0 Gardados para despois

Os plenos de Rianxo, Cambados e A Illa piden por unanimidade a paralización da Mina de Touro

Redacción | @prazapublica

Os plenos municipais de Rianxo, Cambados e A Illa de Arousa aprobaron este xoves por unanimidade unha moción, impulsada pola Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) que lle demanda á Xunta que paralice o criticado proxecto mineiro de Touro. Os textos, que foron apoiados tamén polos concelleiros do Partido Popular, salientan os posibles prexuízos que os vertidos xerados pola mina terían para a actividade marisqueira e pesqueira en todos os concellos da ribeira da ría.

Os textos foron apoiados tamén polos concelleiros do Partido Popular

Ínstase ás Consellerías do Mar e de Economía, Emprego e Industria a que desestimen a autorización administrativa e a que diten unha declaración ambiental desfavorable en virtude dos efectos negativos para o medio ambiente e a incompatibilidade do proxecto coa debida protección das augas da cunca e da desembocadura do Ulla. E, así mesmo, demándase á Xunta que "promova unha completa restauración da antiga explotación mineira de Touro, eliminando os focos de contaminación de metais pesados".

As mocións foron defendidas por representantes dos mariscadores e pescadores, como algúns patróns maiores, e por numerosos homes e mulleres que viven do mar, que ateigaron os salóns de plenos. Os textos salientan "a importancia do sector do mar de Arousa na economía local", lembrando que no ano 2016, traballaban na Ría de Arousa o 44% das mariscadoras/es a pé, mais do 41% das embarcacións de artes menores e o 68,7% das bateas de mexillón de toda Galicia. E que, ademais, a frota pesqueira de Arousa está composta por 1.709 buques de pesca e 842 auxiliares de pesca e acuicultura, respectivamente o 38,6% e o 69,9% do total de Galicia. "Á importancia económica derivada do sector primario do mar arousán únese o valor social que adquire nos municipios costeiros, onde irradia beneficios socioeconómicos entre amplas capas da poboación, converténdose nun importantísimo mecanismo de distribución e reparto de riqueza no entorno local que incentiva a implantación de actividades e pequenos negocios", engádese.

Os textos destacan que o proxecto mineiro previsto en Touro actuaría na zona durante 16 anos e medio, producindo unha cantidade moi importante de residuos e vertidos. O proxecto estima que durante os tres primeiros anos vanse verter ata mil millóns de litros anuais de augas que, despois de ser utilizada no tratamento químico necesario para precipitar os metais, será vertida ao Dominio Público Hidráulico. Os lodos do proceso almacenaranse en dúas balsas e, ademais, proxéctase unha entulleira de estériles potencialmente xeradores de ácidos cunha capacidade de 58 millóns de toneladas.

A moción subliña que "os concellos situados río abaixo da mina poden verse afectados pola contaminación das augas do río nas captacións de auga potable" e que "a experiencia previa constatou o importante dano ambiental que esta explotación mineira orixinou e segue orixinando na cunca do principal río que desemboca na ría de Arousa". E conclúe que "a execución deste novo macro-proxecto de explotación mineira na cunca do Ulla pon en risco a principal área de produción de moluscos da UE, a ría de Arousa" e que polo tanto "as administracións deberían aplicar o principio de precaución para protexer as actividades de pesca, marisqueo e cultivo de mexillón que se realizan nesta ría".

"A execución deste novo macro-proxecto de explotación mineira na cunca do Ulla pon en risco a principal área de produción de moluscos da UE, a ría de Arousa"

O proxecto mineiro, que foi publicado no DOG a finais de agosto, conta con 1.500 alegacións nas que se advirte do impacto nos ríos e regatos, mananciais, explotacións gandeiras e veciñanza. Pero tamén se advirte dos problemas que pode causar no Ulla, que desemboca na ría de Arousa, principal banco marisqueiro do país. Un estudo científico xa advertiu de que reabrir a mina de Touro pode extinguir o salmón no Ulla.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.