".

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.