0 Gardados para despois

O Colexio de Xornalistas critica "os exabruptos machistas de taberna" dun artigo publicado por tres medios galegos

Redacción | @prazapublica

"Someteuse ou deixouse facer? (a pasividade non necesariamente conleva sometemento). Quen estivo nos Sanfermíns sabe que esta festa desencadea unha catarse dionisíaca colectiva que te impele a facer o que non fixeras nunca". Tres xornais galegos (El Correo Gallego, La Región e Atlántico Diario) publican un artigo de opinión asinado por Xabier Vila-Coia que cuestiona que a agresión sexual cometida por La Manada en Pamplona se poida considerar unha violación. En El caso "La manada": ¿Violación o película porno? o autor pregúntase se "os xemidos da muller que se escoitan nas gravacións son de agrado ou de desagrado" e conclúe que "neste caso hai seis culpables. E seis inocentes", en referencia (ao mesmo nivel) aos cinco homes e á moza.

O CPXG "lamenta moito que tres cabeceiras galegas lle desen espazo a exabruptos machistas de taberna que, envoltos nunha linguaxe pretendidamente académica, culpan a vítima dunha suposta violación"

O texto, que xa está a provocar grandes críticas nas redes sociais, foi denunciado pouco despois da súa publicación polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que na súa conta de twitter "lamenta moito que tres cabeceiras galegas lle desen espazo a exabruptos machistas de taberna que, envoltos nunha linguaxe pretendidamente académica, culpan a vítima dunha suposta violación". A entidade encadra este novo exemplo negativo na súa campaña #NonDifundasMachismo iniciada no 25 de novembro de 2016. Hai dous meses, na celebración do último 25N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o Colexio facía un chamamento "a loitar contra a violencia machista desde o interior dos medios".

 

"Seis culpables e seis inocentes"

"Neste caso hai seis culpables. E seis inocentes", conclúe o autor

O texto conclúe equiparando na responsabilidade do sucedido aos cinco agresores e á agredida e en todo momento busca poñer en dúbida que a denunciante fose realmente violada, insinuando en varias ocasións que se tratou dunha relación consentida e desexada por ela. Vila-Coia, que se presenta como "politólogo e antropólogo" pregúntase se "pode alguén sentirse agredido sexualmente sen que de forma obxectiva sexa apreciada tal cousa polos nosos sentidos? Onde reside a agresión, no feito en si ou en como vivimos ese feito?" ou se "o sentimento de sufrir unha agresión sexual pode xurdir ex post, despois do feito, e non durante o mesmo?".

O autor afirma igualmente que neste caso "entran en xogo os prexuízos sexuais, ademais do interese por obter rédito político"

"Someteuse ou deixouse facer? (a pasividade non necesariamente conleva sometemento). Quen estivo nos Sanfermíns sabe que esta festa desencadea unha catarse dionisíaca colectiva que te impele a facer o que non fixeras nunca", di tamén, engadindo que "a nosa sexualidade está tan reprimida que cando se manifesta en todo o seu esplendor asustámonos e estremecémonos".  O autor afirma igualmente que neste caso "entran en xogo os prexuízos sexuais, ademais do interese por obter rédito político" e di desexar "unha resolución ecuánime, pois en gran medida estase xulgando á sexualidade humana".

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.