0 Gardados para despois

Implícate: Unha noite para ver o mundo con outros ollos

Redacción | @prazapublica

Implicadas no Desenvolvemento subirá de novo ao escenario este domingo 14 ás 20.30 horas para, sobre as táboas do Teatro Principal de Compostela, desenvolver a súa "cita anual coa cultura e solidariedade". Como vén acontecendo dende hai máis dunha década a ONGD galega cita algúns dos principais referentes das artes no país para combinar a difusión do seu traballo na cooperación ao desenvolvemento e un completo espectáculo.

A XIII edición do Implícate, noite de música e palabra solidaria, estará presentada por Yolanda Castaño e Mon Santiso, e contará coas actuacións de Atrás Tigre, Mounqup, Roi Casal, ISI, Marta Iglesias e Xacarandaina, entre outras/os. Alicia Fernández, Suso de Toro, Ismael Ramos e Verónica Martínez Delgado porán a súa palabra e os seus versos. O obxectivo do festival, no que as/os artistas colaboran de xeito desinteresado, é facer un chamamento á solidariedade das galegas e galegos, unindo nesa noite a cultura galega e a solidariedade galega. As entradas teñen un custo de 12 euros e tamén se pode colaborar a través da fila cero.

Os cartos recadados con esta iniciativa destínanse integramente a financiar os proxectos de cooperación para o desenvolvemento que Implicadas ten no Sur da India

O propósito principal deste evento é dar a coñecer o traballo desta organización de cooperación ao desenvolvemento, invitar ao público a ver o mundo con outros ollos, a reflexionar, e a cambiar os hábitos do noso día a día, dende Galicia, dende a conciencia crítica e a acción clara. Esta iniciativa lévase a cabo dende o ano 2006 en colaboración co Concello de Santiago, co Teatro do Morcego e con outras organizacións e institucións galegas. Dende o 2007 celébrase sempre no Teatro Principal de Compostela. Igualmente, os cartos recadados con esta iniciativa destínanse integramente a financiar os proxectos de cooperación para o desenvolvemento que Implicadas ten no Sur da India: “Erradicación do Infanticidio Feminino” en Salem e “Empoderamento de Mulleres II” en Tiruchy.

A ONGD lanzou un crowdfunding no que se pode colaborar a partir de 3 euros. Con 10 euros obtense un caderno de Implicadas e unha chapa; a partir de 20 euros recíbese entre outros agasallos un libro (Vanakkam); e dende 40 euros tense dereito ao libro e ao documental Cambia de Papel.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.