50 anos do 'maio do 68' de Compostela, que se adiantou dous meses ao de París

Cartel do acto deste venres © Fundación 10 de Marzo

O maio do 68 de París, de Praga, de Berkeley, de México... sucedeu tamén en Compostela. E sucedeu en marzo, cunha intensa mobilización estudantil en plena ditadura no que tamén agromaron outros movementos, coma Voces Ceibes, de cuxo nacemento tamén se conmemora este ano o 50 aniversario. A Fundación 10 de marzo e a Universidade de Santiago celebran este venres o acto en recordo das protestas, que terá lugar no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia) a partir das 19.30 horas.

Participarán Juan Viaño Rey (reitor da USC) e Ricardo Gurriarán, historiador e membro da F10M e comisario da exposición Do Gaudeamus Igitur ao Venceremos NósAdemais, intervirán protagonistas da época como José Antonio González Casanova, que era catedrático de Dereito Político na USC, Blanca Caamaño González, que estudaba Historia, Vicente Álvarez Areces, estudante de Matemáticas, e Emilio Pérez Touriño, estudante de Económicas. 

A axitación naquela Compostela de hai 50 anos comezara xa a finais de 1967. En novembro celebráranse eleccións estudantís na Universidade, con vitoria do Sindicato Democrático Libre, que dinamizou con numerosas actividades a vida universitaria. Porén, dende o inicio atopou moitos obstáculos impostos polas autoridades universitarias, coma o decano da Facultade de Ciencias, Joaquín Ocón. O 24 de decembro varios estudantes foron detidos e postos á disposición do TOP. E o 15 de xaneiro de 1968 comezou unha folga estudantil e a finais de mes tivo lugar unha manifestación que incluíu a queima de exemplares de El Correo Gallego. Houbo tamén folgas obreiras en Vigo e cortes de tráfico e enfrontamentos coa policía en Compostela, que se saldaron con novas detencións de estudantes. A prensa local dedicoulles un editorial que sentenciaba "a Universidade ten que ser depurada desta inmunda escoria".

A prensa local dedicoulles un editorial que sentenciaba "a Universidade ten que ser depurada desta inmunda escoria"

En marzo as protestas intensificáronse. O 9 de marzo os e as estudantes iniciaron un peche de tres días no reitorado, situado na actual Facultade de Xeografía e Historia, esixindo a destitución de Ocón, considerado o principal instigador da represión contra o estudantado. Nos días seguintes organizáronse asembleas, con participación multitudinaria. Porén, tamén recruou a represión: sete alumnos foron expulsados e outros seis perderon a matrícula e as cargas policiais enviaron ducias de feridos ao hospital, ao tempo que oito estudantes ingresaron no cárcere da Coruña.

O 26 de abril chegou o concerto inaugural de Voces Ceibes na Facultade de Medicina. Apenas uns días antes da celebración do 1º de maio, que serviu para poñer de relevo a unión de estudantado e obreiros na súa protesta contra a ditadura. cos estudantes repartindo propaganda obreira "baixo moito control e vixilancia policial", segundo apunta Ricardo Gurriarán. A mobilización comezara a decaer en abril, pero en maio viu conseguidos varios dos seus obxectivos, coa marcha de Ocón e a anulación de boa parte das sancións impostas.

 

Cartel do acto deste venres © Fundación 10 de Marzo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.