"O que non di Reganosa"

A planta de Reganosa, a uns centos de metros do núcleo urbano de Mugardos CC-BY-NC-ND Xoán Porto

A loita contra Reganosa segue en marcha. Tras a "senteza inapelable" que o pasado maio anulaba a modificación do PXOM de Mugardos para a instalación da planta de gas no seu actual emprazamento o Comité Cidadán de Emerxencia (CCE), que vén mantendo no tempo as mobilizacións contra esta planta industrial, ultima a súa acción de protesta mentres tenta desmontar o argumentario da dirección da empresa, a cal "presenta a súa actividade como beneficiosa e necesaria para economía" pero, din, "isto contradí a realidade dos feitos".

"En 2011 a actividade da planta non acadou o 40% e durante 260 días estivo por baixo do mínimo técnico"

Así, o CCE explica que durante o pasado 2011 a actividade da planta "non acadou o 40%, durante 260 días estivo por baixo do mínimo técnico e 65 en mínimo técnico", sempre segundo datos "do xestor técnico do sistema". "Reganosa é deficitaria" e ao longo do mesmo ano "custounos aos cidadáns preto de 58 millóns de euros", subliñan. Neste contexto, sinalan, as empresas que sustentan a planta "comprometéronse a consumir o 85% nominal" da súa capacidade para "xustificar o proxecto e conseguir a autorización da Comisión Nacional da Enerxía" pero, atendendo a datos do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), "durante 2010 o consumo dos ciclos combinados en Galicia -Endesa e Fenosa- acadaron o 4,8% da capacidade de Reganosa. "Esta realidade -afirman- amosa a fraude que cometeron cos datos achegados á CNE para obter a autorización de construción.

Isto acontece mentres, por outra banda, a "entrada de gas a Galicia por gasoduto se mantén pechada". Esta, di, era a vía pola que chegaba o gas ao país "antes da entrada do funcionamento da planta en 2007" e fíxose, igualmente, para "xustificar a necesidade de Reganosa", aínda que os gasodutos teñen "capacidade para subministrar tanto para os ciclos combinados como para o uso doméstico e industrial". Por todo isto o CCE "demanda a paralización da actividade ilegal de Reganosa" e a apertura dunha comisión de investigación parlamentaria que "aclare o cúmulo de ilegalidades e depure as responsabilidades ás que houbese lugar.

Estas reivindicacións levaranse de novo á rúa este venres día 20, na sexta marcha a pé a Mugardos para esixir o cesamento da actividade da planta. Mentres, no ámbito político, Esquerda Unida xa avanzou a súa aposta por levar o caso ante a Fiscalía Anticorrupción. Do mesmo xeito, a primeira xuntanza da Coordinadora Nacional de ANOVA-Irmandade Nacionalista manifestou "o seu apoio ás mobilizacións" contra a planta de gas.

A planta de Reganosa, a uns centos de metros do núcleo urbano de Mugardos CC-BY-NC-ND Xoán Porto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.