0 Gardados para despois

Acosada polas cámaras tras padecer e denunciar a agresión clave na resolución do asasinato de Diana Quer

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Foi agredida e a súa denuncia e testemuño foron claves para resolver o asasinato de Diana Quer. Un mes despois de que o asasino confeso da moza desaparecida na Pobra do Caramiñal tentase presuntamente secuestrala introducíndoa no maleteiro do seu coche, algúns medios de comunicación non permiten que continúe a súa vida con normalidade. É a situación que está a vivir a muller á que, tal e como detallou, José Enrique Abuín agrediu o pasado 25 de decembro en Boiro, cuxa precisa descrición dos feitos e do vehículo do acusado foi transcendental para aclarar a autoría da morte da moza madrileña.

Foi o propio xulgado de Ribeira que investiga estes feitos -investíganse nun procedemento diferente do caso de Diana Quer- o que se viu obrigado a transmitir esta advertencia á prensa que adoita cubrir a información xudicial en Galicia. Fíxoo despois de que a muller se dirixise ás autoridades xudiciais para denunciar o "acoso" por parte de equipos dalgúns medios de comunicación, algúns dos cales, segundo a información recibida polo xulgado, fan garda ante a súa casa. Esta presión prodúcese malia á súa decisión de manter o anonimato e non realizar declaración ningunha.

O xulgado de Ribeira vén de verse obrigado a intervir ante a petición de axuda da muller

Este novo episodio chega despois de que as forzas de seguridade, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e mesmo a familia de Diana Quer, así como movementos feministas, reclamasen nas última semanas "respecto" na cobertura destes feitos. Neste sentido, o pai da moza asasinada, Juan Carlos Quer, revelaba nunha entrevista recente na Cadena SER que tivera que poñerse en contacto con varias cabeceiras para reclamar que cesasen na difusión de imaxes do levantamento do cadáver da súa filla en Rianxo.

O Colexio de Xornalistas, os responsables da investigación e a familia de Diana Quer tamén reclamaran respecto

Neste sentido, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia apelara tamén, nos días posteriores á resolución do caso, á "ética e á responsabilidade do conxunto da profesión xornalística" para que as informacións dos medios "non sumen máis dor á dor" da familia. No mesmo comunicado público a entidade profesional chamaba a encadrar o asasinato no contexto da loita contra a violencia machista e a preservar especialmente a privacidade e á propia imaxe de persoas menores de idade e non implicadas directamente no sucedido. Por todo isto lembraban a existencia e vixencia do Código Deontolóxico Galego, así como da Declaración de Compostela e da Guía práctica para o tratamento informativo da violencia contra a muller, nos casos específicos das agresións de xénero.

Tamén os responsables da investigación do asasinato de Diana Quer se dirixiran directamente aos responsables dos medios de comunicación. Así, advertiran de que "graves filtracións" chegaran a poñer en risco algunhas das pescudas e resaltaran que "hai titulares" sobre o sucedido que "poden supor dano de por vida" á familia.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.