0 Gardados para despois

Galicia de negro e lila contra a violencia machista

Redacción | @prazapublica

Galicia tínxese de negro este 25 de novembro para protestar contra a violencia machista, que segue matando mulleres cada ano, ademais de levar a cabo outro tipo de agresións físicas e psicolóxicas. A convocatoria central, cada vez máis estendida, é a iniciativa En negro, nacida en Compostela hai tres anos e que este ano chega xa a 75 concellos de todas as cores políticas (a pesar das críticas realizadas polo PP) e a tres das catro deputacións.

A través dela un total de 5.660 establecementos comerciais e entidades sociais locen nos seus escaparates e imaxe pública a cor negra, buscando sensibilizar a poboación respecto da situación de violencia na que viven moitas mulleres. Así mesmo, xa este venres 24 os 75 concellos adheridos leron un manifesto común e animaron a todas as veciñas e veciños a se achegaren aos puntos de lectura e, desta forma, amosar a súa repulsa contra as violencias machistas.

En cada un dos 75 concellos, ademais, foron varias as actividades que xa se celebraron este venres 24 ou que están convocadas para esta fin de semana. En Compostela, por exemplo, os actos centrais comezaron no Teatro Principal, con escolares e un manifesto lido pola escritora Rosa Aneiros. Na Coruña a cita é este sábado ás 12 horas, momento no que o Concello convoca unha concentración, na que se fai un chamamento a vestir de negro.

No Concello de Cangas os centros educativos levan traballando en violencia de xénero durante todo o trimestre e este venres 24 realizaron unha actividade conxunta a través de propostas diferenciadas para transmitir ao resto da cidadanía o rexeitamento da violencia e o dereito ao bo trato. A idea consistía en ocupar os espazos públicos para facer unha pequena intervención nos mesmos. Os centros de ensino tamén foron protagonistas en Neda; alí tivo lugar este venres a “Marcha polo bo trato” na que tomaron parte alumnos e alumnas dos CEIP de Maciñeira e San Isidro e do IES Fernando Esquío, centro que acolleu ao remate da marcha unha charla sobre a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual dirixida ao alumnado de 3º de ESO.

En Ferrol os actos comezaron o 17 de novembro co pintado progresivo dos pasos peonís da cidade con frases feministas. E en Vilagarcía 1.700 alumnos e alumnas dos centros de ensino da vila protagonizaron este venres unha "andaina" reivindicativa contra a violencia de xénero. A listaxe completa de actividades pode consultarse na web da campaña.

Son moitas as institucións que organizan actividades ao abeiro do 25 de novembro. En Santiago, a USC colabora coa Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta no desenvolvemento dunha Xornada de prevención e sensibilización da violencia sexual na mocidade. Ademais, Vigo acolle esta semana as V Xornadas de Avogados e Avogadas de Violencia de Xénero, nas que se fixo un chamamento a "garantir unha atención integral para as vítimas, así como a efectividade das medidas de protección e unha maior participación do conxunto da sociedade na erradicación da violencia de xénero".

E, de igual xeito, o Colexio Oficial de Psicoloxía organiza as IX Xornadas Estatais de Psicoloxía contra a Violencia de Xénero. Precisamente o Colexio de Psicoloxía de Galicia difundiu este venres unha declaración institucional co gallo do 25 de novembro no que sinalan que "como profesionais da psicoloxía demandamos un compromiso real, que aborde a violencia de xénero de forma integral, con políticas preventivas e de intervención psicolóxica desde as máis temperás idades, para poder erradicar as desigualdades sobre as que se asenta a violencia machista".

Finalmente, O equipo coruñés de Roller Derby 'As Brigantias' organiza este sábado 25 de novembro, ás 16:00 horas no pavillón municipal Lamas de Abade de Santiago de Compostela un adestramento aberto para toda a comunidade galega de Roller Derby. O obxectivo é "promover unha xornada de convivencia na que compartir valores e sensibilizar sobre a loita contras as violencias machistas e a prol dos dereitos das mulleres".

Mobilizacións feministas

Ademais, os colectivos feministas galegos teñen convocadas sete mobilizacións para este sábado: na Coruña (19 horas, Obelisco), en Arzúa (19.30, entrada principal do Multiúsos), en Fene (18, Polideportivo de San Valentín), nas Pontes (12, Esplanada r/ Ramón Cabanillas), en Vigo (20, Farola de Urzáiz), en Compostela (20, Praza 8 de Marzo) e en Ourense (19, r/ Saenz Díez).

 

Concentración ante a casa do Concello da Coruña

Contra a violencia machista ante a Muralla de Lugo

Concentración feminista na Coruña

Mobilización en Ourense

Mobilización en Lugo

Manifestación en Lugo

Manifestación en Santiago

Un intre da manifestación en Vigo

Reivindicacións na manifestación de Vigo

Faixa principal na manifestación de Vigo

Lectura do manifesto na mobilización da Coruña

Remate da protesta en Vigo

Remate da manifestación en Santiago

Na rúa contra a violencia machista polo 25N

"E ti que farias?": Un experimento social sobre a resposta ás violencias machistas

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.