0 Gardados para despois

A machista 'American Pie Party' deixa polémica en Vigo e viaxa agora a Lugo

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Elas de cheerleader ou de colexiala, eles de xogador de fútbol americano ou colexial. Moito alcohol, stripers ou un touro mecánico. Así é a American Pie Party que esta fin de semana tivo lugar en Mos, á que asistiron ao redor de 3.000 rapaces e rapazas (rapaces na súa inmensa maioría). Un evento que busca recrear todo o imaxinario dos filmes de Hollywood sobre adolescentes ou mesmo do porno e que se anuncia dicindo "Somos sensualidade, modernidade, irreverencia e complicidade. Rompe as regras, descúbrete, provoca, déixate provocar como en ningunha outra festa. Aquí os excesos son benvidos".

A iniciativa ten a súa orixe en Portugal, onde os seus promotores xa a levaron a varias cidades e agora salta á outra beira do Miño. Primeiro en Mos e o venres 23 de marzo en Lugo. A localización da festa, con entradas que van dos 7 euros (anticipada) ata os 50 euros (no mesmo día do evento), permanece en secreto ata uns minutos antes do seu inicio e mesmo nese momento só se comunica a través de SMS ás persoas que mercaron unha entrada.

A festa celebrada en Mos recibiu críticas nas redes sociais por supostas vexacións dun striper a unha muller ou pola presenza de menores. A organización portuguesa da American Pie Party negou estas acusacións afirmando que o que se observa no vídeo é "só teatro" e que a muller non foi forzada, en declaracións a La Voz de Galicia. O empresario engadiu que en Portugal "elas celebran o día da muller de noite con stripers pero en España parece prohibido".

Outras moitas críticas subliñaban o carácter machista da celebración, como este tuit: "Dous días despois do 8M celébrase o American Pie de Vigo. En fin". Ou este: "Non busquedes excusas con que no sabiades como era a festa de american pie que se fixo en Vigo, sabíadelo perfectamente e fostes. Nesa festa houbo violacións e cousificouse á muller e moitas persoas que se fan chamar feministas/aliados, foron. Orgullosos?".

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.