0 Gardados para despois

As subvencións públicas supoñen o 60,5% dos ingresos dos colexios privados galegos

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Os centros privados de ensino non universitario recibiron no curso 2014-15 un total de 243 millóns de euros de subvencións públicas, unha cantidade que representou o 60,5% dos seus ingresos totais, segundo os datos feitos públicos este mércores polo INE. O peso das achegas públicas no financiamento dos centros privados en Galicia está por riba da media estatal, que se sitúa no 54,5%. En Galicia existen 287 centros de ensino non universitario de titularidade privada nos que estudan ao redor de 100 mil alumnos e alumnas.

É a cuarta vez que o Instituto Nacional de Estatística publica esta enquisa. Se comparamos os datos máis actualizados cos de entregas anteriores, observamos que a importancia das achegas públicas na estrutura de ingresos dos centros privados galegos apenas variou dende os anos 90, movéndose entre o 59,5% e o 64%. A cifra total das subvencións si experimentou un crecemento sostido entre 1994 e 2009, descendendo lixeiramente nos últimos cinco anos.

Porén, a vindeira entrega desta enquisa probablemente recollerá un novo ascenso, pois a partida que os Orzamentos da Xunta de Galicia destinan aos concertos educativos con entidades privadas incrementouse nun 12% entre 2015 e 2017. Para este ano son un total de 266 millóns de euros, 30 millóns máis que o destinado en 2015.

Así pois, as subvencións públicas son a principal fonte de ingresos dos centros de ensino privados (un 60,5%), moi por riba das cotas pagadas polas familias usuarias (o 25%, 100 millóns de euros) ou os cartos xerados por outras actividades complementarias (12%).

En canto ao gasto por alumno, no curso 2014-15 este situouse nos 3.414 euros, por riba dos 3.260 euros do curso 2009-2010 e dos 2.685 euros do curso 2004-2005.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.