O TSXG sinala que é ilegal esixir un idioma estranxeiro na universidade se non figura no plan de estudos

Sede do Reitorado da USC © Santiago Turismo

A Sección Primeira da Sala do Contencioso do TSXG vén de ditar unha sentenza que sinala que non se pode esixir un nivel B1 dun idioma estranxeiro para obter un título universitario se este requisito non está incluído no plan de estudos. O ditame fai referencia a unha reclamación presentada por un alumno de Historia na Universidade de Santiago (USC), a quen lle foi denegado hai dous cursos o título de grao por non ser aceptada a documentación acreditativa do seu coñecemento de francés. O alumno recorreu posteriormente ao tribunal contencioso-administrativo, que tampouco lle deron a razón, pero o recurso de apelación examinado polo TSXG vén de revogar a sentenza inicial.

O TSXG sinala que “se se analiza seguidamente o plan de estudos resumido por módulos e por cursos non aparece por ningunha parte a esixencia de coñecemento do nivel  B1 dunha lingua estranxeira, nin sequera de coñecemento transversal”. E conclúe que “ao non acharse no plan de estudos aprobado e publicado a esixencia de coñecemento do nivel B1 da lingua estranxeira, non cabe impoñela para a obtención do título”.

“Ao non acharse no plan de estudos aprobado e publicado a esixencia de coñecemento do nivel B1 da lingua estranxeira, non cabe impoñela para a obtención do título” 

“A autonomía universitaria permite que cada Universidade tome a iniciativa na elaboración do plan de estudos ao comezo do procedemento de verificación e acreditación dos títulos, pero non ampara que, unha vez aprobado e publicado o plan de estudos, se introduza esta esixencia do nivel B1 de lingua estranxeira, que non figura naquel plan, como requisito imprescindible para a obtención do título”, afirma a sentenza, engadindo que "non cabe negar a expedición do título cando acreditou superar toda a formación teórica e práctica obrigatoriamente esixida polo seu plan de estudos”. 

A sentenza, que pode ser apelada ante o Tribunal Supremo, declara "o dereito do recorrente a que se lle expida o título de graduado en Historia, con exención de calquera requisito relativo á acreditación do coñecemento dunha lingua estranxeira a nivel B1".

 

Reitorado da USC CC-BY-NC Colleysmill

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.