O Concello coruñés lamenta o "apoio mudo" do PP á entidade financiada pola Xunta que fixo apoloxía do golpe franquista

Publicación no blog da asociación Meigas de Hogueras de San Juan CC-BY-SA Praza Pública

Foi durante o debate da moción presentada polo BNG para que o Concello da Coruña inste a Xunta e Estado a incorporar a Casa Cornide, propiedade da familia do ditador Franco, ao patrimonio público da cidade. Aprobada co voto de todos os grupos municipais a excepción do PP, que se abstivo, durante as reflexións previas o concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, denunciou o "apoio mudo" dos populares a "condutas indignas nunha sociedade democrática". Referíase ás levadas a cabo pola asociación Meigas de las Hogueras de San Juan, entidade subvencionada pola Administración galega para a promoción da festa, ou por un dos seus impulsores e voceiros, persoa elixida pola Fundación Francisco Franco para exercer de guía no Pazo de Meirás, outro dos inmobles que os herdeiros do xeneral golpista manteñen en Galicia. 

O concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, lembra que a asociación aludiu á "liberación' fascista e violenta" de Bilbao na súa web

Así, o concelleiro Sande lembrou no pleno como un importante membro e habitual portavoz da asociación Meigas de las Hogueras de San Juan "aludía á liberación en 1937, fascista e violenta, da cidade de Bilbao a través da páxina web oficial" da entidade. Referíase ao artigo asinado por este coñecido ultradereitista no blog da entidade, no que fai apoloxía do franquismo e recorda a suposta "celebración" que na cidade se tería dado pola "toma por las fuerzas del Ejército Nacional de la ciudad de Bilbao" durante a festividade de San Xoán de hai 80 anos e nunha época, a da guerra civil, na que militantes fascistas asasinaron na comarca da Coruña máis de medio milleiro de persoas nunha brutal represión.

Ademais, Sande advertía tamén de que esta "coñecida figura da ultradereita da cidade e guerrilleiro de Cristo Rey" se anunciara hai tan só uns días "como cicerone ou guía principal" nas visitas guiadas que no Pazo de Meirás organiza agora a Fundación Francisco Franco. "Algo que xa é o colmo dos colmos", engadiu. O tamén representante da asociación Meigas fixo oficial a través das redes sociais un cargo que xa exercera na reapertura do inmoble sadense no pasado mes de setembro, logo dunha nova polémica pola apoloxía da ditadura e do ditador que anunciaba a entidade fascista. 

O Concello lembra que o asinante e portavoz da asociación Meigas é guía da Fundación Franco no Pazo de Meirás

O concelleiro Sande lembroulle ao grupo do PP que mentres os seus edís "levaban os premios Cardos" (galardóns que entrega a asociación Meigas), o goberno local, "que non practica o sectarismo", permitiu á entidade "seguir facendo actividades" polo San Xoán. "Ao tempo, asistimos con certo estupor a estas leccións de desmemoria e apoio mudo a condutas indignas nunha sociedade democrática", dixo, logo de advertirlles que non lles escoitou "palabra ningunha de condena a unha conduta nada sorprendente e en absoluto conxuntural". "Todas estas cuestións, combinadas, xuntas ou por separado, teñen máis que ver coa realidade histórica do que parecen", rematou tras cualificar de "hipocresía" a actitude dalgunha formación política ante as polémicas actitudes e afirmacións da entidade referida.  

"Asistimos con certo estupor a estas leccións de desmemoria e apoio mudo a condutas indignas nunha sociedade democrática"

Non é a primeira vez que esa asociación xera polémica polos comentarios profranquistas ou de extrema dereita por parte dalgún dos seus dirixentes. Durante anos, a asociación Meigas de Hogueras de San Juan foi apoiada a través de subvencións polo Concello da Coruña, unhas axudas que eliminou o goberno local da Marea Atlántica pero que foron substituídas por convenios asinados entre a entidade e a Xunta de Galicia, que mesmo convidou este ano a representantes do colectivo á Feira Internacional de Turismo (Fitur) e chegouno a cualificar como "único organizador" dos festexos na cidade. 

As subvencións que recibiu durante anos do Concello son substituídas agora por convenios económicos coa Xunta

Concretamente, o convenio de colaboración asinado entre a Axencia de Turismo de Galicia e as Meigas supera os 40.000 euros de achega para que a asociación realice diferentes actividades, como cartelería, folletos, revistas, concertos ou unha homenaxe á bandeira. Firmouse en 2017 pero tamén no ano anterior, logo de que o Concello rematase coa habitual colaboración e acordos económicos entre a administración local e este colectivo durante anos. En 2016, a Xunta concedera 18.000 euros a esta entidade para a realización dunha fogueira que non tiña a autorización municipal.

O convenio entre a Axencia de Turismo e Meigas supón unha achega de máis de 40.000 euros para a asociación

O orzamento municipal daquel ano para as festas de San Xoán na Coruña reducírase en case 150.000 euros -ao pasar duns 350.000 a 200.000- ao suprimirse os 145.900 euros que recibira a asociación de Meigas de las Hogueras de San Juan para organizar as súas actividades. Ata daquela, a entidade era contratada polo Concello para que levase a cabo as súas actividades e recibía preto de 25.000 euros das arcas municipais, de onde se achegaban uns 90.0000 máis para a produción desas actividades, como a colocación de escenarios, o desfile de carrozas ou actuacións da banda municipal.

Ademais, en 2015 sumáranselle outros 32.000 euros máis para conratar unha orquesta e montar unha verbena onde a asociacion Meigas instalaba dúas barras sen autorización municipal ou "laxa", como denunciara o concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, que cualificara a situación como "bastante anómala" ao aobterse un lucro cunha actividade feita nun espazo público.

Nunha das súas últimas publicacións na páxina oficial -que conta co logotipo da Xunta de Galicia, que subvenciona a súa xestión- a asociación Meigas de las Hogueras de San Juan, carga contra gobernos locais "financiados" por Irán e Venezuela, acúsaos de "adoutrinamento" para impor "tradicións marxistoides" e advirte de que pasarán "a ser un recordo escuro, unha  marea negra, viscosa, que un día inundou as nosas cidades" e que, din, tardaron "catro anos en limpar". 

José Manuel Sande, concelleiro de Culturas © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.