Un gran número de adolescentes non recoñecen como maltrato o control ou a violencia psicolóxica

Nesta nova edición de nAmorAndo participaron 345 alumnos e alumnas dos centros de ensino de Pontevedra © Concello de Pontevedra

Unha gran parte dos e das adolescentes ten dificultades -sobre todo eles máis que elas- para identificar certos comportamentos de violencia psicolóxica como "claramente maltrato" dentro da parella. Por exemplo: deixarte de falar a túa parella durante días se fai algo que non che gusta; controlar a forma de vestirse; ignorar sempre os desexos da túa parella, menosprezar as súas opinións; presionala para que deixe os estudos ou o seu traballo; ou a agresividade verbal, física ou no xogo sexual. É unha das principais conclusións do programa nAmorAndo, unha intervención escolar de prevención da violencia machista que promove o Concello de Pontevedra. 

Os rapaces e rapazas de 4º de ESO si identifican de forma claramente maioritaria como maltrato determinadas accións de violencia, sobre todo física

Nesta ocasión participaron 309 alumnos e alumnas de 4º curso de Primaria (9-10 anos) e 345 alumnos e alumnas de 4º de ESO (14-16). Entre este segundo grupo levouse a cabo, ademais, un estudo mediante enquisas para coñecer as súas percepcións e actitudes perante a violencia machista dentro das parellas. Ademais, realizáronse sesións con música, curtametraxes ou fragmentos de películas, tamén exercicios de role-playing, teatro ou xogos, que serviron para promover o debate e reflexión sobre os comportamentos machistas, as relacións de parella -baseadas moitas veces nos mitos do amor romántico- e a violencia de xénero.

Dende a Concellería de Educación e Igualdade destácase que a participación nos debates xurdidos destas actividades foi moi activa, sobre todo a cargo das rapazas. O obxectivo de nArmorAndo é que "os e as adolescentes reflexionen e vivan a repercusión que ten o amor romántico na súa visión das relacións de parella" e "axudarlles a criticar e rexeitar concepcións erradas que impiden que se desenvolvan como persoas completas, que perpetúan a procura da felicidade noutra persoa esquecendo as súas inquietudes, intereses e formas de ser e estar particulares", sinala a Concellería.

 

Os resultados das enquisas

"Deixar habitualmente á outra persoa coa palabra na boca" ou "Non ter en conta as opinións ou desexos da outra persoa" apenas son considerados matrato

As enquisas realizadas entre o alumnado amosan que os rapaces e rapazas de 4º de ESO si identifican de forma claramente maioritaria como maltrato determinadas accións de violencia, sobre todo física, pero tamén verbal ou psicolóxica: "Agredir fisicamente; empurrar ou losquear no transcurso dunha discusión", "obrigar a ter relacións sexuais sen apetecerlle a ela/el" ou "insultar, humillar e facer calar a outra persoa en público ou en privado é maltrato". Todas estas actitudes son definidas como "claramente maltrato" por máis do 70% dos e das participantes.

En cambio, hai outras nas que as porcentaxes son moito menores. Así, "deixar de falar durante días a túa parella porque fixo algo que non che gustara" só é considerado maltrato por parte do 4% dos e das adolescentes (16% despois das actividades do programa); "deixar habitualmente á outra persoa coa palabra na boca" fica no 7% das respostas (21% despois do programa); e "non ter en conta as opinións ou desexos da outra persoa" no 17% (28% despois). De igual xeito "Negar afecto e apoio como castigo" (35% antes e 45% despois), "Controlar o diñeiro e exixir contas de gastos máis insignificantes" (38% e 49%) ou "Chamarte constantemente. Ser moi celoso/a" (26% e 43%) non chegan tampouco ao 50% das respostas, nin sequera despois de ser tratados estes aspectos nas sesións e debates do programa.

Saliéntase que as actividades e debates desenvolvidos cos e coas adolescentes contribuíron a mellorar a identificación da violencia machista, pero o efecto foi máis significativo nas mulleres e menos nos homes

Dende a Concellería conclúese ademais son os homes "os que en maior medida perpetúan mitos do amor romántico" como "as persoas cambian por amor", "non hai amor verdadeiro sen sufrimento", "o amor verdadeiro perdoa/aguanta todo", "só hai un amor verdadeiro na vida" ou "a outra persoa vaime a proporcionar a felicidade que necesito". Tamén se atopan grandes diferenzas por xénero nalgúns items determinados, como "Dicirche como debes vestirte, comportarte", "Agresividade ou dano no xogo amoroso e sexual" ou "Enfadarse se saes con amigas/os, quererte so para él /ela", nas que as porcentaxes de mulleres que os identifican como maltrato duplican ás porcentaxes de homes que tamén o fan. Saliéntase igualmente que as actividades e debates desenvolvidos cos e coas adolescentes contribuíron a mellorar a identificación da violencia machista, pero detallan que o efecto foi máis significativo nas mulleres e menos nos homes.

Neste vídeo recóllense algunhas das reflexións realizadas polo alumnado participante no programa nunha das súas edicións anteriores.

Nesta nova edición de nAmorAndo participaron 345 alumnos e alumnas dos centros de ensino de Pontevedra © Concello de Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.