Unha ducia de novas para recuperares se desconectaches durante a Semana Santa

Dominio Público Praza Pública

A semana que transcorreu do 26 de marzo ao 1 de abril foi para moita xente de desconexión das actividades cotiás, xa fose por devoción relixiosa ou polo mero feito de incluír dúas xornadas de lecer. Así e todo, durante os días da Semana Santa a actualidade non parou. Así, por exemplo, coñecemos que o Servizo Galego de Saúde foi denunciado polo falecemento dunha muller nas Urxencias do Clínico de Santiago ou que a Xunta está a prestar o servizo de salvamento marítimo con helicópteros que vendera hai seis anos por consideralos obsoletos. Esta foi tamén a semana na que a folga do persoal da xustiza atravesou o limiar dos 50 días sen solución á vista, pero tamén foron os días nas que nos achegamos a retallos da historia do país en eidos como as reivindicacións ferroviarias ou o fútbol. Velaquí un repaso para volver coller o ritmo.

A morte dunha moza marca o inicio do novo sistema de acceso á praia das Catedrais

Unha muller que visitaba o areal faleceu tras caerlle unha pedra na cabeza. O areal seguirá pechado durante este luns logo das inspeccións realizadas pola Garda Civil e técnicos de Medio Ambiente, consellería que inaugurara nesta Semana Santa un método que axilizaba a entrada. Ler máis

A ONU advirte a Xunta por falta de información sobre os proxectos mineiros

Nacións Unidas, a través da comisión de cumprimento do Convenio de Aarhus, admite a trámite unha queixa de dous colectivos galegos e obriga o Goberno galego a explicar por que impide o acceso á información ambiental de diferentes iniciativas industriais. Ler máis

A resistencia do persoal da Xustiza en folga descoloca a Xunta tras 50 días de mobilización

O paro que comezou o pasado 7 de febreiro provocou xa a suspensión duns 20.000 xuízos e 50.000 trámites nun conflito sen precedentes no sector público en Galicia. O Goberno di non moverse da súa sétima oferta de incremento salarial, afastada uns 60 euros da reclamación do funcionariado. Ler máis

A Xunta opera o salvamento marítimo con dous helicópteros alugados que vendeu en 2012 por "obsoletos"

A compañía á que o Goberno galego vén de renovar o servizo pon para facelo os dous mesmos aparatos que Fraga mercou en 2005 e dos que Feijóo se desfixo sete anos máis tarde co argumento de que así podería contratar outros "máis modernos".  Ler máis

A Fiscalía denuncia a Xunta pola morte dunha muller nos corredores de Urxencias do CHUS

O sindicato CESM-Omega anuncia que o Ministerio Fiscal presentou unha demanda contra a Administración ao ver "indicios de delito" no falecemento dunha doente que agardaba a ser atendida no hospital en Santiago. Ler máis

O Ministerio de Sanidade ficha unha das responsables do Sergas imputada por homicidio no caso da hepatite

A ata agora subdirectora xeral de Farmacia marcha ao Goberno central para realizar un estudo sobre a área farmacéutica, pero fontes do Ministerio de Sanidade admiten que o seu destino definitivo será o posto de subdirectora xeral de Calidade do Medicamento. Ler máis

O banco malo tenta desfacerse de 41 parcelas da ruinosa urbanización de Fadesa en Miño

A quebrada inmobiliaria proxectara 1.200 vivendas na urbanización Costa Miño con apoio entusiasta do goberno municipal da vila. En 2017 o 'banco malo' negouse a informar o Parlamento sobre os activos inmobiliarios tóxicos que absorbeu no rescate de Novacaixagalicia. Ler máis

Así foron as folgas máis longas dos últimos anos en Galicia

A folga na Xustiza supera xa os 50 días. Os paros laborais en Albada (A Coruña) ou Lantero (Vilagarcía) superaron os 100 días, acadando a maior parte dos seus obxectivos. A folga de recollida do lixo en Lugo, a do persoal das autoescolas, a de T-Solar, a das traballadoras de Cuca ou a de Correos en Vigo destacaron tamén pola súa duración. Ler máis

O grupo de En Marea acorda non pedir a dimisión da deputada Paula Quinteiro

O acordo pechado polo grupo parlamentario contempla que Quinteiro pida a "apertura dun expediente informativo" sobre o altercado coa policía para detallar "todos os elementos que concorren no caso" e resalta que o acordo no que o Consello solicitaba o cesamento non ten "consecuencias directas". Ler máis

Galícia de Bahia: o equipo dos galegos no Brasil cumpre 85 anos

O club brasileiro, fundado por emigrantes galegos en Salvador, celebra a efeméride procurando difundir a súa historia no país que lle dá nome. "Muitos galegos não sabem que aqui têm a sua equipa", di o seu presidente, Manolo Muíños, que vén de buscar apoios na terra de seus pais. Ler máis

Cen anos do frustrado tren entre Ribadeo e o Bierzo

O proxecto, licitado en marzo de 1918 para facilitar os movementos de minerais, quedou deserto polo seu custo e dificultade. Nas últimas eleccións autonómicas Ciudadanos propuxo “completar o enlace ferroviario entre a Mariña Lucense e o nó de Monforte”. Ler máis

O 25 de abril desaparecerá Blogaliza, tras 15 anos na rede

En menos dun mes pechará a súas portas, dándolle tempo aos seus usuarios e usuarias para que copien ou exporten os seus contidos. Creado en 2003 por Pedro Silva (Goretoxo), o espazo despídese dicindo que "toca disolverse na néboa para que outras iniciativas poidan xurdir da reorganización das enerxías dispersas". Ler máis

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.