0 Gardados para despois

Uns 9.000 fogares galegos quedan sen luz polo paso da borrasca 'Gisele'

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Hai pouco máis dun ano, o temporal deixaba sen subministro eléctrico milleiros de fogares en Galicia, provocando non só os lóxicos problemas para os seus habitantes, senón a indignación e as queixas da veciñanza afectada. A maioría das incidencias correspondéranse coa rede de Gas Natural Fenosa, a principal subministradora en Galicia. A oposición pidera sancións e a Xunta abrira un expediente informativo á compañía da que nada se sabe trece meses despois. 

Agora, e coa chegada da borrasca Gisele, os cortes de luz volven afectar a Galicia. Arredor de 9.000 usuarios de Fenosa permanecían -ou permaneceron- durante mércores sen subministro eléctrico nalgún momento polas incidencias provocadas polas chuvias e os fortes refachos de vento, que superaron os 140 km/h nalgunhas zonas do país. 

Uns 9.000 fogares permanecen ou permaneceron sen subministro eléctrico durante este mércores en Galicia

Así, antes do mediodía rexistráranse xa máis dunha ducia de incidencias na rede de Fenosa, en especial no interior da provincia da Coruña, pero tamén en localidades de Pontevedra ou Ourense. Eran, en total e antes do mediodía, uns 7.700 os fogares sen luz, máis de 3.000 na provincia coruñesa, uns 2.400 na pontevedresa e sobre 2.000 na ourensá. A maioría de incidencias son debidas á caída de árbores ou pólas sobre a rede eléctrica e as brigadas da compañía enerxética traballan para reinstaurar o servizo canto antes. 

As chuvias que trae a borrasca Gisele foron moi importantes, así como o vento. Ademais de refachos moi significativos en Carballeda de Valdeorras, alcanzáronse os 138,6 km/h en Vimianzo, os 129,5 en Carnota, os 127,9 en Cedeira, os 127,7 en Lousame ou os 127,7 en Viveiro. Na montaña ourensá tamén se rexistraron ventos de 121,1 km/h na Veiga, 119,3 en Cervantes e 117,9 en Manzaneda.

Nada se sabe do expediente aberto pola Xunta a Fenosa tras os cortes de luz de hai un ano

Desde o BNG, tal e como fixo a parlamentaria Noa Presas, lembran que "aínda non é público" aquel expediente informativo que a Xunta abrira a Gas Natural Fenosa, malia que desde o propio grupo nacionalista reclamaron desde o Parlamento a documentación daquela petición de explicacións por parte do Goberno galego. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.