Dez novas para recuperares se desconectaches durante a ponte

Dominio Público Praza Pública

As xornadas non laborables dos pasados días 6 e 8 deron lugar a unha desas enormes pontes festivas que convidan máis ao lecer que á conexión á actualidade informativa. Por se optaches pola desconexión, velaquí tes dez das novas máis destacadas en Praza.gal durante a pasada semana.

1. O Tribunal de Cuentas desmonta a operación coa que Ence logrou que a Xunta lle baixe impostos en Ribadeo

O órgano de fiscalización pide a Feve que denuncie á empresa pola vía inacabada de acceso á súa fábrica de Asturias, que Portos esgrimiu como ameaza para xustificar perdoarlle taxas en Galicia.

2. 14 mil persoas ateigaron o Culturgal na súa décima edición

Foi unha edición marcada pola presenza de Portugal e pola arte contemporánea, pero tamén por ser a consolidación do venres como xornada dirixida fundamentalmente a profesionais. A feira anunciou xa as datas de celebración en 2018: do 30 de novembro ao 2 de decembro

3. 40 anos do 4 de Nadal: así reclamou Galicia a súa autonomía

O 4 de nadal de 1977 medio millón de galegos e galegas manifestáronse en demanda de autogoberno. Exactamente dous anos despois novas mobilizacións masivas denunciaron nas rúas a "aldraxe" sufrida, despois de que UCD recortase o proxecto de Estatuto, que pasaba a ser moi inferior aos vasco e catalán.

4. Miguel da Limia: "Os apoios recibidos énchenme de orgullo"

ADEGA publica unha entrevista co ecoloxista que permaneceu cinco semanas en prisión por provocar un incendio dunha hectárea nunha leira da súa propiedade. Reafirma a súa inocencia, amósase "indignado" coa súa reclusión e sinala que foi "a peor experiencia" da súa vida.

5. O PP obtén no Parlamento documentación para atacar gobernos municipais da esquerda

A deputada do PP que máis documentación pediu no primeiro ano foi Paula Prado, en todos os casos sobre o Concello de Santiago, onde foi edil e mais voceira na etapa de Conde Roa. Tamén obtiveron expedientes sobre Pontevedra e San Sadurniño.

6. 30 anos do Cason e dos bidóns que pasearon media Galicia

O 5 de decembro de 1987 o cargueiro panameño, que transportaba 1.100 toneladas de produtos químicos, naufragou fronte á costa de Fisterra. Nun contexto de desinformación por parte do Goberno, a súa carga foi trasladada a Cee, primeiro, e despois a Guitiriz e a San Cibrao, sempre entre protestas da cidadanía.

7. “Por que usamos o galego na empresa? E por que non?”

Gañadores en edicións previas dos premios Manuel Beiras relatan como o idioma propio é unha vantaxe para os negocios e como o galardón permitiulles contactar con outros sectores distintos aos seus.

8. O Estado sabía hai sete meses que a UE suprimirá o centro de bivalvos ao que aspiraba a Xunta

Feijóo lanzou a candidatura galega a acoller ese laboratorio de referencia comunitario en Vilagarcía seis meses despois de que o Goberno central soubese que non sería posible e tres semanas máis tarde de que llo advertise ao PSOE nunha resposta no Congreso.

9. A asociación subvencionada pola Xunta para promocionar o San Xoán fai apoloxía do franquismo

O entidade Meigas de las Hogueras de San Juan mantén un convenio coa Axencia de Turismo de Galicia polo que recibe 40.000 euros para organizar as súas actividades. No seu blog lembra a suposta "celebración" e a imaxe "esplendorosa" da cidade "celebrando" vitorias franquistas na guerra civil.

10. Feijóo mantén a supresión de áreas sanitarias no proxecto de Lei de Saúde que remite ao Parlamento

A Xunta tenta contrarrestar a contestación cidadá asegurando que a norma “blinda por lei a existencia dos hospitais comarcais” e introducindo máis topónimos nos nomes das sete áreas que quedarán.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.