E se convertemos a N-550 no Milladoiro nunha verdadeira avenida?

A Avenida Rosalía de Castro, ao seu paso polo Milladoiro (Ames) © Concello de Ames

O Milladoiro é un núcleo urbano do Concello de Ames que disparou a súa poboación nas últimas dúas décadas, pasando de pouco máis de 5.000 habitantes no ano 2000 a 12.602 no 2017. A vila creceu no marco da construción acelerada e prezos da vivenda máis reducidos que os que se podían atopar no Concello de Santiago, converténdose nun barrio-dormitorio da capital de Galicia (onde traballa unha parte importante dos seus habitantes) pero que pouco a pouco foi gañando vida de seu. O Milladoiro era tradicionalmente o camiño de acceso a Compostela dende o sur, e a súa poboación foise agrupando nas beiras da N-550, unha vía que ao seu paso pola localidade adopta o nome de Avenida Rosalía de Castro e que, debido ao seu intenso tráfico (unha media de case 30.000 vehículos diarios), parte en dous a vila.

A situación veu facéndose máis e máis insostible nos últimos anos, cun incremento dos atascos, protestas pola contaminación xerada, o ruído e as incomodidades para os máis de 12.000 habitantes do Milladoiro. En xaneiro os sete grupos con representación municipal no Concello de Ames asinaron un documento no que esixían solucións para transformar a vía nunha verdadeira avenida e desviar o tráfico na entrada e na saída da vila. E a pasada semana vén de constituírse a Plataforma pola humanización da N550 ao seu paso polo Milladoiro.

O colectivo naceu nunha asemblea veciñal na que participaron un cento de veciños e á que asistiu o propio alcalde José Miñones, ademais de representantes de todas as forzas políticas con representación municipal. A plataforma, que xa constituíu unha Comisión Xestora, ten como finalidade "promover medidas para a humanización da rúa Rosalía de Castro, o que implica necesariamente a redución drástica do tráfico coa posta en servizo de alternativas para o mesmo e a conversión da dita avenida nun paseo urbano con dúas vías, así como ampliación de beirarrúas e pasos de peóns".

A plataforma aposta polo desvío pola autovía Noia-Santiago dende a rotonda das Galanas, que se complementaría cunha nova regulación dos semáforos no interior do Milladoiro, dándolles máis prioridade aos peóns

O Concello de Ames mantivo unha xuntanza co Ministerio de Fomento na que se analizaron varias posibles solucións: Unha circunvalación ou variante da N550 ao seu paso polo Milladoiro, un túnel por debaixo da actual Avenida Rosalía Castro, a construción dun novo acceso á AP-9 ao sur do Milladoiro e liberar de peaxe o treito ata Santiago ou o desvío do tráfico en tránsito pola autovía Santiago-Noia. Na reunión, o Ministerio descartou o túnel polo seu elevado custe e a alternativa da AP-9 pola elevada compensación que esixiría Audasa. Fomento apostou pola circunvalación, pero advertiu que "tería que facer un estudio previo para ver se unha variante da N550 resulta compatible coa estrutura urbana actual", sinala a Plataforma, polo que os seus efectos aínda tardarían varios anos en facerse notar.

O colectivo veciñal aposta por outra solución máis efectiva curto-medio prazo: o desvío pola autovía Noia-Santiago dende a rotonda das Galanas, que se complementaría cunha nova regulación dos semáforos no interior do Milladoiro, dándolles máis prioridade aos peóns.

"Neste problema puxéronse de acordo todos os grupos políticos do Concello e non se explicaría que a Conselleira se limitase a botar balóns fóra"

Despois da reunión entre Concello e Ministerio de Fomento, o alcalde de Ames informou que ten solicitada outra reunión coa Conselleira da Infraestruturas, Ethel Vázquez, "quen se mostrou pouco receptiva, alegando que a N550 non é da súa competencia", explica a Plataforma, que lle lembra que "a Autovía Santiago-Noia é de competencia plena da Xunta". A Plataforma subliña que "neste problema puxéronse de acordo todos os grupos políticos do Concello e non se explicaría que a Conselleira se limitase a botar balóns fóra". "Dende a Plataforma pedímoslle unha responsabilidade acorde co seu cargo para buscar unha saída a un problema que afecta a miles de veciños", conclúen.

Estelas de tráfico en Milladoiro CC-BY-NC-SA José Arufe
A N-550 ao seu paso por Milladoiro (Ames) © Google Maps

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.