VÍDEO | En folga feminista: "paramos porque estamos fartas e temos forza e decisión"

Dominio Público Praza Pública

Traballadoras en activo e xubiladas. Profesionais de sectores diversos e de múltiplas idades. Activistas e militantes que levan a loita á rúa dende hai anos e mulleres que reivindican nas súas contornas máis próximas ou que ata agora non o fixeran. Son moitas as voces que sustentan a reivindicación feminista deste 8 de marzo, Día das Mulleres e convocatoria de folga feminista a nivel internacional en máis dun cento de países.

Mulleres que nos últimos días participaron nas mobilizacións previas á folga feminista poñen voz ao inicio da cobertura especial de Praza.gal e Nós Televisión para este 8M

Testemuños de mulleres que nos últimos días participaron en diversos puntos de Galicia nos actos previos á folga feminista poñen voz ao inicio da cobertura especial conxunta de Praza.gal e Nós Televisión para este 8M. Os datos nos que se sustenta a reivindicación da xornada, o traballo dos movementos feministas e das organizacións sindicais que desta volta os acompañan, a vertente social e política da folga e as impresións das mulleres que se mobilizan serán as protagonistas.

"O que queremos é demostrar que se paramos, para o mundo", explican algunhas das activistas que animan a secundar o paro de mulleres. "Estamos fartas da fenda salarial, do paradigma da desigualdade", pero tamén "con forza para reivindicar" e coa firme "decisión" de facelo. "Queremos igualdade", explican, e iso pasa polo ámbito laboral, pero tamén por que os coidados familiares non sexan só cousa de mulleres. "Que non nos maten, que non nos persigan, que non teñamos que renunciar á nosa carreira profesional" e o espazo público sexa, tamén para as mulleres, garantía de vivir "libres e seguras".

CC-BY-SA Nós TV / Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.