0 Gardados para despois

"Xestionamos dereitos que as persoas teñen, pero moitas achéganse con vergoña de estar nesa situación"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Este venres o Colexio Oficial de Traballo Social celebra en Compostela unha xornada de encontro e formación, coincidindo co Día Mundial do Traballo Social. O encontro, que terá lugar no Centro Cívico de Fontiñas a partir das 17 horas comezará cunha presentación a cargo da presidenta da entidade, Miriam Rodríguez Sierra. Haberá unha sesión técnica, a cargo de Carmen Rodríguez (vogalía de Comunicación), e dúas ponencias: unha sobre ética e deontoloxía no Traballo Social (Saleta de Salvador Agra) e outra sobre proteccións de datos nos Servizos Sociais (María Elena Puñal Romarís).

Finalmente, entregaranse os premios (de Investigación, Boas Prácticas e TFG/TFM) e haberá unha homenaxe á colexiación polos 25 anos anos da entidade. Os actos pecharanse cunha intervención de Antía Sobrino, vicepresidenta do Colexio, con quen falamos. As xornadas vanse emitir en directo en streaming, vídeos que poderán consultarse tamén nos días seguintes a través da web do COTSG. Sobrino salienta que as sesións "vanse realizar nun centro cívico, porque cremos que os recursos da comunidade deben estar dispoñibles e ser aproveitados".

"Temos que estar presentes en todos aqueles sitios nos que poidamos facer falta. Por desgraza en moitos sitios non nos teñen suficientemente valoradas"

Cales son os principais retos dos Servizos Sociais e das profesionais do Traballo Social neste momento en Galicia?

O maior reto é tratar de chegar a todas as persoas que nestes momentos están precisando dalgún tipo de axuda que pode provir do traballo social: as persoas en risco de exclusión, as persoas dependentes... Temos que estar presentes en todos aqueles sitios nos que poidamos facer falta. Por desgraza en moitos sitios non nos teñen suficientemente valoradas. Dende o Colexio o que queremos é explicar a nosa profesión, amosarlle á sociedade por que facemos falta, que non nos vexan simplemente como xestoras de recursos, senón como persoas que estamos para traballar no benestar social da poboación e da comunidade en xeral.

É importante aínda salientar o labor que facedes as persoas que estades nesa primeira liña, pola vosa capacidade para detectar situacións de risco e necesidades que teñen as persoas coas que traballades, non si?

Hai situacións nas que se nos achega unha persoa porque necesita unha axuda para poder, por exemplo, mercar unhas gafas. Nunha primeira intervención comezas a establecer unha relación de confianza coa persoa que acude aos servizos sociais e iso pode derivar en que co tempo coñezas a súa familia, poidas detectar outras necesidades que esas persoas poden ter, tanto a nivel material, como na ensino dos e das menores ou na xestión doutros asuntos. Non estamos só para cubrir papeis, senón que a nosa intervención debe ser moito máis integral, buscando o benestar das persoas como primeiro obxectivo. Por desgraza non sempre podemos cumprir todas estas funcións.

"Non estamos só para cubrir papeis, senón que a nosa intervención debe ser moito máis integral, buscando o benestar das persoas como primeiro obxectivo"

Que necesidades tedes? Que sería preciso para poder cumprir esas funcións?

Por un lado necesitamos máis persoal, tanto nos servizos sociais públicos coma nos servizos sociais privados, porque case todas as profesionais están a sufrir unha gran sobrecarga de traballo. Necesitamos, ademais, máis recursos cos que poder intervir. Por exemplo máis prazas en residencias para maiores, en centros de día, en centros de atención a discapacidades, en escolas infantís... E máis axudas económicas para que estas persoas poidan facer fronte ás necesidades básicas.

A nivel organizativo prevedes cambios no Colexio?

Partindo da realidade xeográfica de Galicia e da dispersión da poboación, dende o COTSG queremos contar cunha persoa de referencia en cada provincia, para que as persoas que están máis lonxe de Compostela se poidan dirixir con máis facilidade ao Colexio.

"Coa crise viuse que calquera persoa pode precisar nalgún momento dos servizos sociais"

Ao longo da crise económica cambiou o tipo de persoas que se achegaban aos Servizos Sociais ou as súas necesidades?

Antes da crise o perfil das persoas que facían uso dos servizos sociais estaba moito máis estereotipado. Pero coa crise viuse que calquera persoa pode precisar nalgún momento dos servizos sociais. Nós xestionamos dereitos que a xente ten pero moitas persoas aínda se achegan a nós cun pouco de vergoña de atoparse nesa situación. Eu neses casos sempre me digo que eu podería ser quen estivese do outro lado da mesa. Un dos grandes problemas que estamos atopando é o da precariedade no emprego; se unha persoa atopa un emprego pero só lle dura un mes, iso non lle vai solucionar a maior parte dos problemas que sofre. Pode que haxa quen saíu da crise, pero dende logo esa recuperación non chegou a todos os sectores que se viron golpeados por ela.

"Os datos cos que traballamos nos servizos sociais son datos moi protexidos, da mesma maneira que están protexidos os datos sanitarios"

Dedicades unha sesión á protección de datos. Na actualidade esta información está correctamente protexida?

Moita xente non é consciente que os datos cos que traballamos nos servizos sociais son datos moi protexidos, da mesma maneira que están protexidos os datos sanitarios. Para iso utilizamos numerosas ferramentas, que serven para garantir esta protección, e parecíanos importante destacalo nestas xornadas. Nós aseguramos a confidencialidade dos datos e utilizámolos unicamente para aqueles fins para os que foron obtidos. Temos un código deontolóxico, como ten a Medicina, e queremos remarcar que traballamos en todo momento tendo como obxectivo a salvagarda dos dereitos da persoa coa que estamos a traballar.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.