Un berro urxente para salvar o Camiño Primitivo

Albergue de Ribadiso, no Camiño Primitivo, preto de Arzúa © Xacobeo

“Elevado grao de ameaza ambiental e de agresión ao seu patrimonio cultural”. Así se atopa o Camiño Primitivo, esa milenaria calzada medieval e primeira senda de peregrinación a Compostela, segundo denuncia o Foro do Camiño Primitivo, colectivo que leva anos alertando á Xunta “da necesidade urxente dunha delimitación oficial para esta vía”.

Ao cumprírense dous anos da constitución do Foro, esta asociación celebrou unha asemblea xeral nos últimos días na que insistiu na premura pola que debería optar o Executivo galego para un proceso de delimitación “que podería asegurar a preservación da súa traza física e do seu territorio histórico”, sobre todo agora que “a Unesco está a analizar o expediente da candidatura do Camiño Primitivo para ser proclamado como Patrimonio Mundial”.

A ausencia de actuacións da Xunta na protección e delimitación do Camiño pon en perigo as súas opcións de ser declarado Patrimonio Mundial

Esta candidatura foi anunciada xa a comezos de 2011 por parte do Consello de Patrimonio Histórico Español, pero malia as peticións do Foro para a súa delimitación e conservación, a día de hoxe “aínda non se coñece unha soa actuación que a Xunta teña realizado para este fin”. “Este proceso é apremante”, recordan.

Ademais, o Foro reclama a delimitación oficial do Camiño Primitivo ante os “reiterados impactos” contra a súa estrutura tradicional e que xa foron denunciados ante a Consellería de Cultura e o Servizo de Patrimonio, que fixeron “caso omiso das súas obrigas legais”. O colectivo en defensa desta vía histórica medieval lembra tamén que hai varias “desfeitas” na ruta que tamén foron comunicadas ás administracións, entre as que destacan  a adulteración da traza camiñeira en Guntín de Pallares, en Castroverde ou na Terra de Melide (Pena Ferrada e Camiño da Martagona); o impacto das concentracións parcelarias no entorno do hospital de Burgo de Negral, de Poutomillos e da Esperela (Campo da Matanza); a tala das carballeiras na Pradeda do Cádavo; o peche do camiño vello en Carballido e San Xoán do Alto (Lugo) ou en Vilalle (Castroverde); o deterioro paisaxístico e ambiental producido pola canteira de Bascuas (Lugo); a presión urbanizadora no barrio do Carme (cidade de Lugo); a marxinación da verea iniciática na Póboa de Burón; a recente destrución do Forno de Valeriano na Fonte Sagrada; a futura implantación do polígono industrial da Fonsagrada; o asentamento dun parque eólico sobre as ruínas do Hospital de Montouto fundado por Pedro I; o deterioro arquitectónico en Soutomerille (Castroverde) e no Carril das Flores, Regueiro dos Hortos e Calzada da Ponte (Lugo); a permuta da vía pública no Mesón de Fraiás.

"A indiferenza da Xunta ante as denuncias é un acto de neglixencia e abandono das responsabilidades públicas"

Para o Foro do Camiño Primitivo, a “indiferenza” da Xunta ante as denuncias é “un acto de neglixencia e abandono do exercicio das responsabilidades públicas na defensa deste ben comun”. “A pasividade e inoperatividade administrativa, mesmo con informes favorábeis, tamén dos entes locais, reafirman a necesidade dunha delimitación abordada con clara vontade política, rigor científico e respecto á legalidade xurídica”, recordan.

Así, o colectivoadvirte á administración pública que “se manterá vixiante para que esta responda á legalidade en todos os seus termos e para que reclame un debate social participativo, serio e rigoroso previo á delimitación definitiva, tanto do itinerario oficial como do territorio afectado”. Así mesmo, o Foro considera como premisas irrenunciábeis na delimitación oficial do Camiño Primitivo os principios de integridade e autenticidade histórica da calzada milenaria, o que implica que haberá que recuperar a traza antiga e a súa custodia, seguindo os criterios legais, e que se desbotará a redución do ámbito do BIC (Ben de Interese Cultural). "Estes son os valores nos que acreditan firmemente as persoas, entidades e organizacións que constitúen esta plataforma e para cuxa defensa manifestan a súa disposición decidida e ofrecen a súa colaboración", din.

Albergue de Ribadiso, no Camiño Primitivo, moi preto de Arzúa © Xacobeo
Fonfría, na Fonsagrada, no Camiño Primitivo © Xacobeo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.