0 Gardados para despois

Oposición e veciñanza denuncian "danos medioambientais" en Touro por sondaxes mineiras "sen licenza"

Redacción | @prazapublica

A plataforma veciñal Mina Touro-O Pino Non denuncia que a compañía que pretende a polémica reactivación do proxecto de extracción de cobre acumula "máis de 360 sondaxes sen licenza" e "ante a permisividade do alcalde". O colectivo asegura que foi o alcalde de Touro, Ignacio Codesido, quen recoñeceu no último pleno municipal que abordou o tema a falta de autorización por parte de Atalaya Mining. 

A plataforma veciñal advirte de que o propio alcalde de Touro recoñece que a empresa realizou centos de sondaxes sen licenza municipal

Preguntado o alcalde sobre se a empresa tiña solicitado autorización municipal para realizar os sondaxes, este contestou que “non”, segundo informa a plataforma, que achega un vídeo desta declaración. "Sobre se se lle tiña esixido á promotora algunha fianza ou depósito para facer fronte aos danos causados, o rexedor informou de que un técnico municipal se estaba encargando do asunto e se abrira un expediente trala denuncia dun particular e non por iniciativa municipal", engaden nun comunicado. 

Tal e como lembra a plataforma, Alberto Lavandeira, conselleiro delegado de Atalaya Mining, empresa copartícipe de Cobre San Rafael xunto con Explotaciones Gallegas, aseguraba ter realizado máis de 600 exploracións, das cales só 240 foran en terreos privados. "Con estes datos, máis de 360 sondaxes teríanse realizado sen a preceptiva licencia, de forma ilegal", lembran. 

A polémica chegou á comisión de industria do Parlamengo galego, onde o PSdeG denunciou "problemas ambientais" xerados polas devanditas sondaxes, unha queixa apoiada por En Marea e BNG. Todo xurdiu tras unha proposta do PP que saíu adiante unicamente cos seus votos e na que pedía á Xunta que "cumprra a lei" co proxecto para que "non quede ningunha dúbida" sobre a súa legalidade.  En Marea e Bloque votaron en contra e os socialistas abstivéronse. 

O PP sacou adiante unha proposta só cos seus votos e acusou a oposición de "demagoxia"

O popular Moisés Blanco criticou a "tendencia" da oposición a "sinalar empresas, ben por prexuízos ideolóxicos, por cálculos electorais ou por descoñecemento". Ademais, dixo querer "afastar a demagoxia" do debate sobre a "controvertida mina", e reivindicou a "importancia do sector", a seguridade xurídica e unha minería "moderna" e "respectuosa co medio ambiente".

Noa Presas, do BNG, asegurou estar "a favor da minería" pero en contra "da demagoxia" que o PP "emprega" co Bloque. "A mina de Touro, nin moderna nin sustentable", advertiu. Pola súa banda, o socialista Abel Losada aclarou que o seu grupo "nunca" fixo "unha causa xeral contra a minería", antes de amosar unhas fotografías coas que se preguntou "como alguén pode dicir que non hai problemas ambientais aquí", en referencia ás zonas de Touro afectadas polas devanditas sondaxes e ás imaxes que tamén facilita a plataforma veciñal. 

Pola súa banda, Pancho Casal, por En Marea, referiuse tamén ás presuntas irregularidades para asegurar que "a lei non se está cumprindo no inicio do proxecto", con "prospeccións" das que "segundo o alcalde el non sabe nada".

Son xa 18 os concellos, xunto á Deputación da Coruña, os que aprobaron mocións contrarias á apertura da mina de Touro e O Pino

A plataforma, ademais, lembra que xa son 18 concellos (e tamén a Deputación da Coruña) os que "aprobaron en pleno mocións contrarias á apertura da mina de Touro e O Pino". Na última incorporación a esta lista, o Concello de Padrón, todos os grupos con representación na corporación municipal decidiron de xeito unánime solicitarlle á Xunta de Galicia a denegación da reapertura da actividade mineira e que obrigue aos titulares da concesión a restaurar os solos e as augas, subterráneas e superficiais, contaminadas pola anterior actividade mineira.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.