A asociación ecoloxista Arco Iris denuncia o Goberno e a Xunta ante a UE pola retirada dos restos do 'Casón'

Afundimento do 'Casón' Dominio Público Praza Pública

A asociación ecoloxista Arco Iris vén de presentar ante a Axencia Europea do Medio Ambiente unha denuncia contra o Goberno central e a Xunta por infracción da normativa comunitaria na retirada dos restos do Casón, o buque que hai agora 30 anos naufragou preto da praia do Rostro, en Fisterra. Hai un ano o Goberno encargou a retirada dos restos para tentar facer caixa coa chatarra, pero diversas organizacións ecoloxistas e partidos políticos advertiron de que, tanto tempo despois do afundimento, a medida agora podería ser prexudicial para o medio ambiente.

Pide á Axencia Europea do Medio Ambiente que comprobe que o Goberno galego non esixiu estudo de impacto ambiental para actuar nunha zona que é Rede Natura e na que o buque xa se converteu nun arrecife artificial de valor ecolóxico

Na súa denuncia, Arco Iris indica que a Costa da Morte foi incluída na Rede Natura en 2011 e que en 2016 “o Ministerio de Defensa e a Capitanía Marítima autorizaron á empresa Desguaces Lema, de Carballo, a retirada dos restos do pecio do buque” situado dentro dese ámbito protexido. Os restos do buque, di, convertéronse “nun arrecife artificial de gran valor ecolóxico” e mesmo nun “atractivo turístico”. A súa retirada, argumenta, “causará un serio impacto ambiental, xa que se está usando maquinaria pesada”.

A asociación indica que a Xunta “ten a obriga de solicitar un estudo de impacto ambiental” para a realización deses traballos, “o que nos consta que non se produciu”, polo que pide que UE se dirixa ao Goberno galego “para solicitar información e aclaracións ao respecto”.

Denuncia de Arco Iris ante a UE pola retirada dos restos do 'Casón' Dominio Público Arco Iris

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.