0 Gardados para despois

Narón recorda as vítimas da represión contra a Revolta das Pedradas no centenario do seu asasinato

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Un día coma hoxe, hai 100 anos, a Garda Civil matou sete persoas no campo da feira de Sedes (Narón), onde se celebraba a Feira do 13, despois de cinco días de protestas na comarca por mor do incremento dos prezos dos produtos de primeira necesidade. No centenario daqueles feitos este martes instalouse unha escultura que homenaxea ás e aos protagonistas daquela revolta e ás vítimas da represión. Ou, máis ben, recupérase a estatua, pois ese mesmo lugar xa acolleu dende 1933 e ata a Guerra Civil, un monumento de homenaxe, suprimido trala vitoria franquista.

Este domingo 18 de marzo a parroquia de Sedes acollerá os actos centrais do centenario da Revolta das Pedradas, un amplo conxunto de actividades organizados pola Comisión da Revolta Popular Marzo 1918. Ao longo de todo o día haberá unha charla-coloquio, un recital poético, xantar popular, música a cargo de Quinindiole e Mini e un taller da memoria a través do que veciños e veciñas contarán a súa memoria oral sobre os feitos e as súas consecuencias nas décadas seguintes. 

"Non se trata só de volver levantar un monumento, senón de volver poñer en valor a parte de historia de Narón que estaba soterrada, que se deixou de contar durante moitos anos"

"Non se trata só de volver levantar un monumento, senón de volver poñer en valor a parte de historia de Narón que estaba soterrada, que se deixou de contar durante moitos anos. Aquí morreron varias persoas porque pedían un prezo xusto polo seu produto para dar de comer ás súas familias. Entendemos que o pobo de Narón lles debemos esta homenaxe e moitas máis. E entendemos que esas persoas deberían ser un exemplo de valentía, de como un pobo se levanta contra o poder para pedir xustiza", destacou Lidia Romero, presidenta da Comisión da Revolta Popular Marzo 1918.

 

13 de marzo de 1918, día da matanza

A comarca de Ferrolterra levaba cinco días de revolta, iniciada o 8 e o 9 de marzo por un grupo de mulleres en Neda e na parte naronesa de Xuvia, en protesta polo elevado prezo do pan e outros produtos básicos. Os disparos efectuados por varios comerciantes son respondidos con pedradas a cargo das mulleres; dúas delas (Josefa Noval Luaces e Rosa Tenreiro Ameijeiras, ambas de Neda) sofren feridas graves de bala, tras recibir disparos na cabeza. Ante o acontecido o día anterior, organízanse comisións de mulleres e decídese cortar a subministración de alimentos e materias a Ferrol. O 11 de marzo únense á protesta as mulleres de Ferrol, Serantes e doutros concellos limítrofes. Están cortadas todas as rúas de acceso a cidade, así coma o porto e a estación de tren. Hai un paro xeral no estaleiro e o arsenal e unha manifestación é dispersada a tiros, provocando a morte dun neno de 12 anos (Juan Torres) e dun mozo de 16 (Valentín Dapena). O exército toma as rúas de Ferrol.

O 13 é día de feira en Sedes. O alcalde e algúns concelleiros de Narón son acusados de acaparadores e de querer vender trigo por riba dos prezos fixados. A protesta focalízase na casa do alcalde Juan Fernández Lamas contra a cal a multitude arroxa pedras. A Garda Civil, ás ordes do tenente Pedro Alcaide, dispara sobre os e as manifestantes causando polo menos 7 mortos e centos de feridos. Entre os falecidos atópanse Francisco Delgado Vilanova (Loira, Valdoviño), Valentín Muiño, Manuel Romero Romero (Sedes, Narón) e María González Fernández (Anca, Neda).

O 13 de marzo a Garda Civil, ás ordes do tenente Pedro Alcaide, dispara en Sedes sobre os e as manifestantes causando polo menos 7 mortos e centos de feridos

Ao día seguinte as protestas continúan, redobradas pola brutalidade amosada polas autoridades. Desde Ferrol sae unha manifestación de 6000 obreiros a levar unha coroa de flores ata Sedes en homenaxe as persoas vítimas dos sucesos do dia anterior, mentres as mulleres seguen coas protestas. Os trens a Ferrol son escoltados por tropas, o cal non evita que sexan asaltados por mulleres en Perlío e Maniños (Fene), onde estas se deitan nas vías para obrigalos a deterse. Nos seguintes días as noticias de prensa fanse eco dalgunha morte dos diferentes feridos e feridas, así coma dos procesos de toma de declaracións, detencións e postas a disposición militar de moitas persoas. 

Lidia Romero, presidenta da Comisión da Revolta Popular Marzo 1918: "Non se trata só de volver levantar un monumento, senón de volver poñer en valor a parte de historia de Narón que estaba soterrada, que se deixou de contar durante moitos anos"

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.