Propoñen ampliar ás fragas próximas o espazo protexido en Catasós

Marcha de veciños e veciñas esixindo salvar a Fraga © Salvemos as fragas de Catasós

A fraga de Catasós (Lalín) foi declarada monumento natural no ano 2000. A pesar desa figura de protección, o espazo estivo ameazado nos últimos anos polo proxecto de construción dunha liña de alta tensión que podería ter obrigado a tallar máis de mil árbores. A mobilización social que tivo lugar entre 2014 e 2017 conseguiu deter o proxecto o pasado mes de febreiro, preservando a fraga.

Agora ADEGA vén de presentar no proceso de consultas do Plano de Conservación do espazo unha proposta de ampliación do terreo protexido, ampliándoo ás fragas próximas. Así, incrementaríase das 4,5 hectáreas actuais ata un total de 180. O obxectivo, destaca a entidade, é "dar coerencia e continuidade a este espazo protexido, integrando outras masas próximas", entre elas a Fraga de Casas Vellas, que a Xunta rexeitou recentemente declarar ENIL (Espazo Natural de Interese Local). Na actualidade Galicia conta con oito Monumento Naturais (Serra de Pena Corneira, Costa de Dexo, Praia das Catedrais, Pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós, Souto da Retorta, Souto de Rozabales e Carballa da Rocha). Trátase de espazos constituídos por formacións naturais de notoria singularidade, rareza ou beleza que merecen ser obxecto dunha protección especial. Con esta proposta, as Fragas de Catasós pasarían a ser o terceiro Monumento Natural máis extenso do país.

A proposta de ampliación presentada por ADEGA prevé unha dupla zonificacion: unha área de “protección total", que comprendería o espazo público que ocupa o actual Monumento Natural (4,5 ha). E unha superficie de “usos moderados”, referida ás fincas de titularidade privada onde continuarían autorizándose os mesmos aproveitamentos e usos establecidos no PXOU de Lalín e na Lei do Solo, prohibíndose os referidos ao paso de infraestruturas, liñas eléctricas, edificacións, ou cambios de uso de solo.

ADEGA salienta que a mellor forma de preservar a riqueza medioambiental e a biodiversidade que acolle a Fraga de Catasós é aumentar o espazo protexido, pois "a súa superficie tan reducida" é actualmente "insuficiente para garantir a protección dos procesos ecolóxicos e ambientais que nel teñen lugar". O propio Decreto 76/2000, polo que se declaraba monumento natural ás Fragas de Catasós, recollía que “a declaración como monumento natural implica a protección pola Administración dos procesos ecolóxicos básicos existentes na zona, mediante a regulación da utilización ordenada dos recursos, que garantan o aproveitamento sostible das especies e dos ecosistemas e a súa restauración e mellora, para facer efectiva a preservación da variedade, singularidade e beleza do seu ecosistema natural e paisaxe".

A proposta de ampliación comprende as fragas e soutos de Casas Vellas, Antuín, Gate, As Pereiras, e Portocelo, xunto o rego de Quintela coma corredor ecolóxico entre todas elas, espazos todos dun "alto valor de naturalidade e diversidade" e que conforman "unha exquisita representación da paisaxe agro-forestal" do interior de Galicia. O conxunto acolle unha ampla variedade de vida silvestre, con máis de 470 especies de plantas, 74 de fungos, 45 de invertebrados de interese, 4 de peixes, 11 de anfibios, 10 réptiles, 68 de aves ou 32 especies de mamíferos. Varias especies están incluídas como "vulnerables" no Catálogo de Especies Ameazadas.

No ano 2007 o espazo delimitado polo Monumento foi incluído tamén no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras. O bosque conta cuns 500 carballos e castiñeiros centenarios e bicentenarios, xunto varias grandes sobreiras. Os 5 castiñeiros máis impoñentes pasan por riba dos 30 metros e contan cun perímetro que oscila entre os 3,20 e os 5,40 m, con idades que poden superar os 250 anos.

 

Proposta de ampliación do Monumento Natural de Catasós (.pdf)

Proposta de ampliación do Monumento Natural © ADEGA
A Fraga de Catasós, en Lalín © ADEGA
Veigas do rego de Quintela no seu límite co Monumento Natural. Ao fondo, as fragas de Catasós © ADEGA
Visita de escolares ao Monumento Natural das Fragas de Catasós © ADEGA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.