0 Gardados para despois

Entidades sociais chaman a "derrubar o muro dos prexuízos" ao redor das persoas pobres

Redacción | @prazapublica

Este martes 20 de febreiro celébrase o Día Mundial da Xustiza Social, declarado por Nacións Unidas no 2007 para reclamar un desenvolvemento económico e unha globalización que garanta resultados equitativos para todos a través do emprego, a protección social, o diálogo social, e os principios e dereitos fundamentais no traballo. Coincidindo con esta data, EAPN Galicia-Rede Galega contra a Pobreza levou a cabo unha serie de actividades para alertar da “crecente evolución dos prexuízos, estereotipos e intolerancia e ata desprezo polas persoas en pobreza ou exclusión". 

A campaña Mentiras Pobreza busca visibilizar os estereotipos identificados e argumentar contra eles 

O pasado mes de outubro o Parlamento galego aprobou por unanimidade unha Declaración Institucional contra o odio e a intolerancia ás persoas en pobreza ou exclusión, promovida por EAPN, un texto que salientaba que “as persoas non son culpables da súa pobreza. Non o son as nenas e nenos nin as súas nais e pais. Ninguén é inútil nin culpable do seu sufrimento”. Ademais, o Seminario Galego de Participación e Cidadanía Inclusiva (e unha serie de dez obradoiros previos) identificaron "mentiras, estereotipos e prexuízos" que afectan a determinados colectivos. Con todos estes prexuízos conformouse un mural (Muro das Mentiras) que este martes foi presentado no Parlamento, onde permanecerá exposto. Ademais, os distintos obradoiros serviron para elaborar respostas a eses prexuízos, dando lugar a outro mural (Muro da Inclusión), que tamén se pode ver na cámara galega.

En paralelo á este acto e para reforzar a súa repercusión mediática, EAPN Galicia e as súas entidades integrantes lanzaron nas redes sociais a campaña Mentiras Pobreza, para visibilizar os estereotipos identificados e argumentar contra eles. Así, fronte a "Están na rúa porque non teñen estudos", contraponse que "O 13% das persoas sen fogar ten estudos universitarios e O 63,9% rematou a educación secundaria". Ou fronte a "As persoas con discapacidade non poden vivir soas precisan axuda para todo", sinálase que "As persoas con discapacidade poden levar unha vida autónoma de acordo as súas capacidades. Todos temos fortalezas e debilidades". Ou fronte a "Por culpa dos estranxeiros, cústanos máis a sanidade", sublíñase que "Os estranxeiros residentes en España (12,17%) só son responsables do 5,6% da utilización dos Servizos Sociais, Sanidade e Educación e ademais a súa presenza permitiu atrasar a entrada en déficit deste sistema".

"Non cuestionamos certas situacións cotiás xa que estas crenzas están tan asumidas como verdades no imaxinario común que non somos conscientes que insultan e atentan contra a dignidade das persoas"

EAPN-Galicia destaca a importancia de coñocer e identificar estes prexuízos, pois "en moitas ocasións non cuestionamos certas situacións cotiás xa que estas crenzas están tan asumidas como verdades no imaxinario común que non somos conscientes que insultan e atentan contra a dignidade das persoas". A entidade salienta que os colectivos que máis sofren estes estereotipos son persoas con discapacidade, persoas xitanas, mulleres, persoas sen fogar e en situación de pobreza e inmigrantes ou persoas que profesan outras relixións e con culturas diferentes á maioritaria. E explica que "o perigo máis grande que encerra un estereotipo ou prexuízo é que a persoa á que se lle atribúe o asuma como verdade: neste punto prodúcese unha supresión da percepción de valía, das fortalezas da persoa e de infravaloración. En definitiva, a desconexión entre a persoa e a súa dignidade". "Queremos que te unas ti tamén e dende agora mesmo á loita contra a aporofobia e a intolerancia", destaca a entidade, chamando a "derrubar o muro das mentiras" ao redor da pobreza

"O perigo máis grande que encerra un prexuízo é que a persoa á que se lle atribúe o asuma como verdade: neste punto prodúcese unha supresión da percepción de valía, das fortalezas da persoa"

A propósito do Día Mundial da Saúde Mental 2016, FEAFES Galicia lanzou a campaña "Eu non teño prexuízos" para loitar contra os falsos mitos que existen arredor das persoas con problemas de saúde mental. Outras das entidades que forman parte da Rede Galega contra a Pobreza, como Ecos do Sur, tamén lanzaron este martes mensaxes e iniciativas para loitar contra os prexuízos e o discurso de odio. A entidade destaca que Internet é un espazo clave de difusión destas "mentiras" sobre a pobreza e, ao mesmo tempo, unha ferramenta para combatelas. Para iso, difunden unha Guía Práctica de Intervención online para Ciberactivistas. O ano pasado Edo Bazzaco (SOS Racisme) salientaba nesta entrevista que "ademais de responder directamente aos discursos de odio, hai que que conseguir que esta resposta chegue a públicos amplos, contrapoñer o relato de odio con discursos diferentes".

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.