0 Gardados para despois

Federici: "O 8M debe concretarse en programas que permitan pensar máis aló do capitalismo"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


A escritora e profesora italo-estadounidense Silvia Federici ofreceu este martes, tralo seu paso o luns pola Semana de Filosofía de Pontevedra, unha conferencia na Coruña que serviu para inaugurar a Escola de Empoderamento Feminista da cidade. O paraninfo da Universidade ficou pequeno ante a gran expectación xerada por un dos máis importantes referentes do feminismo, que durante hora e media trazou un fío entre as loitas das mulleres do pasado, do presente e as que están por vir, incidindo na necesidade de concretar programas, no espazo produtivo e reprodutivo, "que permitan pensar máis aló do capitalismo" e das súas lóxicas de división do traballo. Presentada pola profesora da UDC Antía Pérez Caramés e pola concelleira de Igualdade Rocío Fraga, o acto pechouse cunha actuación de Aldaolado.

Nas masivas manifestacións feministas do pasado mes de marzo podía lerse nalgún cartel "somos as netas das bruxas que non puidestes queimar", establecendo unha xenealoxía directa entre a actual rebelión contra o patriarcado e as cazas de bruxas que marcaron o paso da sociedade feudal á sociedade capitalista e a aínda vixente división sexual do traballo. Este martes Federici (que afondou neste tema en Calibán e a bruxa) historizou esta violencia conta a muller, enmarcándoa nun proceso de destrución dos espazos colectivos e as lóxicas comunitarias, de cara á imposición dunha nova estrutura social. “Detrás da caza de bruxas había un proceso de cambio social. Por unha banda buscábase destruír prácticas e suxeitos sociais que constituían un obstáculo ao desenvolvemento do capitalismo e, ao tempo, buscábase construír un novo papel social da muller", dixo. “A Idade Media é un mundo de relacións comunitarias, nas que as mulleres estaban integradas plenamente, un mundo no que o traballo produtivo e o reprodutivo confúndense e, ademais, realízanse de maneira colectiva”, engadiu.

“Detrás da caza de bruxas había un proceso de cambio social. Buscábase destruír prácticas e suxeitos sociais que constituían un obstáculo ao desenvolvemento do capitalismo e, ao tempo, construír un novo papel social da muller"

A división sexual do traballo confinou a muller ao espazo da reprodución, desligado dos procesos produtivos e despoxado dunha valoración económica. Un traballo reprodutivo necesario, en todo caso, para asegurar o crecemento dos procesos produtivos e fornecedor de man de obra e sostén da súa saúde e benestar. Federici alertou de que estas cazas de bruxas regresaron nas últimas décadas en numerosas zonas do planeta (India, África, América Latina...), ligadas novamente a procesos de expansión capitalista, a políticas extractivistas e á destrución de tecidos comunitarios. E coa axuda, ademais, de determinadas seitas, coma a Igrexa Pentecostal. "A violencia forma parte estrutural do desenvolvemento do capitalismo. Chámanlle desenvolvemento, nós chamámoslle violencia", destacou.

"A violencia forma parte estrutural do desenvolvemento do capitalismo. Chámanlle desenvolvemento, nós chamámoslle violencia", destacou

Federici advertiu igualmente da "instrumentalización" dos movementos de protesta que o capitalismo e certas estruturas do sistema levan a cabo, en referencia ao anticolonialismo e ao propio feminismo. "Prodúcese unha apropiación da axenda feminista, desbotando os elementos máis subversivos", sinalou. Fixo tamén un chamamento a desconfiar "do potencial emancipador do traballo feminino". “O movemento feminista empregou unha gran parte das súas enerxías nas últimas décadas en buscar a entrada no mundo do traballo, dominado polos homes”, explicou, alertando de que "todas as violencias están conectadas: a violencia de xénero e a violencia económica, a precariedade da vida, a incerteza laboral".

Considerou neste senso "un erro de estratexia" do feminismo "o abandono da reprodución como terreo de loita” e alertou de que o espazo da reprodución xa está a ser comercializado polo capitalismo, a través da explotación laboral de milleiros de mulleres na hostalaría, os coidados ou a limpeza, nuns procesos nos que entran en xogo "novas divisións raciais e económicas". Reclamou, así, "crear loita política a partir da reprodución, que se opoña á división que o capitalismo está promovendo e rompa o illamento no que se atopan moitas mulleres neste ámbito".

Reclamou "crear loita política a partir da reprodución, que se opoña á división que o capitalismo está promovendo"

A escritora rematou a súa intervención facendo un chamamento a canalizar a fortaleza crecente do feminismo, posta de relevo na folga xeral e nas mobilizacións do pasado 8 de marzo, reforzando a organización social do movemento e "reapropiándonos da capacidade de decidir". Amosouse optimista: "Eu espero que a forza do 8 de marzo non se vai dispersar, vaise concretar en programas que permitan pensar a sociedade máis aló do capitalismo". Fixo un chamamento, neste senso, a levar a cabo unha "reapropiación da riqueza social" que permita unha mellor distribución da riqueza e garantir o pagamento das pensións e, así mesmo, a "pensar que relacións sociais necesitamos".

 

Comeza a Escola de Empoderamento Feminista

Amosouse optimista: "A forza do 8 de marzo non se vai dispersar, vaise concretar en programas que permitan pensar a sociedade máis aló do capitalismo"

A conferencia de Silvia Federici serviu como inauguración da Escola de Empoderamento Feminista da Coruña, un novo programa de formación posto en marcha polo Concello que entre abril e xullo ofrecerá dez obradoiros gratuítos nos centros cívicos da cidade. A programación, que ten vocación de continuidade, inclúe por exemplo o taller As Mulleres que me Conforman, dirixido a mulleres interesadas no desenvolvemento creativo e persoal a través de ferramentas audiovisuais. "Da man dunha psicóloga e unha comunicadora audiovisual traballaremos ao redor da idea das mulleres que admiramos, que foron e son referentes, e que nos representan", explicou a concelleira Rocío Fraga. 

Ou tamén o obradoiro Novas Masculinidades e Paternidades Corresponsables, dirixido aos varóns, e que pretende traballar "a apertura dos homes cara o bo trato consigo mesmos, como base dende a que impulsar un trato positivo co resto, desterrando calquera forma de violencia machista, por pequena que sexa". Destaca igualmente Coidar Coidándonos, dirixido a mulleres a partir de 18 anos, un taller que afonda na situación de moitas mulleres coidadoras de dependentes, colectivo especialmente vulnerable non só pola súa carga na saúde física e emocional, senón pola situación de illamento na que se atopan.

O programa complétase cun curso de Autodefensa Feminista, un obradoiro sobre Xénero e Discapacidade, un taller de Cabaré Empoderante, outro sobre Diversexualidades, que busca "educar na diversidade afectivo sexual". Outra das actividades, Ffotografía, integra feminismo e fotografía. O obradoiro Empoderamento e Crecemento Erótico, para mulleres a partir dos 30 anos busca "enriquecer o autocoñecemento e as interaccións persoais, relacionais e sociais". Finalmente, o taller Xénero, Poder e Feminismo está pensado para "reflexionar e tomar consciencia de como a construción de xénero inflúe no funcionamento dos grupos".

Conferencia de Silvia Federici na Coruña

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.