0 Gardados para despois

A Xunta nega o "desmantelamento" do Hospital de Verín e cualifica de "irresponsables" as críticas

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O pasado sábado unha masiva manifestación percorreu as rúas de Verín en defensa da sanidade pública e en protesta polo "desmantelamento do Hospital comarcal", baixo o lema "non somos números, somos persoas". Ao redor de 4.000 persoas, segundo a Policía Local, marcharon a baixo a chuvia, nunha participación que rebordou as previsións e que supuña case un terzo da poboación total do concello, que non chega a 14 mil (27 mil no conxunto da comarca). Na mobilización estiveron presentes representantes de todos os grupos da oposición, entre eles Gonzalo Caballero, líder do PSdeG-PSOE, e o alcalde de Verín, o socialista Gerardo Seoane Fidalgo.

Este martes o tema chegou ao Parlamento, á Comisión de Sanidade, onde Eva Solla (En Marea) realizou varias preguntas en relación coa dotación de servizos e persoal coa que conta o centro hospitalario. Solla reclamou que o Hospital de Verín conte cunha unidade de hospitalización a domicilio, que se reabra a Unidade de paliativos e que o 061 teña base neste hospital. A deputada fixo referencia na súa intervención á masiva manifestación do pasado sábado: "milleiros que persoas que facían efectiva a advertencia que lles facíamos, que a aprobación da contrarreforma da Lei de Saúde non ía supor o cese da loita de galegos e galegas pola súa sanidade pública".

"O Hospital de Verín é un claro exemplo desta política de deterioro de servizos públicos", salientou Solla. "A Unidade de Coidados Paliativos non existe. Outro exemplo deste desmantelamento prodúcese en traumatoloxía, que antes contaba con 4 facultativos e ágora está na metade, con aumento desmesurado das listas de espera que provoca as derivacións constantes á sanidade privada", subliñou. "Ademais de servizos e problemas concretos característicos do Hospital, existen no mesmo demandas que resultan comúns a todo o Sistema Galego de Saúde, como a falta de persoal en xeral, producíndose situacións nas que unha soa auxiliar debe atender a máis de 20 pacientes", engadiu.

O Xerente do Sergas, Antonio Fernández Campa, respondeu que as críticas realizadas por Solla, presentes na manifestación do sábado, non se axustaban "á realidade" e afirmou que o persoal co que conta o centro está axustado á actividade do mesmo, que creceu nos últimos anos. Solla replicou sinalando que no PP "fan mal tratando as persoas que se mobilizan pola sanidade pública coma se fosen unhas ignorantes e estivesen manipuladas polos grupos da oposición". 

Solla: "Fan mal tratando as persoas que se mobilizan pola sanidade pública coma se fosen unhas ignorantes e estivesen manipuladas polos grupos da oposición"

Fernández Campa, finalmente, afirmou que "entendía" que moitas persoas acudían a esa manifestación cunha "preocupación" pola sanidade pública, pero "moitas veces partindo de informacións que non se axustan á realidade" -continuou- "proporcionadas por representantes políticos", dixo en referencia ao alcalde de Verín, Gerardo Seoane Fidalgo, de quen dixo que "ten unha actitude irresponsable" e "está meténdolles medo aos cidadáns".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.