0 Gardados para despois

O mundo do deporte tamén reivindica a igualdade

Redacción | @prazapublica

O mundo do deporte tamén amosou o seu apoio á xornada reivindicativa polo Día Internacional das Mulleres. Os dous grandes clubs galegos de fútbol mudaron mesmo os seus escudos nas súas mensaxes polo 8-M. O Celta, xa no seu símbolo nas redes sociais, cambiou a cruz de Santiago polo símbolo feminino e morado. "Pola igualdade, pola liberdade, por TODAS. Hoxe, cada día, desde XA e para sempre", dicía o Twitter da entidade viguesa. Desde A Coruña, o Deportivo dedicou o seu chío "A TODAS, especialmente #AsNosas, que defenden #asnosascores no campo, e sobre todo a cada unha das que forman #ANosaForza". Fíxoo cunha fotografía de dúas xogadores do seu equipo feminino --líder no seu grupo da Segunda División-- e co seu emblema tamén en lila. 

Deportivo e Celta mudaron os seus escudos co gallo do 8-M, coa cor lila ou co símbolo feminista

No caso do Club Deportivo Lugo, un vídeo no que as protagonistas son as traballadoras da entidade foi a forma elixida de homenaxear as mulleres. "Se elas paran, o CD Lugo para. Hoxe queremos facer visible a impotancia das nosas profesionais. Sen a súa achega, seguir adiante sería imposible. Elas son os noso verdadeiro once de gala", din. 

O Lugo dedica un vídeo ás traballadoras da entidade: "Elas son o noso verdadeiro once de gala"

O Burela Pescados Rubén de fútbol sala, referencia no deporte feminino galego, e outros moitos clubs galegos tamén amosaron o seu apoio ás reivindicacións feministas con iniciativas como as do Club Baloncesto Porto do Son. Tamén a compostelá Verónica Boquete, a mellor xogadora española de fútbol da historia. "Queremos igualdade! É unha cuestión de xustiza e é o momento do feminismo activo. Por nós, por vós, por elas", manifestouse nas redes sociais, tal e como fixeron outras moitas compañeiras doutras disciplinas. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.