0 Gardados para despois

Dúas de cada tres persoas de entre 18 e 35 anos viven aínda na casa familiar

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Case dous de cada tres mozos e mozas entre 18 e 35 anos que residen en Galicia viven aínda na casa dos seus pais e nais, segundo revelan os datos da Enquisa Estrutural a Fogares, publicada polo IGE. A porcentaxe, case un 64%, creceu máis de catro puntos dende o 59% que representaba no ano 2007, antes do inicio da crise económica. Entre os 18 e 24 anos, a proporción de mozos e mozas emancipadas é moi pequena, menos dun 8% (fronte ao 13% de hai unha década). Entre os 25 e os 34 anos descendeu do 55% ao 52% neste tempo.

O número de homes novos que residen aínda na casa familiar é moi superior ao das mulleres: un 69% fronte ao 58%

Dous datos chaman igualmente a atención. Por unha banda, o número de homes novos que residen aínda na casa familiar é moi superior ao das mulleres: un 69% fronte ao 58%. A diferenza, que é pequena entre as persoas de 18 a 24 anos, crece na franxa de idade seguinte -de 25 a 34-, cun 56% de mozos non emancipados fronte ao 41% de mozas.

A taxa de risco de pobreza dos galegos e galegas entre 18 e 35 anos disparouse, tanto se viven cos seus pais coma se residen noutro tipo de fogar, pasando do 10,4% ao 17,7%

Pola outra, a estatística publicada polo IGE amosa que hai dez anos a metade dos mozos e mozas que vivían cos seus pais e nais (50,44%) traballaba durante todo o ano, mentres que hoxe é menos do trinta por cento (29,4%). De igual xeito, en 2007 o 46% dos mozos e mozas non emancipados ingresaba cando menos 600 euros mensuais (e un 22% gañaba máis de mil), mentres que hoxe só o 27% ingresa 600 euros ou máis (e só un 12% máis de mil). Estes datos semellan reflectir que hoxe en día a situación económica se converteu nun factor máis importante á hora de impedir a saída dos mozos e mozas da casa familiar, mentres que hai dez anos parecían entrar en xogo en maior medida outros elementos.

Esta situación prodúcese nun contexto de elevado desemprego entre as xeracións máis novas e, sobre todo, dunha gran precariedade, con contratos de curta duración e salarios moi baixos. Nos últimos anos descendeu a porcentaxe de empregos a xornada completa para as persoas entre 16 e 29 anos; eran o 81% en 2010 e hoxe son o 74%. Precarízanse tamén as modalidade contractuais: a porcentaxe de contratos de duración indefinida pasou do 50% ao 39% entre 2010 e 2017. Entre outros efectos, isto vén motivando a emigración de milleiros de mozos e mozas a outros territorios do Estado (nos últimos tres anos Galicia viu marchar ao resto de España a case sete mil menores de 45 anos máis dos que chegaron ou regresaron) e tamén ao estranxeiro. Na última década, ademais, a taxa de risco de pobreza dos galegos e galegas entre 18 e 35 anos disparouse, tanto se viven cos seus pais coma se residen noutro tipo de fogar, pasando do 10,4% ao 17,7%.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

115.000 persoas maiores de 65 anos viven soas en Galicia

En Galicia hai 650.000 persoas de máis de 65 anos. Delas, 115.000 viven soas en fogares unipersoais (case un 18%). Entre esas persoas maiores de 65 anos que viven soas, tres de cada catro (83 mil) son mulleres, un nesgo motivado en boa medida pola maior lonxevidade feminina. Ademais, unhas 220.000 persoas por riba desa idade habitan en parella sen outros familiares.

Entre esas persoas maiores de 65 anos que viven soas, tres de cada catro (83 mil) son mulleres

Afortunadamente, a taxa de risco de pobreza das persoas maiores de 65 anos que viven neste tipo de fogares unipersoais descendeu moito nos últimos anos: dende os moi preocupantes niveis de 2007 -31,91% no caso dos unipersoais masculinos e 45,69% nos unipersoais femininos- ata os actuais 8,08% e 9,38%, por debaixo das taxas xerais de pobreza.

Ao redor do 22% dos fogares galegos están compostos unicamente por persoas de máis de 65 anos

Ao redor do 22% dos fogares galegos están compostos unicamente por persoas de máis de 65 anos. A proporción deste tipo de fogares non deixou de aumentar nos últimos anos en Galicia (era do 20% en 2007) e é moito máis importante en Ourense (29,8%) e Lugo (26,6%). De igual xeito, é nos concellos de menor tamaño (menos de 10 mil habitantes) onde estes fogares son máis habituais, un 28% no conxunto do país. Cómpre salientar que mentres o seu peso relativo aumentou considerablemente nos últimos anos na Coruña e Pontevedra -e de forma menos acentuada en Lugo-, en Ourense mesmo descendeu na última década.