O Parlamento pide a "blindaxe dos recursos públicos" para o apoio ás persoas con Síndrome de Down

Celebración do Día Mundial, o pasado ano © Down Galicia

Este 21 de marzo celébrase o Día Mundial da síndrome de Down. Nacións Unidas aprobou en novembro de 2011 a declaración do 21 de marzo, escollendo esta data [21/03] como un símbolo, en referencia á triplicación [trisomía] do cromosoma 21 que se traduce na condición xenética da síndrome de Down.

Como vén sendo habitual nos últimos anos, a Federación Down Galicia e a Fundación Down Compostela celebran un acto público en Santiago, que comezará ás 20 horas no Hostal dos Reis Católicos. A cita ten como principal obxectivo que as persoas coa síndrome de Down poidan reclamar os seus dereitos e defender a riqueza dunha sociedade diversa e plural. Este día, ademais, conmemórase o 21 aniversario da Fundación Down Compostela.

As persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais volverán ser as protagonistas da gala, xa que serán as encargadas de conducir o acto, ler o Manifesto pola promoción da Autonomía Persoal e entregar os VII Premios da Fundación. Irene Rodríguez-Toubes, moza con Síndrome de Down, abrirá a gala interpretando ao piano un preludio de Bach e a Marcha turca de Mozart. Durante o evento, as persoas asistentes poderán desfrutar tamén cun sketch da nova obra de teatro do Grupo de teatro Down Compostela, A mansión de José Cruz, así como da estrea do vídeoclip da canción Tres en raia do grupo galego A banda da loba.

Entregaranse, así mesmo, os VII Premios Down Compostela. A Fundación Down Compostela acordou recoñecer o traballo que veñen realizando o Colexio “Nuestra Señora del Rosario” de Arzúa (colexio Atocha), a empresa Cafento, a directora do Centro Institucións Galicia de Caixabank, María Jesús García Piñeiro, e a voluntaria Malena González Barreiro.

"As persoas con síndrome de Down son auténticas, inimitables. Elas sempre se mostran tal e como son e esa forma de ser, natural e espontánea, conquístanos por completo"

Ademais, o Parlamento aprobou unha Declaración Institucional na que "anima ao conxunto das institucións públicas, entidades e organizacións privadas e á sociedade civil" a "esforzarse de cara mellorar a calidade de vida das persoas coa síndrome de Down, nomeadamente en materia de atención á saúde, atención temperá, ensino inclusivo, inserción laboral, investigación, exercicio de dereitos, en especial garantir o seu dereito ao sufraxio e igualdade de oportunidades". O texto aprobado polos catro grupos con representación na cámara subliña que "segue resultando imprescindible apostar por medidas inclusivas, orientadas a facilitar a inserción laboral e a estimular a autonomía destas persoas, obxectivos para os que a blindaxe dos recursos públicos resulta determinante".

Nos últimos anos as persoas con Síndrome de Down foron superando algúns dos moitos obstáculos que atopan para a súa inserción laboral, exercer os seus dereitos ou poder vivir as súas vidas con autonomía. Por exemplo, o pasado ano chegaron as primeiras oposicións da Xunta reservadas a persoas con discapacidade intelectual. Porén, este mes de xaneiro un recorte nas axudas da Xunta deixaba no aire dez prazas de atención a persoas con síndrome de Down.

Tres en raia, d'A banda da Loba

Outros actos

O Parlamento subliña que "a blindaxe dos recursos públicos resulta determinante" para "facilitar a inserción laboral e a estimular a autonomía destas persoas"

Non será o único acto sinalado nesta conmemoración, pois os principais monumentos de varias cidades galegas iluminaranse este mércores. A Torre de Hércules, o Hostal dos Reis Católicos, a Cidade da Cultura, a Ponte Romana de Ourense ou os concellos de Ferrol, Pontevedra e Santiago de Compostela, entre outros, serán iluminados de azul e amarelo na tarde-noite deste 21 de marzo.

Ademais, Down España creou con motivo do Día Mundial da Síndrome de Down a campaña #Auténticos, destacando que "as persoas con síndrome de Down son auténticas, inimitables. Elas sempre se mostran tal e como son e esa forma de ser, natural e espontánea, conquístanos por completo". A campaña acompáñase da publicación nas redes sociais de distintas mensaxes empregando o hashtag #autenticos.

A Fundación Down Compostela conmemora este 21 de marzo o Día Mundial da síndrome de Down © Down Galicia
Irene Rodríguez-Toubes, moza coa síndrome de Down que abrirá os actos interpretando dúas pezas ao piano © Down Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.