2017, o ano en que volvemos arder

Traballos de extinción en Parada de Sil durante a vaga de incendios de outubro Dominio Público Brif Laza

Remata o ano en que volvemos arder. Política e socialmente pero, sobre todo, fisicamente. A actualidade do ano mudou de vez na fin de semana do 14 ao 15 de outubro cando, tras unha semana na que arderan unhas 1.500 hectáreas con especial impacto no parque do Xurés, as lapas se estenderon polo país e arrasaron catro vidas e unhas 50.000 hectáreas de monte

A devastadora vaga de incendios e a posterior teimosía gobernamental para tentar facer ver que o acontecido se reducía a unha inusitada actividade "terrorista" alimentada polos restos do furacán Ophelia chegaron apenas dúas semanas despois de que a maior parte das olladas informativas estivesen postas en Catalunya. O proceso soberanista que viña desenvolvéndose con especial intensidade dende cinco anos atrás desembocou na convulsa xornada do 1 de outubro, na que o referendo convocado pola Generalitat bateu coas leis do Estado, pero tamén cunha durísima resposta policial que deu a volta ao mundo.

O 2017 foi tamén un ano de aniversarios. Transcorreron xa 15 anos dende que o Prestige naufragou na costa e na política de Galicia e 40 dende que outro buque, o Cason, embarrancou cuns bidóns que pasearon por media Galicia entre o pavor e a indignación veciñais. E nada menos que 35 anos das últimas verteduras nucleares fronte ás costas galegas, as mesmas que, grazas a unha reportaxe de investigación de Praza.gal, soubemos que non son controladas por ningún organismo galego, estatal nin internacional.

Houbo, non obstante, tamén outras efemérides máis gratas: por exemplo, a dos corenta anos dende que milleiros de persoas se botaron ás rúas das principais cidades do país para reivindicar a autonomía naquel histórico 4 de Nadal. E outra que se repite cada ano sexa ou non data redonda e que é tráxica sen matices, a do accidente de Angrois, sobre o que neste ano este diario continuou a informar polo miúdo. En vésperas do 24 de xullo conversamos devagar co presidente da plataforma de vítimas, Jesús Domínguez; poucos días despois do aniversario soubemos que o principal cargo de Adif imputado no proceso xudicial segue a tentar culpar exclusivamente o maquinista e en setembro o colectivo de persoas afectadas polo sinistro logrou un dos seus obxectivos máis desexados, a aprobación dunha investigación política que aínda está por desenvolver.

De trens, como cada ano dende hai xa décadas, seguiuse a falar en 2017 para abordar o enésimo atraso na conexión coa Meseta a través dun AVE cuxas obras acumulan xa sete vítimas mortais. A noticia chegou dende o mesmo departamento, o Ministerio de Fomento, cuxo novo titular deu en ratificar o que era unha determinación coñecida: o Goberno de España seguirá a ignorar a reivindicación galega de transferir á Xunta as competencias sobre a AP-9 con independencia de que o siga a reclamar o Parlamento por unanimidade e mentres Audasa segue a gozar de amplos privilexios, a comezar pola exención de impostos da que goza grazas a unha concesión de tempos da ditadura. Outras vías de transporte, as que deberan articular o norte do país, simplemente seguen a esmorecer

Alén dos grandes focos políticos e mediáticos o ano que remata foi tamén o de moitas pequenas e grandes loitas, como a das traballadoras de Bershka que cunha inédita folga lograron mellorar a súas condicións laborais ou a de Cuac FM, que se viu obrigada a emitir só en internet e pechar a emisión analóxica por mor da ameaza de multa de ata 200.000 por parte da Xunta. Tamén seguen a loitar os galegos da Arxentina por preservar o patrimonio do Centro Gallego de Bos Aires ante un proceso de venda que semella inevitable; fano tamén os centos de activistas a prol da sanidade pública que esixen atención de calidade, pero tamén saber as implicacións de que Sanidade abra as portas dos hospitais do Sergas a, por exemplo, un xigante sanitario privado que chega dos Estados Unidos.

Nos últimos 365 días a actualidade levounos outra volta periodicamente á batalla que semella non ter fin, a que fai fronte á incesante violencia machista, a que se manifesta en múltiples formas, das máis brutais ás máis sutís, e cuxa presenza no miolo da sociedade volveu rexurdir na derradeira xornada de 2017 ao coñecermos que Diana Quer, a moza desaparecida na Pobra do Caramiñal no verán de 2016, foi vítima dun asasinato.

O ano que despedimos foi igualmente de aperturas de portas á memoria histórica das vítimas da ditadura, como as que volveron entrar nos vellos cárceres de Lugo e da Coruña; e no que soubemos que, se ninguén o remedia, xoias da nosa historia poden acabar sendo vendidas a prezo de saldo. Así e todo, durante estes doce meses houbo, como non podía ser doutro xeito, moitas fiestras abertas á esperanza. Por exemplo, a das formiguiñas que no proxecto Apego agariman a lingua galega dende o berce,  ou a das persoas que nos deron a oportunidade de compartirmos o seu traballo nas diversas pólas da arte e a cultura, moitas das cales fixeron unha paréntese na súa actividade para conversar un anaco connosco.

Finaliza, daquela, un ciclo de doce meses. Pero queda todo un mundo por contar. Seguiremos tentando facelo o mellor posible, oxalá da vosa man. 2018, con ben veñas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.