0 Gardados para despois

Marín e Bueu homenaxean os concelleiros e obreiros executados en 1936

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Tralo golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 a península do Morrazo foi unha das comarcas de Galicia nas que a represión foi máis dura. En xeral, a costa sofre máis a represión que o interior", destacaba hai uns meses o profesor Emilio Grandío. Xohan Carballeira (alcalde de Bueu), José Fandiño Pidre (alcalde de Moaña) e Antonio Blanco Solla (alcalde de Marín) foron asasinados, así como numerosos concelleiros, ademais de sindicalistas, dirixentes obreiros e outros profesionais. O historiados Celso Milleiro sinalaba nesta entrevista que "xunto coas cidades galegas, Marín era probablemente o lugar de Galicia onde o movemento obreiro estaba máis establecido e era máis forte, con sindicatos máis activos", o que levou a unha persecución moi forte en 1936, con moitas execucións extraxudiciais, consellos de guerra a 200 veciños e 30 condenas de morte.

Dende hai anos a Asociación pola Memoria Histórica de Marín vén realizando un traballo de visibilización e homenaxe ás persoas que sufriron máis directamente a represión no concello e no conxunto da comarca. En 2010 conseguiron que o Paseo Marítimo adoptase o nome de Antonio Blanco, alcalde da vila entre 1931 e o seu asasinato en 1936. Tamén foi instalada unha placa de recoñecemento.

Este sábado 23 ás 13 horas a ARMH organiza un novo acto de homenaxe, desta volta no marinense cemiterio da Raña, onde se colocará o unha placa que recorda dous concelleiros de Bueu (Francisco Escáneo Franco​ e Francisco García Villanueva) e tres dirixentes obreiros da mesma localidade (Xacinto Lamosa Novas, Xosé Seixas Camiña e Xulio Castro Martínez) cuxos corpos foron deixados alí o 7 de decembro de 1936. Antes do acto, ás 12 horas, no Museo Manuel Torres a Asociación Amigos de Johan Carballeira, de Bueu, presentará o traballo de investigación Crónica da represión en Bueu no golpe militar do 36.

Xacinto Lamosa Novas (52 anos, serrador) fora fundador da Sociedade "El Progreso" e era presidente da Sociedade de Canteiros e Oficios Varios de Bueu. Inscrito inicialmente coma un cadáver descoñecido, foi definitivamente identificado o 27-11-1981. Xosé Seixas Camiña (40 anos) fora tamén fundador da Sociedade "El Progreso". O cadáver de Xulio Castro Martínez (albanel) apareceu tamén nas inmediacións do cemiterio de Marín. Francisco García Villanueva "O Xerello" (albanel, 24 anos) era concelleiro e foi asasinado no matadoiro de Marín, nun traslado de prisión. Francisco Escáneo Franco​ (40 anos, industrial, concelleiro do Partido Galeguista), foi inscrito inicialmente coma un cadáver descoñecido e finalmente identificado o 20-3-1981, aínda que a súa familia sempre soubo do seu asasinato e lugar de enterramento. En setembro de 2015 o Concello de Bueu homenaxeou (coa participación de todos os partidos) a corporación municipal de 1936, á que pertencían os dous concelleiros asasinados en Marín.

 

O asasinato de Francisco Escáneo

Francisco Escáneo Franco nacera en 1896 en en Beluso, Bueu, e emigra a Cuba a finais da década de 1910 e regresa a mediados da década dos 20, tras perder unha perna, pero tendo acumulado un certo capital (económico e cultural) que lle permite converterse nun empresario e comerciante de éxito. En 1931 é elixido concelleiro, cargo que mantén ata 1936, formando parte igualmente da corporación saída das eleccións de febreiro dese ano. Marín cae en mans dos golpistas o 24 de xullo de 1936. Como destaca a investigadora Aldara Cidrás (USC) neste traballo, Francisco Escáneo rexeita fuxir -a pesar da insistencia da súa familia. Cidrás sinala que non é difícl "entender por que un home que realmente nunca fixera nada fóra da legalidade quere permanecer xunto á súa esposa embarazada e o seu tres fillas pequenas. Nunha situación de tal desesperación, o autoengano é unha forma de resiliencia común: a inxenuidade de crer que os rebeldes non tomarán represalias contra un mestúrase coa esperanza na fortaleza da República. Ademais, temos que ter en conta que a propia experiencia animaba a non desistir, xa que se os anteriores intentos de golpe como na Sanjurjada do 32 fracasaran, por que habería este de ser distinto?".

En decembro de 1936 Escáneo despídese da súa muller dicíndolle: "Marcho, Pepa, que canto antes vaia, antes hei voltar"

Nos meses seguintes as novas autoridades "aplican contra Escáneo un tipo de violencia particular, económica: as requisas", confiscando os autobuses e camións da súa empresa de transporte. O derradeiro dos seus autobuses (que levaba o nome de Nós, en homenaxe á revista) é confiscado pouco antes do seu asasinato. Na madrugada do 6 ao 7 de decembro de 1936, a policía acode á vivenda de Escáneo para que vaia a facer unha declaración ao Concello. Despídese da súa muller dicíndolle "Marcho, Pepa, que canto antes vaia, antes hei voltar". Escáneo é recluído no depósito municipal de Bueu xunto cos outros catro homes obxecto da homenaxe deste sábado e esa noite son paseados, deixando os seus corpos nas proximidades do cemiterio de Marín. En 1979 a primeira corporación democrática tralo franquismo decide que unha das rúas de Bueu leve o seu nome.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.