O BNG impulsa a recuperación do Pazo de Meirás tamén na Eurocámara

Eurodeputados na visita ao 'valle de los Caídos' CC-BY-SA BNG

Implicar a Eurocámara na recuperación dos bens usurpados polo franquismo en Galicia, e máis concretamente o Pazo de Meirás. Esa é a intención do BNG a través da súa eurodeputada, Ana Miranda, que anunciou este venres que vai propoñer ao grupo de traballo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo que asuma as propostas da súa formación para recuperar o inmoble para o patrimonio público, "así como o resto de propiedades espoliadas ao pobo galego e que, corenta anos despois da desaparición do ditador, seguen en mans dos herdeiros de Franco".

Miranda proporá ao grupo de traballo de Memoria Histórica da Eurocámara que asuma as propostas do BNG para recuperar Meirás

Miranda anunciou a proposta durante a súa participación na delegación de eurodeputados en Madrid que denunciaron a "impunidade do franquismo no Estado español" e logo dun encontro informativo con colectivos e persoas en defensa da Memoria Histórica e dunha visita a monumentos franquistas como o situado no val de Cuelgamuros -valle de los Caídos para a iconografía fascista-, cuxa pervivencia a política galega cualificou como “impropia dun Estado de dereito”.

Así, Miranda fixo referencia á denuncia presentada polo BNG no Parlamento Europeo polo feito de que, a día de hoxe, "non se levou a cabo un recoñecemento e unha reparación moral de todas as vítimas", senón ao contrario. “Estamos ante un Goberno do PP que se gaba de non gastar nin un euro no cumprimento da Lei da Memoria Histórica, ignorando as xustas demandas de moitos familiares que solicitan poder encontrar e sacar os seus seres queridos das foxas comúns espalladas por toda a xeografía e darlles un enterro digno”, denunciou.

“Estamos ante un Goberno do PP que se gaba de non gastar nin un euro no cumprimento da Lei da Memoria Histórica"

A denuncia do BNG, como lembra Miranda, inclúe a solicitude de ilegalización da Fundación Franco así como retirarlle calquera tipo de función en relación á xestión do Pazo de Meirás, xa que neste momento é a responsable de xestionar as visitas a ese Ben de Interese Cultural (BIC), o que aproveita para gabar a figura do ditador. “É algo intolerable nunha democracia digna de tal nome”, recalcou.

O Bloque aclara ademais que se suma tamén desde o Parlamento Europeo a "todas as iniciativas de recuperación da memoria histórica e do patrimonio do pobo galego que está a desenvolver a formación nacionalista", tanto na rúa, -con accións simbólicas de protesta e de denuncia-, como nas institucións, -tanto desde a Cámara galega como desde a Deputación da Coruña, que forma parte da Xunta Pro Devolución do Pazo de Meirás. Precisamente, a institución provincial presentaba este pasado xoves o informe histórico e xurídico sobre o que baseará a súa demanda a Patrimonio Nacional para que reclame a recuperación do Pazo de Meirás para o ben público, unha nova fórmula que semella ser apoiada maioritariamente por administracións e partidos en Galicia de cara a conseguir a reversión do inmoble. 

Na visita deste venres a Madrid estiveron, entre outros, Izaskun Bilbao (PNV) e Miguel Urbán (Podemos), así como Martin Schirdewan (Die Linke), Stelios Kouloglou (Syriza), Ana Gomes (PS-S&D) ou Antonio Marinho e Pinto (Partido Democrático Republicano-ALDE). A eurodeputada galega, precisamente, solidarizouse nas redes sociais con Urbán, que segundo denuncia Miranda "recibiu nsultos e ameazas de morte" durante a estadía no val de Cuelgamuros. 

Vista do Pazo de Meirás © Turismo de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.