Máis da metade das queixas que recibe A Mesa por discriminación do galego son sobre a administración

A Mesa presentou un novo informe sobre a 'Liña do galego' © A Mesa

A Mesa pola Normalización Lingüística presentou neste sábado o informe anual da Liña do galego 2017, onde se recollen máis de 360 expedientes, entre queixas, consultas e parabéns sobre o uso da lingua galega. Segundo destacou a entidade en rolda de prensa, neste pasado ano houbo un aumento, aínda que a entidade destaca que "realmente o número de queixas que se tramitan son moi poucas en relación a todos os dereitos lingüísticos que se vulneran".

O informe anual da 'Liña do galego' recolle máis de 360 expedientes sobre o uso do galego

Ademais, e ao igual que ocorreu nos informes dos anos anteriores, máis da metade (un 56%) das queixas refírense á administración pública, tanto estatal como autonómica e local. Elsa Quintas, vicepresidenta da Mesa, resaltou que isto é "unha mostra máis"  de que, en xeral, é no ámbito da administración "onde a cidadanía é máis consciente da existencia dunha normativa que ampara os seus dereitos lingüísticos, polo que tolera menos a súa vulneración".

Porén, Quintas sinalou como no sector privado "aínda hai moito por avanzar, for no campo lexislativo, for na responsabilidade de atención digna que deben asumir as empresas". Neste sentido, destacou como empresas que reciben o maior número de queixas son Google, Ikea, Abanca, seguidas de Movistar e o Banco Santander así como El Corte Inglés. Tamén destacou "a exclusión xeralizada do galego nos seguros, denunciada recentemente".

Máis da metade das queixas presentadas (un 56%) refírense á administración pública, tanto estatal como autonómica e local

A Mesa insiste en que o obxectivo da Liña do Galego é "romper a normalidade e impunidade da exclusión do galego". "Denunciar, reclamar, actuar son neste momento as únicas ferramentas que ten a sociedade galega, así como animar a actitude de quen cumpre co galego moitas veces sen axuda nin recoñecemento", destaca a entidade. Neste sentido, Quintas denunciou o incumprimento de acordos e lexislación nacionais, estatais e internacionais en relación á lingua, e que "fronte ás 500 normas que amparan o castelán, as poucas a favor do galego non se aplican".

Google, Ikea, Abanca, Movistar, Banco Santander e El Corte Inglés son as empresas que recibiron un maior número de queixas

Na mesma rolda de prensa, A Mesa anunciou mudanzas organizativas na asociación en defensa da lingua. Os cambios, aclara a entidade, "pretenden dar un impulso á actividade xeral e á súa capacidade de actuación fronte ás agresións continuas ao dereito básico de utilización do galego". "As principais liñas de traballo irán orientadas a dar unha resposta social máis ampla e efectiva ao coñecemento da realidade sobre a que hai que actuar e á proposición e elaboración de alternativas precisamente porque hai cada vez máis consciencia de que cómpre mudala”, di.

"Fronte a unha Xunta que abdica da súas obrigas coa lingua, hai unha enorme vontade popular de reposición e normalización", dixo Marcos Maceira, presidente da Mesa, que puxo como exemplo as 28.000 persoas que asinaron a iniciativa lexislativa para garantir o dereito ao uso do galego no ámbito socioeconómico, "rexeitada en solitario polo PP no Parlamento". "A ILP demostrou que si hai posibilidade de mudar a exclusión forzosa da nosa lingua mais cómpre vontade política", dixo. 

Así, A Mesa advirte de que as mudanzas introducirranse en dous grandes proxectos que desde a dirección da entidade quere impulsar: o Observatorio de Dereitos Lingüísticos, que será dirixido pola avogada e vicepresidenta da Mesa, Elsa Quintas; e Abertos ao Galego, para o asesoramento e visibilización das empresas que apostan polo galego, que estará dirixido pola profesora e membro da Permanente da Mesa, Celia Armas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.