0 Gardados para despois

Unha ducia de novas para recuperares se desconectaches durante as festas

Praza PúblicaPraza Pública | @prazapublica


O período comprendido entre o 24 de decembro e o 6 de xaneiro torna, ás veces, nunha sucesión de transicións entre días festivos que deixan pouco espazo para mergullarse na actualidade. No remate de 2017 e o comezo de 2018 sucederon acontecementos destacables e en Praza.gal publicamos informacións que seguen a ter vixencia alén da estrita actualidade. Estas son algunhas das informacións que podes recuperar para leres máis devagar se deches en desconectar durante as festas.

A Xunta deixa sen aprobar a metade das leis e decretos que prometera para 2017

Feijóo adoita salientar que o seu é un “goberno previsible”, pero só aprobou 5 das 11 leis que anunciou para este ano e 35 dos 69 decretos, segundo o balance que vén de realizar o PSdeG. O Goberno galego admite que só aprobou "6 leis" das "11 previstas" e gábase de facer públicas as súas previsións malia ser unha obriga.

A Xunta paga polas prazas en residencias privadas de maiores un 8% máis que polas públicas

Galicia destaca na estatística do IMSERSO polo protagonismo esmagador das residencias privadas fronte ás que dependen directamente da Xunta. Cada praza concertada supón para a Administración uns 1.000 euros máis ca unha pública

A Generalitat asinou o mesmo pacto que o Sergas cunha empresa americana e publicou a parte que a Xunta oculta

A parte do convenio con Medtronic que o Sergas se nega a revelar para non prexudicar o "segredo comercial" da multinacional foi divulgada en internet polo Institut Català de la Salut. Ambos convenios son presentados como acordos sen achega económica, pero a sanidade pública dá en asumir gastos

No 60% dos concellos galegos reduciuse o número de empresas o pasado ano

No conxunto de Galicia a cifra total de sociedades incrementouse lixeiramente, pero este aumento está concentrado en apenas un cento de localidades. 33 das 53 comarcas viron diminuír o seu tecido empresarial en 2016, e só creceu en 18.

100.000 euros de soldo para un cargo pantasma: de senadora do PP ourensán a comisionada do "reto demográfico"

Barreira cobra máis que Rajoy e dende que foi nomeada responsable da política demográfica do Estado a súa actividade é apenas coñecida. O Goberno de España destaca que creou un grupo de traballo que se reune "periodicamente" e traballa nunha estratexia sen data de presentación

A Xunta, espectadora na inauguración de Rande que permitirá á AP-9 cobrar máis peaxe

Feijóo evita a transferencia da AP-9 no discurso do acto inaugural, no que os protagonistas da imaxe do día foron Rajoy e Ana Pastor. Os concellos do Morrazo non acudiron ao acto para lembraren que quedan obras sen facer por importe de 11 millóns de euros e cuestionaren as peaxes e a seguridade

A Garda Civil acha o corpo de Diana Quer onde a levou o asasino confeso

O achado produciuse nunha nave da parroquia de Asados, en Rianxo, ata a que, segundo transcendeu, os axentes foron conducidos polo presunto asesino da moza, detido o pasado venres en Boiro ao denunciar unha veciña da zona que tentara secuestrala

Así xustifica a Xunta o gasto de 77.000 euros en publicar como publicidade a declaración de Feijóo sobre os incendios

O Goberno galego reproducira en 12 xornais impresos o discurso de Feijóo ao día seguinte de que o lese ante os medios.  Sinala que "excluíu os medios dixitais galegos" porque en Internet cómpre "publicar textos breves" e afirma que o texto inclúe información sobre "as axudas habilitadas", que se aprobaron dous días despois

O 85% dos concellos galegos perden poboación

MAPAS INTERACTIVOS | O INE vén de publicar os datos do Padrón municipal correspondentes ao 1 de xaneiro do 2017. Só 48 localidades incrementaron o seu número de habitantes con respecto ao ano anterior e 264 reducírono. Medio cento de vilas perderon máis dun terzo dos seus empadroados e empadroadas dende 1998.

A Xunta acumulou 500.000 euros de débeda con residencias privadas ás que envía adultos aos que tutela

A Fundación Galega para a Tutela de Persoas Adulta admite que tivo que contratar prazas privadas cun "custo moi elevado" para poder cumprir coas súas obrigas, dando en xerar unha elevada débeda. Política Social afrontouna con fondos das axudas para o coidado de menores de 3 anos

Ourense encadea 9 anos con máis pensionistas que cotizantes

É a única provincia de todo o Estado con menos traballadores/as que xubilados/as. Tamén Lugo chegou a estar nesta situación nos últimos anos, pero reaxiu a partir de 2015

O informe da Xunta sobre o Brexit nin menciona que Galicia optase a acoller o laboratorio europeo de bivalvos

O documento, remitido ao Parlamento o pasado decembro, si admite que o Brexit pode supoñer un "duro golpe" para a "política de cohesión" da UE. O Goberno galego defendeu a suposta candidatura sen que nunca chegase a rexistrarse e mentres España votaba a prol do peche do laboratorio

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.