Os policías detidos polo roubo de armas en Ourense quedan en liberdade baixo fianza acusados de homicidio

Comisaría da Policía Nacional en Ourense © Google

En liberdade baixo fianza de 60.000 euros cada un e acusados de sete delitos, entre eles o de homicidio. É a situación procesual na que quedan os dous irmáns axentes da Policía Nacional detidos a pasada semana no marco da investigación polo roubo de pistolas na Comisaría de Ourense entre 2014 e 2015 e tamén pola presunta elaboración de notas anónimas que incriminaban axentes antidroga nunha suposta trama de corrupción policial. Deses anónimos autoinculpouse outro policía, o falecido en abril de 2016 na propia comisaría no que foi investigado como un suicidio cometido, precisamente, cunha das armas roubadas.

A prolongada investigación da xuíza Eva Armesto, que conectou ambos sucesos -o roubo e o falecemento-, derivou o pasado 19 de xaneiro na detención destes dous irmáns xemelgos, un deles xa retirado por incapacidade e outro, a prestar servizos en Ávila, segundo informou a edición ourensá de Faro de Vigo. Tras seren interrogados durante os últimos días a respecto do caso, cuxa investigación xa se estende nunha causa de máis de 3.000 páxinas, os detidos pasaron á disposición do Xulgado de Instrución número 3 de Ourense este domingo. Alí a instrutora determinou a posta en liberdade baixo a fianza, que terán que abonar nun máximo de 5 días; deben ademais entregar o pasaporte por teren prohibido saír do territorio do Estado e teñen que comparecer a diario no xulgado.

Ao contrario do solicitado pola Fiscalía e pola acusación, a xuíza non ve "xustificado" enviar a prisión provisional os axentes. Segundo informan fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), no seu auto a maxistrada considera que non existe "perigo para a alteración, ocultación ou destrución de probas" máis alá da eventual revelación dalgúns detalles do sumario, os da parte sobre a que segue a pesar o segredo. Do mesmo xeito, agrega, non "cabe" posibilidade de actuaren "contra bens xurídicos da vítima" nin manexa "elemento ningún" que poida anticipar "que os investigados vaian cometer outros delitos".

A xuíza instrutora foi quen de conectar o roubo de seis pistolas co suicidio dun axente e a difusión de notas anónimas que acusaban outros policías de suposto trato de favor a 'narcos'

Segue así adiante un caso no que, sempre segundo as fontes xudiciais, sobre os policías pesan "indicios da comisión, de forma conxunta e planificada", dunha relevante lista de delitos entre maio de 2014 e abril de 2016. Teñen que responder por "roubo con forza, tenza ilícita de armas, revelación de segredos, simulación de delito, acusación ou denuncia falsa e inxurias e calumnias", ademais de "polo presunto delito de homicidio en relación ao axente falecido". Considéraos, daquela, responsables do roubo das 6 pistolas no búnquer da comisaría, do envío de anónimos incriminatorios -atribuían aos axentes antidroga suposto trato de favor a narcos a cambio de confidencias-, e do falecemento que inicialmente se investigou como un suicidio alleo ao resto dos feitos.

A xuíza Armesto determinou a detención dos policías tras estudar os resultados de "inspeccións oculares, informes periciais" e probas de ADN, ademais de testemuñas, imaxes, chamadas intervidas e "documentación bancaria". Dende que foron arrestados, a policía xudicial rexistrou por orde da instrutora "vivendas relacionadas cos sospeitosos" en Toén e Ribeira, así como en Ávila e na localidade madrileña de Coslada. Durante a súa detención os axentes investigados "só quixeron responder a unhas preguntas formuladas pola súa defensa".

Xulgados de Ourense © Abogados Madrid

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.