Unha sentenza confirma a condena a unha nai por calumniar unha mestra nun grupo de whatsapp

Comedor dun colexio galego © Sonen

O 14 de xaneiro de 2016 unha muller, nai dun neno que cursa "5º de Infantil" -di a sentenza- nun colexio de Vigo, publicou unha mensaxe no grupo de Whatsapp que adoita funcionar entre os pais e nais do alumnado. Nel acusaba a unha das mestras de maltratar o seu fillo: "zarandéao de malas formas, tíralle do brazo, búrlase del, tíralle as fichas do puzzle ao chan, cómelle o bocadillo". E pedíalle ao resto de pais e nais "que controledes os vosos fillos, que lles preguntedes por esta individua", concluíndo que "se pasa con algún máis temos que facer forza entre todos e plantarlle cara".

"Zarandéao de malas formas, tíralle do brazo, búrlase del, tíralle as fichas do puzzle ao chan, cómelle o bocadillo", dicía a mensaxe, que engadía: "Temos que facer forza entre todos e plantarlle cara"

A acusación, que chegou a ser publicada por algún medio de comunicación, deu lugar á convocatoria dunha xuntanza no centro de ensino, onde a nai acabou por se desdicir das acusacións e comprometeuse a desculparse no propio grupo de Whatsapp. Porén, nos días seguintes simplemente publicou: "Ola. Quérovos pedir perdón por poñer o outro día un comentario que non ten nada que ver con este grupo", o que a mestra atopou insuficiente, presentando a continuación unha denuncia xudicial por un presunto delito de calumnias.

O Xulgado do Penal nº 3 de Vigo ditou sentenza en maio do pasado ano, condenando a muller que colgara a mensaxe no grupo de Whatsapp a unha pena de 7 meses de multa a razón de 3 euros ao día (630 euros en total) e máis de 1 euro como indemnización por dano moral, xa que a propia mestra calumniada non quixo reclamarlle máis que unha cantidade puramente simbólica.

A acusada recorreu a sentenza e agora a Audiencia Provincial de Pontevedra vén de pronunciarse sobre este recurso, reiterando a consideración de calumnias para os feitos probados e subliñando a falta de rectificación por parte da acusada. O ditame considera que as expresións vertidas no grupo de Whatsapp “son obxectivamente ofensivas e suficientemente graves para considerar menoscabada a dignidade e o honor da prexudicada, na medida en que menoscaban a honra e o creto da profesora”.

O Xulgado do Penal de Vigo ditou sentenza en maio, condenando a muller que colgara a mensaxe no grupo de Whatsapp a unha pena de 631 euros

O Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza (STEG) vén de valorar positivamente esta nova sentenza e insta a todos os medios de comunicación que publicaron as acusacións da muller hoxe condenada por calumnias a "dar publicidade en debida forma ao resultado do proceso xudicial" para axudar a reparar "os danos morais causados polas calumnias vertidas contra esa profesional da educación e restaurar a integridade e honorabilidade da súa imaxe pública".

Comedor dun colexio galego © Sonen

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.