0 Gardados para despois

A caravana pola sanidade pública da Mariña acusa o PP de "baleirar de contido os hospitais comarcais"

Redacción | @prazapublica

Máis de 300 vehículos e un milleiros de persoas participaron na terceira etapa da caravana pola sanidade pública da Mariña, que se celebrou en Burela. Os coches partiron  ás 11 da mañá simultaneamente dos Centros de Saúde de Foz, Valadouro e San Cibrao ata confluír no centro da vila burelá, que acabaron por colapsar. A caravana rematou na explanada do porto e desde alí unhas mil persoas dirixíronse camiñando ata o Centro de Saúde da localidade, onde se leu un manifesto.

O texto incidiu nas críticas ás modificacións introducidas pola Xunta na Lei de Saúde de Galicia, que entre outras cousas suporán a supresión das actuais áreas sanitarias do Barco, A Mariña, Monforte e O Salnés. "O obxectivo do Goberno do PP con esta reforma é avanzar nas políticas de desmantelamento da Sanidade Pública, consolidando a liña de recortes, que tanto dano fixeron e están facendo o noso Sistema de Saúde, provocando unha perda no numero de camas e servizos nos hospitais comarcais e afastando de este xeito a resolución dos problemas da cidadanía", sinalouse. O manifesto denunciou que a reforma "baleira de contido os hospitais comarcais coa finalidade de concentrar os servizos sanitarios nos grandes hospitais". "Esta medida supón unha gran barreira para o acceso da cidadanía a atención hospitalaria , especialmente a poboación rural e máis avellentada", engadiu. 

A mobilización alertou así mesmo de que a modificación lexislativa presentada polo PP "consolida o abandono e relegación da Atención Primaria, a máis próxima e accesíbel para os cidadáns e doentes, que xa non recuperará as súas estruturas de planificación e xestión, o seu presuposto propio e os seus orzamentos, afondando nun deterioro da calidade asistencial xa imparable".

O 4 de febreiro unha manifestación en Compostela protestará contra a política sanitaria da Xunta e a supresión das áreas. A marcha pechouse convocando a poboación da Mariña a acudir a esta mobilización. Para isto, anunciouse que se fletarán autobuses dende a comarca.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.